Taxonomía (bioloxía)

A taxonomía (do grego ταξις, taxis, 'ordenamento', e νομος, nomos, 'regra') é, no seu sentido máis xeral, a ciencia de clasificación. Normalmente utilízase o termo para referirse a taxonomía biolóxica, a ciencia da ordenación dos organismos nun sistema de clasificación composto de taxons.

As árbores filoxenéticas teñen forma de dendrogramas. Cada nodo do dendrograma corresponde a un clado.

A taxonomía biolóxica é unha subdisciplina da sistemática, que estuda as relacións de parentesco entre os organismos e o seu historial de evolución. No presente, a taxonomía actúa unha vez que foi determinada a árbore filoxenética dos organismos estudados, é dicir, unha vez que teña determinado os clados, ou pólas evolutivas, de acordo coas súas relacións de parentesco.

No presente, existe o consenso dentro da comunidade científica que a clasificación debe ser totalmente consistente co que se sabe da filoxenia dos taxons, xa que só así dará o servizo que se espera dela ó restao de pólas da bioloxía (véxase por exemplo Soltis i Soltis 2003), pero hai escolas dentro da sistemática que definen con matices a maneira na que a clasificación debe corresponderse coa filoxenia coñecida.

Máis aló da escola que a define, a finalidade última da taxonomía é organizar a árbore filoxenética nun sistema de clasificación. Para facelo, a escola cladística (a que predomina hoxe en día) transforma os clados en taxons. Un taxon é un clado ó cal se asignou unha categoría taxonómica, ó cal se outorgou un nome en latín, que foi descrito, ó cal se asociou un exemplar tipo, e que foi publicado nunha revista científica. Cando se fixo todo iso, o taxon ten un nome correcto. A nomenclatura é a disciplina que se ocupa de regulamentar estes pasos, e encárgase de que se sigan os principios de nomenclatura. Os sistemas de clasificación funcionan como contedores de información e como preditores.

Unha vez se determinou a clasificación dun taxon, extráense os trazos diagnósticos de cada un dos seus membros, e a partir deles créanse claves dicotómicas de identificación, que son utilizadas para determinar ou identificar organismos, co fin de localizar un organismo descoñecido nun taxon coñecido do sistema de clasificación. A determinación ou identificación tamén é a especialidade taxonómica que se encarga dos principios de elaboración das claves dicotómicas e doutros instrumentos coa mesma finalidade.

As normas que regulan a creación dos sistemas de clasificación son en parte convencións máis ou menos arbitrarias. Para comprender estas arbitrariedades (por exemplo, a nomenclatura binomial das especies e a uninomial dos rangos superiores, ou a cantidade de rangos taxonómicos e dos seus nomes) é preciso estudar a historia da taxonomía, que deixou como herdanza os Códigos Internacionais de Nomenclatura, as regras técnicas que deben ser cumpridas polos sistemas de clasificación.

A nova crise de biodiversidade, os avances nas análises do ADN e a posibilidade de intercambiar información a través de internet deron un enorme pulo a esta ciencia na década de 2000 e xeraron un debate sobre a necesidade de facer reformas substanciais nos Códigos, que aínda se están a discutir. Algúns exemplos de novas propostas son a taxonomía libre de rangos, os marcadores xenéticos e a publicación por Internet.

Notas

  1. Soltis, D. E.; Soltis, P. S. (2003). "The Role of Phylogenetics in Comparative Genetics" (pdf). Plant Physiol.: 1790–1800. PMID 12913137 . Consultado o 26 de agosto de 2007.