Escurantismo

O escurantismo é a oposición sistemática ao progreso, ao cuestionamento de dogmas e á difusión do coñecemento e da cultura máis alá de certos límites. É o oposto ao libre pensamento, e frecuentemente asóciase polos seus opoñentes cos fundamentalismos relixiosos.

Trátase dun termo explicitamente pexorativo que naceu no século XVIII como antítese do Iluminismo ou Ilustración. É utilizado polas correntes de pensamento que se autodefinen como progresistas para indicar a súa posición cultural, a dos que se aliñan para proporcionar unha visión da cultura e unha difusión do pensamento e da investigación científica e intelectual en calquera campo do saber.

En tal acepción o termo vén usándose até hoxe para connotar negativamente as liñas de pensamento que negan a liberdade de pensamento e a liberdade do individuo contra crenzas ou imposicións ideolóxicas.

Definición

O termo, derivado do francés obscurantisme, e este do latín obscurans, de obscurare 'escurecer', aplicouse orixinariamente aos católicos conservadores opostos á Ilustración e ás ideas nacidas da Revolución francesa.

Pero a palabra provén de moito máis atrás, de principios do século XVI, do título do panfleto satírico Epistolae Obscurorum Virorum (Cartas dos homes escuros), escrito con ocasión da disputa intelectual entre o humanista alemán Johann Reuchlin e os dominicos de Colonia, como Johannes Pfefferkorn, sobre que libros xudeus deberían queimarse como non-cristiáns. Pouco antes, en 1509, o monxe Pfefferkorn obtivera o permiso de Maximiliano I (1486–1519), o Emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, para incinerar todos os libros do Talmud (Lei xudía e Ética xudía) que achara no Sacro Imperio; as Cartas dos homes escuros satirizan os argumentos dos monxes dominicos para queimar obras "non-cristiás".

Ao ser o termo exclusivamente pexorativo, non existe ningunha teoría ou corrente filosófica ou política que se defina escurantista ou persoas que se autodefinan como tales.

Un escurantista é unha persoa que predica e defende unha actitude de negación do saber (rexeita recoñecer como verdadeiras cousas demostradas como, por exemplo, negar a evolución), de restrición da difusión do coñecemento (sen negar a veracidade dunha cousa, considera que non pode difundirse por razóns de todo tipo: interese persoal, temores sociais etc.), ou de propagación de teorías cuxa falsidade está probada.

Por este motivo un astrónomo pode definir como escurantista a un astrólogo, porque hoxe a astroloxía está considerada como escurantista xa que se basea en interpretacións que son incompatíbeis coas observacións científicas probadas, pero iso non era o caso hai algúns séculos: os coñecementos científicos, especialmente os astronómicos, eran daquela insuficientes para invalidar as interpretacións astrolóxicas (as dúas disciplinas naquel tempo viñan ser a mesma cousa)

O escurantismo relaciónase frecuentemente coa Idade Media pola Inquisición e os autos de fe, así como coa época dos grandes descubrimentos e co século das Luces, para designar as antigas ideas políticas e relixiosas.

A día de hoxe para certos ateos as relixións son crenzas escurantistas. E no dominio das relixións organizadas, o escurantismo usualmente asóciase co fundamentalismo relixioso.

Pero algúns opinan que cómpre facer unha distinción: o fundamentalismo presupón unha sincera fe relixiosa, mentres que o escurantismo baséase nunha manipulación minoritaria da fe popular como práctica política (Cf. Censorship).

O termo na historia

No debate histórico e filosófico, o termo escurantismo foi prevalentemente utilizado polos intelectuais iluministas e positivistas para connotar negativamente unha parte da historia do pensamento humano.

Estes describiron a época medieval occidental utilizando expresións negativas, que foron amplamente propagadas, de tal xeito que aínda hoxe permanecen como mitos no imaxinario popular. Refírense a este período pexorativamente como a Idade das Tebras, suxerindo que nel non houbera ningunha creación filosófica ou científica autónoma. Para xustificar este título, díxose que na noite de mil anos, que supostamente fora a era medieval, a ciencia coñecería un longo período de "falta de inspiración". Este preconcepto débese ao pequeno volume de produción científica e filosófica elaborada na Idade Media en relación ao período clásico e helenístico. Inda que ningún historiador serio utilice a expresión "Idade das Tebras" para suxerir atraso cultural, aínda hoxe, mesmo nas escolas, ensínanse nocións equivocadas como a idea falsa de que os estudosos medievais crían que a Terra fose plana.

