Condado de Borgoña

Véxase tamén Franco Condado
Modelo:Xeografía políticaCondado de Borgoña

Localización
lang=gl Editar o valor em Wikidata Mapa
 47°05′32″N 5°29′23″L / 47.092222, 5.489722Coordenadas: 47°05′32″N 5°29′23″L / 47.092222, 5.489722
CapitalQ123436812 Traducir Editar o valor em Wikidata
Poboación
Lingua usadafrancês antigo (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos históricos
Creación982 Editar o valor em Wikidata
Disolución1678 Editar o valor em Wikidata

O Condado de Borgoña (en francés, Comté de Bourgogne; en alemán, Freigrafschaft Burgund), foi un condado medieval que perdurou até os comezos da Idade Moderna (de 982 a 1678), que corresponde en gran parte coa provincia tradicional e a actual rexión francesa do Franco Condado.

O seu nome en alemán aínda recorda o título infrecuente do seu conde, Freigraf («conde franco»), de aí o termo Freigrafschaft para o seu principado feudal.

Non debe confundirse co Ducado de Borgoña, que quedaba ao oeste e que era un feudo de Francia desde 843.

Historia

O territorio do condado formou parte no pasado do reino dos burgundios, que fora anexionado polos francos en 534 e incorporado ao reino dos francos e ao Imperio carolinxio.

O Imperio dividiuse en 843 polo tratado de Verdún, coa zona que quedaba ao oeste do río Saona entregada á Francia Occidental como ducado de Borgoña, mentres que as partes oriental e meridional do que anteriormente era o reino burgundio corresponderon á Francia Media baixo o emperador Lotario I. Esta parte da Francia Media converteuse en dúas entidades independentes, a setentrional ou Alta Borgoña baixo o rei Rodolfo I en 888, e a meridional ou Baixa Borgoña en 879. O condado de Borgoña formaba a parte occidental da Alta Borgoña.

División do Imperio carolinxio en 843. En laranxa: Francia Occidental; en morado, Lotarinxia; en verde, Francia Oriental.

En 933, co colapso do Imperio carolinxio, tanto a Baixa como a Alta Borgoña foron reunidas no reino de Arlés (Arelato) baixo o rei Rodolfo II que, á súa vez, se derrubou na anarquía feudal coa extinción da súa dinastía en 1032.

O Arelato pasou entón ao Sacro Imperio Romano Xermánico cando foi herdado polo emperador Conrado II da dinastía Sálica, mentres que o ducado de Borgoña foi reinstaurado por unha rama menor dos capetos franceses.

En 982, Otón Guillerme, fillo de Adalberto da Lombardía, conde en Mâcon no ducado de Borgoña, recibiu o condado de Borgoña da súa nai, Gerberga de Dijon. Así converteuse no proxenitor da casa de Ivrea condal, unha rama colateral dos duques bosónidas de Borgoña, descendentes de Hugo o Negro, un irmán do duque Rodolfo, e do cuñado de Hugo, Xilberto.

En 1002, Otón Guillerme tamén foi pretendente ao ducado de Borgoña á morte do seu padrasto o duque Henrique I. Porén, o ducado foi tomado como un feudo revertido polo rei Roberto II de Francia dous anos máis tarde, e Otón só foi capaz de manter o goberno sobre o condado do Arelato coa súa residencia en Dole.

O desenvolvemento das rotas comerciais a través do Xura e a explotación das minas de sal aseguraron a prosperidade do condado e as súas cidades conservaron a súa liberdade e neutralidade nos conflitos feudais.

A finais do século XI, o fillo de Conrado, o emperador Henrique III elevou o arcebispo de Besançon á dignidade de arquichanceler e conferiu á cidade de Besançon o rango de Reichsstadt (cidade imperial libre), baixo o padroado directo do emperador. Guido de Borgoña, irmán de Rexinaldo II, converteuse máis tarde en papa (Calisto II) e negociou o concordato de Worms co emperador Henrique V.

No século XII, a protección imperial permitiu o desenvolvemento de Besançon pero, en 1127, despois do asasinato de Guillerme III, o seu primo Rexinaldo III librouse do xugo imperial. Borgoña foi desde entón chamada "Franche-Comté," isto é "Condado franco" ou "Condado libre".

O emperador Frederico Barbarroxa restableceu a influencia imperial, apresou o irmán do conde Guillerme IV e estendeu a súa influencia casando coa sobriña e herdeira de Guillerme IV, Beatriz de Borgoña, filla de Renato III, cando Guillerme IV morreu. Á morte do emperador Frederico en 1190, o seu fillo máis novo Otón I, recibiu o condado de Borgoña e asumiu un título tan raro que posibelmente sexa único, o de arquiconde. Foi sucedido pola súa filla, Beatriz II, e o seu esposo Otón, duque de Merania; foron á súa vez seguidos polo seu fillo, Otón III, e a súa filla, Adelaida.

