Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2023.) |
A cerámica é calquera dos diversos materiais duros, fráxiles, resistentes á calor e resistentes á corrosión que se obteñen mediante a conformación e posterior cocción dun material inorgánico e non metálico, como a arxila ou a terracota, a alta temperatura (de 700 °C a 1100 °C) despois de lles dar a forma mediante un moldeado. Exemplos comúns son o barro, a porcelana e o ladrillo.
Tamén se refire a arte que fabrica obxectos como olas ou xerras (olaría), tellas e materiais de construción. Na historia da humanidade é a primeira arte do lume e atópase antes da metalurxia e do vidro. A palabra abarca tanto o material, como a tecnoloxía e os obxectos feitos con ela. Certos tipos de cerámicas son representativos dunha época, dunha cultura ou tamén das culturas arqueolóxicas.
A cerámica e absolutamente fundamental no estudo arqueolóxico e moi especialmente na prehistoria. A causa é que se trata dun dos elementos conservados máis abundante e, ó mesmo tempo, cun ciclo de vida relativamente curto, o que permite empregala para facer datacións relativas analizando a súa tipoloxía. A cerámica é o principal "fósil director" na historia da arqueoloxía.
Ademais, permite outros moitos tipos de estudos: achegamento á vida cotiá, comparacións culturais, estudos de difusión ou contactos, análises de contidos, etc. Ademais de empregar a cerámica como data relativa, o momento absoluto de cocción dunha cerámica prehistórica pode datarse con técnicas como a termoluminiscencia. Un exemplo de cerámica prehistórica é a cerámica campaniforme.
A tipoloxía das cerámicas establécese atendo diferentes aspectos:
Pola súa estrutura clasifícanse en:
O seu uso inicial foi, fundamentalmente, como recipiente para alimentos; máis adiante utilizouse para facer figuras de carácter máxico, relixioso ou funerario. Tamén se empregou como material de construción en forma de ladrillo, tella, baldosa ou azulexo, tanto para paramentos como para pavimentos. A técnica do vidrado proporcionoulle grande atractivo, utilizándose tamén para a arte, como a escultura. Actualmente tamén se emprega como illante eléctrico e térmico en fornos, motores e en blindaxe.
A materia prima básica para elaborar cerámica é a arxila. As arxilas son rochas fragmentarias disgregadas, procedentes da descomposición dos feldespatos e constituídas basicamente por silicato de aluminio hidratado, presentando en numerosas ocasións silicatos de magnesio, ferro e outros minerais tamén hidratados.
Nas arxilas empregadas na industria cerámica débense ter en conta as seguintes propiedades.
A afinidade ou capacidade de absorción da arxila seca pola auga refírese á facilidade que ten a arxila de humedecerse. Unha arxila non é plástica, pero a plasticidade dela vai aumentando a medida que lle engadimos auga, até un límite determinado.
A plasticidade está inherentemente ligada ás relacións físico-químicas entre as partículas da arxila e da auga. Así pois, a plasticidade vese ponderada por:
A arxila amasada con auga é un dos materiais máis plásticos que se coñece, sendo a cantidade de auga o factor que máis inflúe. Reciben o nome de graxas as arxilas moi plásticas, e magras as pouco plásticas.
A reacción irreversible de endurecemento que ten lugar cando unha arxila se quenta fortemente é outras das características básicas para a industria cerámica. Durante o proceso de quecemento teñen lugar unha serie de trocos físico-químicos nas arxilas que podemos resumir como segue:
As arxilas son dunha grande inestabilidade volumétrica ante a humidade. A auga que absorbe penetra entre as partículas producindo unha inchazón típica deste material. O desecamento, polo contrario, vai acompañado de grandes contraccións de volume.
A cor das arxilas antes da cocción non ten importancia, só é importante para os produtos cerámicos vistos. Despois da cocción, a cor depende na súa maior parte dos minerais secundarios contidos.
Por exemplo, as arxilas ricas en alúmina dan produtos da cor da palla ou esbrancuxados; os óxidos de ferro danlle aos artigos unha cor arroibada ou amarelenta; os óxidos de titanio provocan un colorido azul na pasta.
As arxilas cocidas son resistentes aos axentes químicos máis enérxicos, a excepción do ácido fluorhídrico.
