Colecalciferol | |
---|---|
(3S,5Z,7E)-9,10-secocolesta-5,7,10(19)-trien-3-ol | |
Outros nomes colecalciferol (DCI), vitamina D3, 7-dehidrocolesterol activado | |
Identificadores | |
Número CAS | 67-97-0 |
PubChem | 5280795 |
ChemSpider | 4444353 |
UNII | 1C6V77QF41 |
DrugBank | DB00169 |
ChEBI | CHEBI:28940 |
ChEMBL | CHEMBL1042 |
Código ATC | A11 |
Imaxes 3D Jmol | Image 1 |
| |
| |
Propiedades | |
Fórmula molecular | C27H44O |
Masa molar | 384,64 g mol−1 |
Punto de fusión | 83-86ªC |
Punto de ebulición | 496,4ªC |
Solubilidade en auga | Practicamente insoluble en auga, soluble en etanol, metanol e algúns outros solventes orgánicos. Lixeiramente soluble en aceites vexetais. |
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa. |
O colecalciferol, tamén chamado vitamina D3, é un tipo de vitamina D que se produce na pel exposta á luz do sol; tamén se encontra nalgúns alimentos e pode tomarse como suplemento dietético. Utilízase no tratamento e prevención da deficiencia de vitamina D e doenzas asociadas, como o raquitismo. Tamén se utiliza para tratar a hipofosfatemia familiar, o hipoparatiroidismo que causa un baixo nivel de calcio no sangue e a síndrome de Fanconi. Xeralmente adminístrase por vía oral.
As doses excesivas de colecalciferol poden orixinar vómitos, estrinximento, debilidade e confusión mental. Outro risco é a formación de cálculos renais. As doses normais son seguras no embarazo. Pode non ser efectiva en persoas con enfermidades renais graves.
O colecalciferol prodúcese na pel despois de estar exposta á luz ultravioleta. Convértese no fígado en calcifediol (25-hidroxivitamina D), que despois se converte nos riles en calcitriol (1,25-dihidroxivitamina D). Unha das súas accións é incrementar a captación de calcio nos intestinos. Encóntrase en alimentos como algúns peixes, queixo e ovos. A certos alimentos como o leite se lles engade colecalciferol nalgúns países.
Este composto describiuse por primeira vez en 1936. É unha das medicinas da Lista de Medicinas Esenciais da Organización Mundial da Saúde. Está dispoñible como medicamento xenérico e pode comprarse sen receita.
O colecalciferol é unha forma de vitamina D sintetizada de forma natural na pel, que funciona como prohormona, sendo convertida en calcitriol. É importante para manter os niveis de calcio e promover a saúde e desenvolvemento óseos. Como medicamento, o colecalciferol pode tomarse como suplemento dietario para previr ou tratar a deficiencia de vitamina D. Un gramo contén 40 000 000 (40x106) UI (a equivlencia é 1 UI = 0,025 µg). Os valores de inxesta dietaria de referencia de vitamina D (colecalciferol e/ou ergocalciferol) varían segundo os países. Por exemplo, na Unión Europea recoméndanse 20 µg/d (800 UI ao día), nos Estados Unidos 15 µg/d (600 IU ao día) para todos os individuos (mulleres, homes, embarazadas e lactantes) de ata 70 anos de idade, e 20 µg/d (800 UI ao día) se teñen máis de 70 anos.
Porén, discútese se as actuais recomendacións son suficientes para cubrir as necesidades fisiolóxicas. Os individuos que non se expoñen regularmente ao sol, os obesos e de pel máis escura teñen niveis sanguíneos máis baixos e necesitan unha maior suplementación.
O Institute of Medicine dos Estados Unidos publicou en 2011 unha revisión dos datos sobre as doses recomendadas de vitamina D Os pacientes con deficiencia grave de vitamina D requiren un tratamento cunha dose de ataque, cuxa magnitude pode calcularse baseándose no nivel real sérico de 25-hidroxi-vitamina D e o peso corporal.
Hai informes contadictorios sobre a eficacia relativa do colecalciferol (D3) fronte ao ergocalciferol (D2), xa que algúns estudos indican unha menor eficacia da D2 e outros non atopan diferenza. Hai diferenzas entre mbas na absorción, afinidade de unión e activación, e as probas xeralmente favorecen o colecalciferol á hora de elevar os niveis sanguíneos, aínda que se necesitan máis investigacións.
Un uso moito menos común da terapia con colecalciferol no raquitismo utiliza unha soa dose grande e denominouse terapia stoss. O tratamento adminístrase oralmente ou por inxección intramuscular de 300 000 UI (7 500 µg) a 500 000 UI (12 500 µg = 12,5 mg), nunha soa dose ou ás veces en de dúas a catro doses repartidas. Hai certa preocupación sobre a seguridade de administrar doses tan grandes.
Unha metaanálise de 2007 concluíu que unha inxesta de 1000 a 2000 UI ao día de vitamina D3 podía reducir a incidencia de cancro colorrectal cun risco mínimo. Ademais, un estudo de 2008 publicado na revista Cancer Research mostrou que a adición de vitamina D3 (xunto con calcio) á dieta dalgúns ratos era un réxime similar en contido nutricional ao dunha dieta occidental nova de 1000 UI de colecalciferol ao día e previña o desenvolvemento do cancro. Porén, en humanos, cunha dose de 400 UI diarias non se observaron efectos da suplementación con colecalciferol sobre o risco de cancro colorrectal.
