Os alemáns do Volga (en alemán Wolgadeutsche ou Russlanddeutsche, «alemáns de Rusia»; en ruso поволжские немцы, povólzhskie nemtsy) foron alemáns étnicos que vivían nas proximidades do río Volga na rexión europea meridional de Rusia, arredor de Saratov e cara ao sur. Preservaron a lingua e a cultura alemás, as súas tradicións e igrexas, todas cristiás: católicos, protestantes luteranos e menonitas. Numerosos alemáns do Volga emigraron aos Estados Unidos, Canadá, Brasil, Arxentina e outros países nos finais do século XIX e os principios do século XX. Sobre o fin do século XX, moitos dos que aínda quedaban nos territorios da Unión Soviética emigraron e asentáronse en Alemaña.
Os alemáns do Volga sumáronse ao programa bolxevique no 18 de outubro de 1918 e xurdiu así unha comuna de traballadores que foi o inicio do territorio autónomo dos Alemáns do Volga que logo foi fundado o 19 de xullo de 1919.
En febreiro de 1924 fórmase a República Socialista Soviética Autónoma dos Alemáns do Volga (en alemán Autonome Sozialistische Sowjet-Republik der Wolga-Deutschen, ASSRWD; en ruso Автономная Советская Социалистическая Республика Немцев Поволжья). A capital foi Engels.
En setembro de 1941 a república foi disolta e os seus habitantes alemáns foron deportados e foron acusados de colaboración cos nazis. O seu territorio foi repartido entre as provincias (óblasts) de Saratov e Stalingrado (despois Volgogrado). Dos máis de 600 000 habitantes que tiña o territorio, uns 450 000 eran alemáns.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alemáns do Volga |