Na teoloxía cristiá, a cláusula filioque ou cláusula Filioque ou controversia filioque (ou Filioque) refírese á inclusión do termo Filioque (que significa "e do Fillo") no Credo niceno-constantinopolitano, á doutrina da cal é expresión, e á relativa disputa entre teólogos da Igrexa Católica e da Igrexa Ortodoxa.
As Igrexas orientais difiren da occidental no texto do Credo de Nicea sobre o Espírito Santo. Na forma oriental dise: o Espírito Santo "procede do Pai" (sen engadir nin "e do Filho" nin "unicamente"). Na forma occidental, engádense as palabras "e do Fillo" (escrito en latín, Filioque).
A Igrexa católica confesa unha dobre procesión do Espírito Santo: "do Pai e do Fillo", como dun só Principio. A Igrexa latina confesa isto tamén polo uso do Credo con Filioque a non ser que a palabra "procedit" (procede) sexa representada pola palabra grega "προερχόμενον", que ten un sentido máis restringido, que non se pode aplicar á procesión do Espírito Santo a partir do Fillo. Por esta razón, a tradución grega do Misal Romano exclúe o Filioque, e varios papas teñen recitado o Credo publicamente en grego sen o Filioque. En xeral, as Igrexas católicas orientais non usan a cláusula, o que non é negar a doutrina, e a Santa Sé anima as que a introduciran a "volver ás súas raíces".
Na Encyclopedia of Eastern Orthodox Christianity Marcus Plested sinala que os teólogos ortodoxos, mentres se opoñen, por unanimidade, a inclusión do Filioque no Credo de Nicea, descubriron agora modos posibles de conciliación en materia de doutrina e fraseoloxía. Xa Sergei Bulgakov (1871-1944) declarou que o Filioque non se pode considerar nin un dogma, nin unha herexía, senón un theologoumenon, é dicir, unha opinión teolóxica aceptable.Karl Barth e Yves Congar din que a visión de Bulgakov é compartida pola maioría dos teólogos ortodoxos.
Non todos os teólogos ortodoxos comparten esta visión. Alén de moitas "pombas" hai tamén –observa o bispo ortodoxo Kallistos (Timothy) Ware– os "falcóns", para os que o Filioque é unha herexía. Un dos máis destacados destes era Vladimir Lossky (1903-1958), que no Filioque viu a raíz de todos os problemas dogmáticos das relacións entre Oriente e Occidente: segundo el, a cuestión da procesión do Espírito Santo é a única razón dogmática para a separación de Oriente e Occidente; as outras diverxencias doutrinarias só son o resultado desta.