Escudo do condado de Borgoña antes de 1280.

Os condes palatinos tiveron durante moitos anos que compartir o poder coas grandes familias feudais do condado, especialmente coa familia de Chalon, que descendía de Esteban III, conde de Auxonne, neto de Guillerme IV e Beatriz de Thiern, o herdeiro do condado de Chalon. A autoridade dos condes quedou restablecida só polo matrimonio de Hugo de Chalon con Adelaida, a irmá e herdeira. Porén, isto non impediu que un fillo máis novo, Xoán de Chalon-Arlay, controlase os estados vasalos.

Otón IV, fillo de Hugo e de Adelaida, foi o último dos condes feudais de Borgoña. Casou coa filla do conde de Bar, sobriña neta do rei Lois IX de Francia, condesa Mahaut de Artois. Este matrimonio levou o condado á influencia francesa. As fillas de Otón IV e Matilde, Xoana e Branca, casaron respectivamente con Filipe V de Francia e Carlos IV de Francia, fillos do rei Filipe IV. Xoana converteuse en raíña de Francia despois de ser unha das protagonistas do Caso da Torre de Nesle. Neste mesmo asunto, Branca foi encontrada culpábel de adulterio e foi encarcerada para o resto da súa vida.

Despois de disputar cos seus baróns, e tras dunha nova revolta contra os franceses levada a cabo por Xoán de Chalon-Arlay, Otón IV cedeu o condado á súa filla como dote, designando o rei de Francia como administrador do dote en 1295. Ao casar a súa filla e herdeira Xoana co duque Eudes IV de Borgoña, quedaron unidos de novo o ducado e o condado baixo o seu goberno, seguido polo seu neto o duque Filipe I. A unión persoal rompeu de novo tras a morte de Filipe sen herdeiros en 1361, e o ducado de Borgoña volveu ser controlado como un feudo polo rei Xoán II de Francia, mentres que o condado imperial foi herdado pola tía avoa de Filipe, Margarida I, unha neta do conde Otón IV. En 1382 Margarida legou os seus estados ao seu fillo o conde Lois II de Flandres.

Mapa dos estados borgoñóns baixo o duque Filipe II de Borgoña.

Lois II morreu en 1384 sen deixar herdeiros varóns, e o condado de Borgoña formou parte do inmenso dote da súa filla Margarita que, no ano 1405, foi herdada polo seu fillo, o duque de Borgoña Xoán Sen Medo. Condado e ducado estaban de novo unidos na persoa dun só gobernante e polos seus descendentes da Casa de Valois-Borgoña até a morte do duque Carlos o Temerario na batalla de Nancy (1477).

O seu primo, o rei Lois XI de Francia, ocupou inmediatamente o condado, coa oposición feroz do arquiduque Maximiliano I de Habsburgo, o marido da filla de Carlos, María de Borgoña. Aínda que derrotados na Batalla de Guinegate (1479), os franceses conservaron o condado até que o rei que sucedeu a Lois, Carlos VIII de Francia desexando quedar libre de conflitos sobre o condado para poder intervir no reino de Nápoles, cedeuno novamente ao emperador Maximiliano e ao seu fillo Filipe o Fermoso polo Tratado de Senlis (1493).

Cos Países Baixos borgoñóns, o condado de Borgoña pasou así para a monarquía Hispánica, até que finalmente se incorporou a Francia en virtude do tratado de Nimega, asinado o 10 de agosto de 1678 en Nimega (actuais Países Baixos) entre as Provincias Unidas dos Países Baixos e os seus aliados (o reino de España e o Sacro Imperio), e o reino de Francia. Por este tratado, Lois XIV de Francia devolveu a España Courtrai, Oudenaarde, Gante, Charleroi e o ducado de Limburgo; España cedeu a Francia o Franco Condado (o Condado de Borgoña) e diversas prazas dos Países Baixos españois (Cassel, Bailleul, Ypres, Wervik, Warneton, Cambrai, Bouchain, Condé-sur-l'Escaut, Bavay e Valenciennes); Holanda recuperou Maastricht e obtivo vantaxes financeiras e comerciais; o Sacro Imperio cedeu Breisach e Friburgo. Esta paz prexudicou especialmente os intereses españois e a causa do medio irmán e primeiro ministro de Carlos II, Xoán Xosé de Austria.

Notas

  1. Co sentido que se lle dá en expresións como "zona franca" ou "porto franco".
  2. O caso da Torre de Nesle foi un escándalo de adulterio cometido por dúas princesas francesas, Xoana de Borgoña e Branca de Borgoña, respectivamente esposas dos futuros reis Lois X de Francia e Carlos IV de Francia.
  3. Ruiz Rodríguez, Ignacio (2007): Don Juan José de Austria en la monarquía hispánica: entre la política, el poder y la intriga. Madrid: Librería-Editorial Dykinson. ISBN 84-9849-029-4.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas