O sistema nervioso periférico (SNP) é a parte do sistema nervioso que está formada por ganglios e nervios que saen do sistema nervioso central (SNC), é dicir, do encéfalo e da medula espiñal. A principal función do sistema nervioso periférico é conectar o sistema nervioso central cos diversos órganos e membros do corpo. A diferenza do central, o periférico non está protexido por ósos (como o cranio e columna vertebral), nin pola barreira hematoencefálica, polo que está máis exposto ás toxinas e lesións mecánicas. Os nervios están protexidos por vaíñas de mielina e células accesorias.
O sistema nervioso periférico divídese en sistema nervioso somático e sistema nervioso autónomo ou vexetativo, que pode ser simpático ou parasimpático.
Formado por nervios que recollen información sensorial e envían ordes motoras. Recibe as fibras sensoriais da pel, dos músculos e articulacións e reagrupa as fibras motrices primarias dos músculos. Permite interaccionar co mundo exterior participando no equiibrio e a motricidade, e controla o ton e contracción dos músculos esqueléticos.
Dirixe de forma automática e inconsciente as funcións dos órganos internos, como a nutrición e a homeostase.
Innerva esencialmente os órganos internos : as neuronas sensoriais deste sistema transportan as informacións das funcións viscerais ao sistema nervioso central e as motoneuronas innervan os músculos lisos das vísceras e vasos, e o músculo estriado cardiaco.
Comprende dous subsistemas coas súas neuronas pre e posganglionares e ganglios; estes dous subsistemas son:
Dos doce pares de nervios craniais, dous orixínanse na base do cerebro e os dez restantes no tronco do encéfalo. Os nervios óptico e olfactorio son os únicos que practicamente non saen do cranio, polo que se pode considerar que non son nervios periféricos . Os nervios craniais controlan as funcións das estruturas anatómicas da cabeza con algunhas excepcións. Os pares X e XI actúan tamén fóra da cabeza, concretamente o X recibe información sensorial visceral do tórax e abdome, e o XI innerva o músculo esternocleidomastoideo e trapecio.
Os nervios espiñais ou raquídeos orixínanse na medula espiñal. Controlan as funcións do resto do corpo. Nos humanos, hai 31 pares de nervios espiñais: 8 cervicais, 12 torácicos, 5 lumbares, 5 sacros e 1 coccíxeo. Na rexión cervical, as raíces dos nervios espiñais saen por encima da vértebra correspondente (é dicir, entre o cranio e a 1ª vértebra cervical sae o nervio espiñal C1, e entre e 1ª vértebra e a 2ª sae o C2 etc.) Desde a rexión torácica á coccíxea, as raíces dos nervios espiñais saen por debaixo da vértebra correspondente. Isto crea un problema ao nomear o nervio entre C7 e T1, polo que este se chama C8. Na rexión lumbar e sacra, as raíces dos nervios espiñais cursan por dentro do saco da duramáter e por debaixo do nivel da L2 formando a cola de cabalo (cauda equina).
Todos os nervios espiñais que conectan coa medula espiñal forman dúas ramas, unha dorsal ou posterior (cun ganglio raquídeo) e outra anterior ou ventral . A rama anterior divídese en colaterais, que se agrupan en plexos dos que parten os nervios.
Os primeiros 4 nervios cervicais, de C1 a C4, divídense e recombínanse para formar varios nervios que innervan o pescozo, as costas e a cabeza.
O nervio C1 denomínase suboccipital, e proporciona innervación motora aos músculos da base do cranio. C2 e C3 forman moitos dos nervios do pescozo, proporcionando control sensorial e motor. Entre eles están o nervio occipital maior, que proporciona sensación á parte occipital da cabeza, o nervio occipital menor, que proporciona sensación á área de detrás das orellas, o nervio auricular maior e o nervio auricular menor. O nervio frénico orixínase nas raíces C3, C4 e C5. Innerva o músculo diafragma, permitindo a respiración. Se a medula espiñal se secciona por encima de C3, a respiración espontánea non é posible.
Os catro últimos nervios espiñais cervicais, entre C5 e a C8, e o 1º nervio espiñal torácico, T1, combínanse para formar o plexo braquial, un enguedellado conxunto de nervios, que se separan e combinan e recombinan, para formaren os nervios que van aos brazos e parte superior das costas. Aínda que este plexo poida parecer moi enguedellado, está moi organizado e é predicible, con poucas variacións entre as persoas.
As divisións anteriores dos nervios lumbares, sacros e coccíxeos forman o plexo lumbosacro. O primeiro nervio lumbar está frecuentemente unido a unha rama do 12º nervio torácico. Con propósitos descritivos este plexo pode dividirse en tres partes: plexo lumbar, plexo sacral e plexo pudendo. Os nervios que van ás pernas saen de aquí.
Ademais dos nervios o sistema nervioso periférico ten ganglios nerviosos. Un ganglio nervioso é unha masa de tecido nervioso que contén os somas de moitas neuronas e as súas dendritas. Hai ganglios nas raíces dorsais dos nervios espiñais e outros ganglios máis afastados da medula espiñal que pertencen ao sistema nervioso autónomo simpático ou parasimpático.
Os principais neurotransmisores do sistema nervioso periférico son a acetilcolina e a noradrenalina. Pero hai tamén outros, que se denominan non noradrenérxicos non colinérxicos (NANC). Ditos neurotransmisores poden ser péptidos ou non. Exemplos dos que non son péptidos son: ATP, GABA, dopamina, óxido nítrico (NO). Exemplos de péptidos son: neuropéptido Y, VIP, GnRH, substancia P e CGRP.