Coñécese como casa de Anjou ou dinastía Anxevina a tres dinastías de orixe francesa, das que se orixinaron distintas casas reais. En todos os casos a casa toma o nome do Condado de Anjou, cuxo título ostentaban os tres fundadores. Distintos membros das casas de Anjou chegaron a reinar en Xerusalén, Inglaterra, Sicilia, Nápoles, Hungría e Polonia.
A primeira casa de Anjou orixinouse no Condado de Anjou, ao oeste de Francia. Considérase a Fulco III, o Negro, cuarto conde de Anjou (Andegavensium comes), como o fundador da dinastía. A casa dividiuse en dúas ramas: unha reinou en Xerusalén, e a principal en Inglaterra (Plantagenet).
En 1129 Fulco V de Anjou casou con Melisanda, única filla de Balduíno II de Xerusalén, deixando o Condado de Anjou ao seu fillo Godofredo. Á morte de Balduíno en 1131 converteuse no rei Fulco I.
En 1127, Godofredo, fillo de Fulco V de Anjou, casou con Matilde, única filla do rei Henrique I de Inglaterra. Cando, en 1129, Filipe V casou con Melisenda de Xerusalén, deixou o Condado a seu fillo, Godofredo V.
En 1135, tras a morte de Henrique I, Estevo de Blois, sobriño do rei, fíxose coroar rei de Inglaterra. As loitas entre os partidarios de Estevo e os de Matilde levaron a unha guerra civil, coñecida como a "anarquía inglesa".
En 1151 Henrique I herdou o Condado de Anjou, tras a morte de seu pai Godofredo V. En 1153 Estevo asinou o tratado de Wallingford, polo que designaba como seu sucesor a Henrique, que sería coroado como Henrique II de Inglaterra. A herdanza combinada de Henrique, ademais dos territorios que foi incorporando por matrimonio ou conquista, formarían o que se denomina Imperio Anxevino.
En Inglaterra, a dinastía Anjou comezou a ser coñecida como dinastía Plantagenet, debido a unha característica da vestimenta de Godofredo V de Anjou. O conde levaba sempre no gorro unha ramiña de xesta (ou Genista), en francés genêt, o que lle valeu o alcume de Godofredo "Plantagenet". Desde entón, a casa pasou a ser coñecida como dos Plantagenet.
En 1455 estalou a guerra das dúas rosas que enfrontou a dúas ramas da dinastía Plantagenet, a casa de Lancaster (reinante) e a casa de York. Finalmente, Eduardo de York (tataraneto de Eduardo III) converteuse en rei. A casa de York ostentou a coroa inglesa até a batalla de Bosworth (1485), na que o rei Ricardo III foi derrotado e morto polo exército de Henrique Tudor (descendente ilexítimo de Eduardo III). Tras a batalla, Henrique foi coroado rei, acabando así a casa de Plantagenet e naciendo a de Tudor.
En 1203 Filipe II de Francia conquistou os territorios que tiña en Francia o rei inglés (daquela Xoán I), entre eles o Condado de Anjou, que pasou ao patrimonio da coroa francesa.
En 1246 Lois IX de Francia concedeu os Condados de Anjou e do Maine ao seu irmán Carlos, que se converteu no fundador da segunda casa de Anjou. Cos netos de Carlos, a dinastía dividiuse en varias ramas: os Anjou-Sicilia (rama principal que reinou en Nápoles), os Anjou-Durazzo, os Anjou de Hungría e os Anjou-Taranto.
En 1265 o papa Clemente IV concedeu a Carlos de Anjou o Reino de Sicilia (que comprendía tamén o Reino de Nápoles), cuxa coroa ostentaban os Hohenstaufen, inimigos do papa polas loitas entre güelfos e xibelinos. O 26 de febreiro de 1266, na batalla de Benevento, o rei Manfredo I de Hohenstaufen foi derrotado e morto. Tras a batalla Carlos foi coroado rei de Sicilia.
O 30 de marzo de 1282 a cidade de Palermo, capital do Reino, rebelouse contra os franceses e masacrou a gornición de Carlos (Vésperas sicilianas). A rebelión estendeuse por toda a illa e os franceses foron expulsados. O pobo solicitou a axuda de Pedro III de Aragón, que foi coroado como rei de Sicilia, producíndose a división deste Reino entre o Reino de Sicilia peninsular, ou da Sicilia citerior (Reino de Nápoles), baixo dominio anxevino, e o Reino de Sicilia insular (Reino de Sicilia), baixo dominio aragonés. Desde entón, Carlos e os seus descendentes só reinaron sobre o Reino de Nápoles.
A rama Anjou-Durazzo reinou sobre Nápoles tras a guerra de sucesión. O seu fundador foi Xoán I de Anjou, duque de Durazzo, fillo de Carlos II de Nápoles. Seu neto Carlos converteuse en rei de Nápoles tras a morte de Xoana I.
Xoana II morreu sen herdeiros, acabando con ela a rama Anjou-Durazzo. Designou como herdeiro a Renato (I) de Anjou, neto do pretendente Luís (I) e, polo tanto, membro da terceira casa de Anjou.
Tras a morte sen descendencia de Ladislau IV de Hungría en 1290, dous homes disputaron o trono: André (tío segundo do rei) e Carlos Martel de Anjou (fillo de Carlos II de Nápoles e María de Hungría, raíña de Nápoles, irmá de Ladislau IV). André converteuse finalmente en rei, pero a súa morte sen descendencia provocou que a coroa recaese en Carlos Roberto, fillo de Carlos Martel de Anjou.
Tras a morte sen descendencia de Casimiro III de Polonia en 1370, o trono foi herdado polo seu sobriño Lois I de Hungría (o fillo da súa irmá Isabel Łokietek).
En 1313 Filipe de Anjou, príncipe de Taranto e fillo de Carlos II de Nápoles, casou con Catarina de Valois-Courtenay, emperatriz titular do Imperio Latino.
O título do Condado de Anjou foi o dote de Margarida de Anjou, filla de Carlos II de Nápoles. Así, o Condado pasou ao seu marido Carlos de Valois. Ao morrer Carlos, o título pasou ao seu fillo Filipe, que se convertería en Filipe VI de Francia. O Condado volvía así, de novo, ao patrimonio da coroa francesa.
En 1356 Xoán II de Francia concedeu os Condados de Anjou e do Maine ao seu fillo Lois, que foi o fundador da terceira casa de Anjou. En 1360 Anjou foi elevado a Ducado.
Xoana I de Nápoles adoptou a Luís para deixarlle as súas posesións, pero á morte da raíña, Luís tivo que loitar contra o outro pretendente, Carlos (pertencente á rama Anjou-Durazzo) que, tras a morte de Luís en 1384 puido reinar efectivamente. Desde entón, os descendentes de Luís foron só reis titulares, excepto no breve reinado de Renato I.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Casa de Anjou |