O arquipélago Malaio, tamén coñecido como Sueste Asiático Marítimo, Sueste Asiático Insular ou Insulindia é un grande arquipélago situado entre a parte continental do Sueste asiático e Australia, entre os océanos Índico e Pacífico. O grupo, con máis de 25.000 illas, é o maior arquipélago do mundo por área. Inclúe territorios dos estados de Indonesia, Filipinas, Singapur, Brunei, Malaisia (a zona oriental) e Timor Leste. Nalgunhas definicións inclúese tamén a illa de Nova Guinea e iso implica engadir o estado de Papúa Nova Guinea.
Alfred Russel Wallace, un naturalista inglés do século XIX, utilizou o termo "arquipélago Malaio" como título do seu libro, The Malay Archipelago, que documentaba os seus estudos na rexión. Wallace chegou a denominar a zona co nome de "arquipélago da India" (Indian Archipelago) e tamén "arquipélago Indo-australiano" (Indo-Australian Archipelago). Como sinalou o propio Wallace existen argumentos para excluír a illa de Nova Guinea por razóns culturais e xeográficas: Nova Guinea é culturalmente moi diferente dos demais territorios da rexión e, xeoloxicamente, a illa de Nova Guinea non fai parte do continente asiático, como é o caso das illas da Sonda.
O arquipélago, co nome de Insulindia, foi en tempos considerado unha das tres partes de Oceanía, conxuntamente coa Melanesia e a Polinesia. Na actualidade é decote considerado unha parte de Asia, especificamente parte do sueste asiático. Culturalmente, fálase de Asia insular-peninsular para incluír a península de Malaca e, por tanto, abranguer a totalidade de Malaisia.
Durante a colonización europea, o arquipélago tamén recibiu o nome de Indias Orientais, malia que as definicións máis amplas das Indias Orientais incluían tamén Indochina, o subcontinente indio e incluso, ao oeste, zonas tan afastadas coma o Baluchistán iraniano.
Os indonesios usan o termo Nusantara para se referir ao conxunto das illas de Indonesia, de xeito que exclúen os territorios insulares de Malaisia, Brunei, Singapur e Filipinas, pero inclúen Nova Guinea Occidental. En lingua malaia, pola contra, o nome Nusantara refírese á totalidade do arquipélago Malaio. A área tamén pode recibir o nome de arquipélago Indonesio.
A terra e a zona marítima do arquipélago supera os 2 millóns de km². As 25.000 illas do arquipélago comprenden moitos arquipélagos menores. Os grupos principais son:
As seis illas maiores son Nova Guinea, Sumatra, Borneo, Célebes, Xava e Luzón.
Xeoloxicamente, o arquipélago é unha das rexións volcánicas máis activas do mundo. Os levantamentos tectónicos produciron grandes montañas, entre as que destacan o Monte Kinabalu, en Sabah, Malaisia, cunha altura de 4.095 metros, e Puncak Jaya, en Papúa, Indonesia, de 4.884 m. Outras montañas moi elevadas son Puncak Mandala, de 4.760 metros, e Puncak Trikora, de 4.750 metros, ambas en Indonesia.
O clima en todo o arquipélago, debido á súa posición sobre o ecuador, é tropical.
Pola súa situación, a zona ten unha mestura de especies de orixe asiática e australiana, amais das súas propias especies endémicas.
Alfred Russel Wallace propuxo a existencia dunha fronteira que separaba a flora e a fauna de Asia e Australia, coñecida agora como liña de Wallace. A liña atravesa os estreitos de augas profundas no arquipélago malaio entre as illas de Borneo e Célebes, e polo estreito de Lombok entre Balí (no oeste) e Lombok (no leste). Esta liña considérase agora a fronteira occidental da zona de transición Wallacea, que se sitúa entre as rexións zooxeográficas indomalaia e australásica.
Máis de 350 millóns de persoas viven na rexión e a illa máis poboada é Xava. A poboación do arquipélago está conformada fundamentalmente por pobos austronesios que son falantes de linguas malaio-polinesias occidentais. Esta rexión do sueste asiático ten máis vínculos culturais con outros pobos austronesios do Pacífico ca cos pobos do sueste asiático continental.
As relixións principais da zona son o islam, o cristianismo, o budismo, o hinduísmo e o animismo tradicional.