Osudy dobrého vojáka Švejka za světové války | |
---|---|
Autor/a | Jaroslav Hašek |
Ilustrador/a | Josef Lada |
Orixe | Checoslovaquia |
Lingua | checo |
Tema(s) | comedia bélica |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | A. Synek Publishers |
Data de pub. | 1923 |
Páxinas | 752 |
Osudy dobrého vojáka Švejka za světové války (en checo "As funestas aventuras do bo soldado Švejk durante a Guerra Mundial"), é unha novela satírica de Jaroslav Hašek, que deixou inacabada ao morrer en 1923. Adoita ser publicada con ilustracións de Josef Lada e George Grosz. A intención do autor era completar 6 volumes, pero morreu cando estaba a escribir o cuarto.
A novela está ambientada no exército do Imperio Austrohúngaro durante a primeira guerra mundial, con múltiples conflitos entre as diferentes etnias dos soldados. Dos quince millóns de falecidos na contenda, un millón eran austrohúngaros, dos cales arredor de 140.000 eran checos.
Jaroslav Hašek participou na guerra, e moitas das situacións e dos personaxes son inspirados, polo menos en boa parte, nas súas propias vivencias no 91 Rexemento de Infantaría. Con todo, a novela pode considerarse antibelicista, con moitos episodios absurdos que falan tanto do sinsentido da guerra como da inutilidade dos conflitos sobre a disciplina militar. Boa parte dos personaxes checos non entenden o seu papel no exército dun estado co que non se senten identificados e ao que non deben lealdade.
Este tema aparece desenvolto a través do personaxe de Josef Švejk. A través dunha idiotez ou incompetencia posiblemente finxida, enfróntase á frustración da autoridade militar, e a súa estupidez aparece reflectida como un método de resistencia pasiva. Non se sabe se Švejk é xenuinamente incompetente, ou se actúa deliberadamente coma un parvo insolente. Os episodios absurdos acadan o clímax cando Švejk, vestido cun uniforme do exército Ruso, é feito prisioneiro por erro pola súa propia tropa.
Amais de satirizar o absurdo da autoridade durante o réxime dos Habsburgo, critícase fortemente a corrupción e a hipocrisía dos sacerdotes da Igrexa Católica, sen deixar de lado as críticas aos xudeus e aos popes da Igrexa Ortodoxa.
A historia comeza en Praga coa noticia do asasinato de Saraxevo, que deu pé á primeira guerra mundial. Švejk amósase tan entusiasmado por poder ir á fronte para servir ao Emperador Austríaco que ninguén é quen de saber se simplemente é imbécil ou se realmente está posuído polo espírito bélico. Como for, é arrestado pola policía secreta logo dunhas manifestacións feitas nunha taberna. Logo de certificarse que está tolo, é enviado a un manicomio, de onde é expulsado.
Švejk dille á súa asistenta que o leve na cadeira de rodas (dado que ten reumatismo) á oficina de recrutamento de Praga, de onde o levan a un hospital onde están os que finxen unha enfermidade para evitar o exército. Finalmente únese como asistente do capelán castrense Otto Katz, pero logo dunha partida de cartas, pasa a servir ao subtenente Lukáš. Lukáš é destinado co seu batallón a České Budějovice, no sur de Bohemia, para prepararse de cara á fronte. Logo de perder o tren a Budějovice, Švejk comeza unha longa anábase a pé arredor de Bohemia do Sur coa intención de dirixirse cara a Budějovice, antes de ser arrestado como posible espía e desertor (cargos que nega) e ser devolto con escolta ao seu rexemento. Nese momento é ascendido a ordenanza da súa compañía.
A unidade embarca nunha longa viaxe en tren a través de Galitsia e a Fronte do Leste. Švejk é arrestado de novo durante unha parada nunha vila entre Austria e Hungría, desta volta por un balbordo cun cidadán húngaro nunha pelexa na rúa. Antes de chegar á fronte, Švejk é feito prisioneiro por unha compañía austríaca ao ser tomado por un desertor ruso, logo de poñerse un uniforme do exército ruso abandonado á beira dun lago. Logo de evitar por pouco que o executen, regresa á súa unidade.
A novela remata abruptamente, sen que Švejk participe en combate algún nin se achegue ás trincheiras. Pénsase que a intención de Hašek era continuar a trama nun campo de prisioneiros de guerra, onde el mesmo estivera recluído.
O libro inclúe un montón de anécdotas contadas polo propio Švejk, xeralmente para desvirtuar ou insultar polo baixo as figuras autoritarias, que non están directamente relacionadas coa trama principal.
Os personaxes da obra adoitan ser o obxectivo das mofas de Hašek, ou ben os estereotipos sociais e étnicos do Imperio Austrohúngaro. O pobo adoita distinguirse polo dialecto e rexistro sociolingüístico do checo ou alemán que empregan, unha cualidade difícil de traducir. Por exemplo, moitos dos personaxes que falan alemán ou polaco aparecen falando comicamente ou cun checo con erros, e hai personaxes checos que falan o alemán mal. Tamén aparecen moitas expresións propias de diferentes argots.
Moitos dos personaxes semellan estar baseados, polo menos en parte, en persoas reais que serviron co Rexemento de Infantaría no que estivo Hašek como voluntario durante un ano.
Sarxento Vaněk: Un químico de Kralupy nad Vltavou na vida civil, que quere levar a situación dun modo cómodo e sen preocupacións, preocupándose de facer a súa existencia o máis confortable posible.
Boa parte da crítica considera esta obra como a primeira novela antibelicista, anterior a Im Westen nichts Neues de Erich Maria Remarque. Joseph Heller dixo que de non ler con anterioridade esta novela, nunca escribiría Catch-22. Tamén inspirou a Bertolt Brecht á hora de escribir a súa obra de teatro Schweik in the Second World War.
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Osudy dobrého vojáka Švejka za světové války |