Para a fabricación de cerámicas adóitase mesturar distintos tipos de arxilas, segundo o produto final que queremos obter. Temos tres grandes grupos de arxilas segundo os seus minerais constituíntes:
Engádenselle á pasta cerámica para diminuír a plasticidade excesiva e reducir a retracción.
No caso de pastas magras engádense substancias que favorecen a plasticidade, como poden ser as bentonitas.
Son materiais que favorecen a cocción e vitrificacións das pastas cerámicas, rebaixando a temperatura de cocción.
A auga emprégase na maior parte das preparacións de pastas para moldeo. Debe estar exenta de sales solubles, xa que a auga é eliminada, ficando os sales no produto, o que pode provocar eflorescencias.
A fabricación dos produtos cerámicos prodúcese en catro etapas:
Inclúen as seguintes operacións:
Consiste nas operacións de:
É a operación que lle dá a forma ao material. Á parte do moldeo manual, realízanse tres tres tipos de moldeos mecanizados.
Os artigos cerámicos moldéanse a partir da masa cerámica cunha humidade do 8 ao 10%, oprimíndoa baixo unha presión considerable. Con este procedemento obtéñense algúns tipos de tellas, de baldosas, etc.
O sistema de extrusión consiste en facer pasar unha columna de pasta de arxila cunha humidade entre o 15 e o 25% a través dunha boqueira metálica que lle dá a forma á peza, cortando logo o churro que sae en unidades de medidas desexadas. A extrusionadora, coñecida popularmente como galletera, consta dun sistema propulsor que se encarga de comprimir e empurrar a pasta cara a boqueira. A boqueira consiste nunha peza metálica de xeometría variable segundo a peza a obter. Obtéñense así, por exemplo, os ladrillos.
O método do coado consiste na vertedura dunha barbotina nun molde poroso. Seguidamente a peza coada sécase e, por consecuencia, contráese, separándose das parades do molde. Logo sácase a peza do molde, cepíllase e ensámblase se for preciso. Pezas que se obteñen por este método son os lavabos, bidés, inodoros, louza fina, algúns tipos de refractarios, de baldosas.
Unha vez obtida a peza procédese ao seu secado, eliminando a maior parte da auga antes da cocedura. É un proceso delicado, e hai que proceder de tal xeito que a eliminación da auga, proveniente da humidade natural e da auga que engadimos no moldeo, se faga de forma homoxénea, sendo vital para a integridade da peza que esta perda de humidade se realice de forma continua, progresiva e uniforme en cada unidade.
Isto realízase nos secadoiros, que poden ser de cámara ou de túnel, sendo estes últimos os máis usados. Os secadoiros de túnel funcionan segundo o principio de contracorrente, as pezas móvense sobre vagonetas dentro do túnel, encontrándose cun fluxo de ar quente proveniente do forno.
O tempo de secado pode variar de 16 a 36 horas, sendo a temperatura empregada duns 80 °C. A humidade ao final do secado será aproximadamente do 5%. O secado proporciónalle ás pezas gran resistencia (resistencia en seco), o que permite a súa manipulación para proceder a seguinte fase, a cocedura.
Na industria cerámica enténdese por cocción o quecemento, de acordo a un plan preestabelecido, das pezas crúas moldeadas, vitrificadas ou non, seguido dun arrefriamento segundo un plan igualmente ben definido. Na cocción prodúcense as transformación permanentes, como a perda da molécula de auga do caolín, como as reaccións químicas da arxila que dan lugar a novos compoñentes cristalinos, que lle confiren ao produto as propiedades finais de permanencia de forma e durabilidade.
Igualmente as pezas sofren unha serie de modificación temporais, entre as que cabe destacar os fenómenos de cambio de volume: contracción e dilatación.
O proceso de cocedura dos artigos pode dividirse convencionalmente en tres etapas: a deshidratación paulatina da pasta cerámica, a cocedura da mesma, e o arrefriamento paulatino dos artigos cocidos. Etapa moi importante esta última, que se debe facer de xeito gradual e uniforme, para que non se produzan roturas.
O ladrillo é unha peza xeralmente ortoédrica utilizada en construción. Este substantivo adoita ir acompañado dun cualificativo que indica cales son as súas materias primas (por exemplo: ladrillo silíceo-calcario).
As tellas son os elemento de recubrimento para colocación sobre tellados en pendente.
Enténdese por bovedilla todo produto cerámico de forma e dimensións tales que permitan a súa utilización na construción de forxados unidireccionais, servindo, unha vez colocadas, como encofrado da capa de compresión superior e de soporte dun revestimento inferior.
É un elemento cerámico oco, de dobre parede, para empregar revocado en muros e cerrumes.
Pezas cerámicas de formas e medidas moi variadas que se usan para realizar tabiques de separación de terrazas e balcóns.
Pezas cerámicas cuxa misión é canalizar e evacuar o ar viciado ao exterior do edificio. Colócanse uns sobre outros tomados con morteiro de agarre.
Baixo a acción de temperaturas elevadas certas arxilas posúen a propiedade de incharse ao mesmo tempo que desprenden gases e se abranda a materia. Paralelamente, fórmase unha pel exterior por vitrificación da superficie do material, ficando ao final boliñas ocas. A arxila expandida ten propiedades de illamento térmico, sendo moi lixeiro e inerte quimicamente. Este material emprégase na fabricación de prefabricados como bloques ou paneis cerámicos alixeirantes para cerramentos e forxados.
Enténdese por material cerámico refractario aquel produto que é capaz de resistir, non só elevadas temperaturas sen trocar de estado nin descompoñerse, senón tamén de cambios bruscos de temperatura.
Emprégase a palabra vidrado para designar de modo xeral a película vítrea que recobre gran número de materiais e soportes cerámicos. Aplícase sobre o soporte cru ou cocido, e tras un proceso térmico acada o estado vítreo. Confírelle aos produtos cerámicos máis impermeabilidade, maior dureza e máis resistencia química, sendo máis agradables ao tacto e á vista.
Dun xeito xeral dicimos que unha baldosa cerámica é un placa de pouco grosor empregada como revestimento de chans, paredes e fachadas. Poden ter aplicado algún tipo de vidrado sobre a súa superficie ou non.
Podemos distinguir entre baldosas que só foron cocidas unha vez, baldosas de monococción, que poden ter vidrado ou non; e baldosas que pasan dúas veces polo forno, baldosas de dobre cocción, que despois da primeira cocedura aplícaselle algún tipo de vidrado e logo vólvense cocer.
Polo método de moldeado temos:
Dado o gran número de produtos diferentes de revestimentos e pavimentos cerámicos, o Comité Europeo de Normalización (CEN) aprobou unha normativa neste tema clasificando os produtos en función de dous parámetros, un en función ao método de modelaxe do produto e outro relativo a súa absorción de auga. Dentro do tipo de modelaxe temos a extrusión (A), o prensado en semiseco (B) e o coado (C); e dentro da absorción de auga distinguimos catro intervalos de porcentaxes, de 0 a 3% (I), de 3 a 6% (IIa), de 6 a 10% (IIb) e máis do 10% (III).
× | I | IIa | IIb | III |
---|---|---|---|---|
A | AI | AIIa | AIIb | AIII |
B | BI | BIIa | BIIb | BIII |
C | CI | CIIa | CIIb | CIII |
Os revestimentos cerámicos son aqueles produtos que polas súas características físicas e o tratamento superficial da cara vista, son idóneos para revestir paramentos verticais, con fins hixiénicos, impermeabilizantes e ornamentais. Son específicos para este fin e exclúense de calquera outro uso.
A peza cerámica para revestimentos verticais chámase azulexo. Hai no mercado gran cantidade de formas, texturas e cores. Xeralmente úsanse en zonas interiores, onde se pretende protexer á parede da sucidade e a humidade, como cociñas ou cuartos de baño, ou en lugares onde a hixiene é importante como en hospitais, laboratorios, industrias da alimentación, etc, aínda que en climas temperados e cálidos, onde non existan invernos con xeadas, os azulexos tamén se poden utilizar como revestimentos exteriores.
Os pavimentos cerámicos son aqueles que pola súa forma e propiedades físicas son empregados para revestir chans. Os pavimentos cerámicos poden se clasificar en:
As pezas dos sanitarios obtéñense a partir dunha barbotina de gres que se moldea polo sistema de coado, en molde de escaiola. Estes produtos son moi compactos, impermeables e resistentes.
A porcelana distínguese dos demais produtos cerámicos pola súa translucidez (en grosores de 3 mm), brancura, perfecta vitrificación e sonoro timbre á percusión.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cerámica |