Barquisimeto é unha cidade da rexión centro-occidental de Venezuela, e a capital do estado Lara, que foi fundada en 1552 polo explorador Juan de Villegas co nome de Nueva Segovia. A súa área metropolitana inclúe os concellos veciños de Iribarren, Palavecino, Crespo, Jiménez e Peña, e ten 1,272 848 habitantes (2012), o que fai dela a cuarta do país segundo a súa poboación, tralas áreas metropolitanas de Caracas, Maracaibo e Valencia.
Monumentos
Obelisco de Barquisimeto, construído en 1952 na zona oeste da cidade por mor do 400º aniversario da súa fundación. Trátase dunha torre de base rectangular e 75 metros de altura, cun reloxo na parte superior e un ascensor no interior que leva a un miradoiro.
Catedral de Barquisimeto, é un templo católico moderno rematado en 1968, que foi construído no lugar que ocupaba o antigo templo, moi danado por diversos terremotos. A forma do actual templo semella unha flor boca abaixo. O teito está feito con paneis de material acrílico sostidos por cables de aceiro tensado.
Teatro Juares, inaugurado en 1905 como Teatro Municipal, conta cun salón principal no que collen 708 persoas sentadas.
Flor de Venezuela, foi o pavillón de Venezuela na Expo 2000 celebrada en Hannover. A súa bóveda de 39 metros de diámetro está composta por 16 pétalos que se abren e se pechan sobre un talo hidráulico de 19 metros de altura.
Basílica de Santa Rosa, é unha igrexa que acolle a imaxe da Divina Pastora, a icona relixiosa máis importante de Venezuela. Cada ano, o 14 de xaneiro, a imaxe sae dende esta basílica ata a catedral nunha procesión de 7'5 quilómetros considerada a máis multitudinaria do continente.