Os bolxeviques (do ruso большевик, 'membro da maioría') eran unha fracción dentro do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia, dirixida por Vladímir Ilich Uliánov (Lenin), contraposta ós menxeviques, dirixidos por Julius Martov.
A división tivo lugar no Segundo Congreso do partido, celebrado en Bruxelas e Londres en 1903. As teses propostas por Lenin foron:
Debido á diversidade dos temas debatidos, as votacións flutuaron a favor ou en contra das propostas de Lenin. Foi aprobado un programa mínimo contra a autocracia e un programa máximo cara ó socialismo cos puntos de vista leninistas, excepto no referinte ó tema de terras, pois esixíase unicamente a devolución das terras arrebatadas polos terratenentes ós campesiñado. Nos temas organizativos foron aprobadas as propostas de Martov. Porén, na fase final do congreso, cando se ía elixir a dirección do partido, a correlación de forzas inverteuse de novo debido ó retiro dalgúns delegados, ós que o congreso negou propostas do seu interese. Os alcumes de bolxevique (a maioría) e menxevique (a minoría), proveñen do resultado da elección do Comité Central e do Comité de Redacción do periódico Iskra, que porén quedaría en mans dos menxeviques pouco despois do congreso.
Trala derrota da Revolución de 1905, os bolxeviques mantiveron a súa estratexia radical polo establecemento dunha ditadura de obreiros e campesiños. No referinte ó programa agrario esixiron a nacionalización da terra e a súa entrega ós labregos. No organizativo demandaron manter as estruturas clandestinas do partido. Todo isto conduciu á escisión dos menxeviques en 1912.
Tralo estoupido da primeira guerra mundial os bolxeviques aliñáronse co sector "internacionalista" da socialdemocracia europea, opoñéndose á "defensa da patria" (sostida polos chamados "defensistas") e defendían o rexeitamento da guerra imperialista e a conversión nunha guerra civil revolucionaria. Os menxeviques dividíronse entón, ó facerse a maioría dos seus dirixentes defensista, mentres Martov encabezou un grupo internacionalista, que porén seguiu organizativamente separado dos bolxeviques, e politicamente enfrontado por diverxencias similares ás sostidas desde 1903.
Tralo triunfo da Revolución Rusa de 1917, xa no goberno, a fracción bolxevique tomou o nome de Partido Comunista de Rusia (bolxevique), logo Partido Comunista da Unión Soviética (bolxevique). Non sería ata 1952 cando eliminaron a referencia "bolxevique" do nome oficial do partido, que pasou a denominarse Partido Comunista da Unión Soviética.
O termo utilízase decotío como sinónimo de comunista, aínda que este propiamente non o sexa.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bolxevique |