Os suplementos non se recomendan para a prevención do cancro, xa que os efectos que poida ter o colecalciferol son moi pequenos. Aínda que hai correlacións entre os baixos niveis de colecalciferol no soro sanguíneo e maiores taxas de varios cancros, esclerose múltiple, tuberculose, enfermidades cardíacas e diabetes, o consenso é que os niveis de suplementación non son beneficiosos. Pénsase que a tuberculose pode asociarse con baixos niveis. Porén, tampouco está claro como se relacionan ambas as cousas.
O colecalciferol é unha das cinco formas de vitamina D. O colecalciferol é un secosteroide, é dicir, unha molécula de esteroide cun dos seus aneis aberto.
Por si mesmo o colecalciferol é unha molécula inactiva. Convértese n súa forma activa por medio de dúas hidroxilacións: a primeira ten lugar no fígado catalizada polo CYP2R1 ou o CYP27A1, e dá lugar a 25-hidroxicolecalciferol (calcifediol, 25-OH vitamina D3). A segunda hidroxilación acontece principalmente nos riles pola acción do CYP27B1, que converte a 25-OH vitamina D3 en 1,25-dihidroxicolecalciferol (calcitriol, 1,25-(OH)2vitamina D3). Todos estes metabolitos están unidos no sangue á proteína ligadora da vitamina D. A acción do calcitriol é mediada polo receptor de vitamina D, un receptor nuclear que regula a síntese de centos de proteínas e está presente en virtualmente todas as células do corpo.
O 7-deshidrocolesterol é o precursor do colecalciferol. Dentro da capa epidérmica da pel, o 7-deshidrocolesterol sofre unha reacción electrocíclica como resultado da acción da luz UVB a lonxitudes de onda entre os 290 e 315 nm, co pico de síntese entre os 295 e os 300 nm. Isto ten como resultado a apertura do anel B do precursor da vitamina por medio dunha vía conrotatoria producindo previtamina D3 (pre-colecalciferol). Nun proceso que é independente da luz UV, o pre-colecalciferol sofre despois un arranxo sigmatrópico antarafacial e finalmente isomerízase para formar a vitamina D3.
As lonxitudes de onda UVB activas están presentes na luz solar, e poden producirse cantidades suficientes de colecalciferol cunha exposición moderada da pel, dependendo da forza da radiación do sol. O momento do día, a estación e a altitude afectan a intensidde solar, e a contaminación, cobertura nubosa ou de cristal reduce a cantidade da exposición UVB. Unha exposición da face, braos e pernas, como media de 5 a 30 minutos dúas veces pos semana, pode ser dabondo, pero nas peles máis escuras e con intensidades solares máis débiles cómpren máis minutos de exposición ao sol. A sobredose de vitamina D é imposible por exposición á luz UV, xa que a pel chega a un equilibrio no que a vitamina se degrada tan tápido como se crea.
O colecalciferol pode producirse na pel a partir da luz emitida polas lámpadas UV en camas de bronceado, que producen principalmente raios UVA, pero normalmente producen tamén dun 4% a un 10% das súas emisións totais en forma de UVB. Os niveis sanguíneos son maiores cun uso frecuente de salóns de bronceado.
Pode discutirse se o colecalciferol e todas as formas de vitamina D son por definición "vitaminas", porque a definición de vitamina inclúe que a substancia non se pode sintetizar polo corpo e debe ser inxerida. O colecalciferol é sintetizado polo corpo durante a exposición á radiación UVB.
As tres etapas na síntese e activación de vitamina D3 están reguladas da seguinte maneira:
O colecalciferol prodúcese industrialmente para usalo como suplemento vitamínico e fortificante alimentario. Como medicamento a súa Denominación común internacional (DCI) é tamén colecalciferol. Prodúcese por irradiación ultravioleta do 7-deshidrocolesterol extraído da lanolina da la de ovella. Extráese colesterol da graxa da la e de alcohois da cera da la obtidos ao limpar a la tosquiada. O colesterol sofre un proceso de transformación en catro pasos para producir 7-deshidrocolesterol, o mesmo composto que se produce na pel dos animais. O 7-deshidrocolesterol é despois irradiado con luz ultravioleta. Fórmanse tamén algúns isómeros non desexados durante a iradiación, os cales son eliminados utilizando diversas técnicas, deixando unha resina que funde a temperatura moderada e xeralmente ten unha potencia de 25 000 000 a 30 000 000 Unidades internacionais por gramo.
O colecalciferol tamén se produce industrialmente para usalo como suplemento vitamínico a partir de liques, o cal, deste modo, é un produto axeitado para veganos.
O colecalciferol é moi sensiblee á radiación ultravioleta e descomponse rapidamente, aínda que reversiblemente, para formar suprasterois.
Os roedores son algo máis susceptibles que outras especies a doses altas desta substancia, polo que o colecalciferol foi utilizado para o envelenamento de cebos para o control das pragas destes animais. Aínda que se considerou que este composto é menos tóxico para outras especies ás que non van dirixidos os cebos, na práctica viuse que o seu uso en rodenticidas representa un perigo significativo para outros animais, como cans e gatos. "O colecalciferol produce hipercalcemia, o cal ten como resultado a calcificación sistémica de tecidos brandos, que orixina insuficiencia renal, anormalidades cardíacas, hipertensión, depresión do SNC e trastornos gastrointestinais. Estes signos desenvólvense xeralmente ás 18-36 horas da inxestión e poden incluír depresión, anorexia, poliuria e polidipsia."
En Nova Zelandia, os marsupias falanxéridos da especie Trichosurus vulpecula convertéronse nunha praga e utilizouse contra eles o colecalciferol como ingrediente activo en cebos de xel letais e en cebos de cereais "DECAL". A LD50 do produto é 16,8 mg/kg, pero é de só 9,8 mg/kg se se engade carbonato de calcio ao cebo. Os órganos afectados son os riles e o corazón.