Viron esta etapa como unha época de declive cultural. Segundo esta análise un dos caracteres predominantes da cultura medieval foi a preeminencia da teoloxía sobre calquera outra actividade especulativa intelectual, sendo imperante un modelo de erudición filosófica de traza aristotélica dominando o chamado principio de autoridade que situaba a verdade bíblica como principio incontrastábel

Cando, a finais do século XVI, xorde a cuestión do paso do modelo do mundo xeocéntrico a un modelo heliocéntrico, os científicos da época, que dependían de institucións controladas pola igrexa católica, estaban divididos entre estas dúas hipóteses, mentres non se obtivera a proba óptica da traxectoria orbital da Terra ao redor do Sol.

Capa do Index Librorum Prohibitorum, 1564

Os erros cometidos por algúns teólogos do século XVII provocaron a crítica por parte de certos filósofos. Por exemplo, Descartes séntese impulsado no seu proxecto filosófico despois de recibir, en 1634, o Diálogo sobre os dous máximos sistemas do mundo, que lle valera a Galileo a súa condena en 1633, conmutada por asignación de residencia forzosa en Arcetri, preto de Florencia, polo papa Urbano VIII, vila na que permaneceu Galileo até a súa morte, en 1642. No seu Discurso do método, Descartes falaba, sobre o asunto da escolástica, e de maneira pexorativa, dunha "filosofía especulativa que se ensina nas escolas" .

A análise iluminista prosegue denunciando a política de control da cultura, adoptada pola Igrexa no período da Contrarreforma, con particular referencia ao Índice (Index Librorum Prohibitorum), aos procesos da Inquisición e os conseguintes autos de fe. A oposición de certas autoridades da igrexa católica nos séculos XVII e XVIII ás novas ideas científicas, xerou un sentimento de rexeitamento da Igrexa nunha parte da nacente burguesía, sobre todo despois de que a extensión dos textos procedentes da imprenta e da prensa permitía darse de conta dos descubrimentos das ciencias fundamentais (a gravitación, por exemplo), e da difusión destes saberes para obter aplicacións prácticas no dominio técnico.

A loita contra o escurantismo foi tamén o principal cabalo de batalla dos pensadores do século das Luces, que se corresponde máis ou menos co século VIII. É neste contexto no que Voltaire escribiu De l'horrible danger de la lecture (1765). En efecto, a idea central do século das Luces é a de que o progreso xeral no comportamento humano, comprendendo tamén o ámbito político, está condicionado pola difusión o máis ampla posíbel de todos os coñecementos. E que hai unha conexión de facto entre, por unha parte, a ignorancia e a servidume e, por outra parte, entre o coñecemento e a liberdade.

Todo o proxecto enciclopedista de D'Alembert e Diderot encarna esta idea, ilustrada pola célebre opéra de Wolfgang Amadeus Mozart Die Zauberflöte (A frauta máxica).

E así chegamos aos debates do século XIX, dominado polos grandes descubrimentos científicos e o progreso tecnolóxico, e escenario de grandes desencontros ideolóxicos entre os librepensadores e os homes da Igrexa. Á fin do século XIX o contraste entre o progreso e o escurantismo era vivido tan profundamente que foi posto en escena no Teatro della Scala de Milán en forma de ballet: o famoso Ballo Excelsior, que era unha alegoría inxenua da vitoria das Luces e a Civilidade contra o escurantismo..

O termo na actualidade

Manifestante integrista cristián que propón o principio de autoridade baseado na Biblia

Escurantismo é hoxe un termo utilizado polos adeptos do laicismo para describir o inmobilismo das persoas que defenden, frecuentemente por motivos relixiosos, as verdades eternas da revelación e que se opoñen activamente aos valores da Ilustración e da Revolución francesa: a busca da verdade por métodos científicos, a liberdade de expresión nas artes e na prensa e, finalmente, o progreso social e democrático segundo os principios de liberdade, igualdade e fraternidade.

Fálase así do escurantismo dos reis de Castela durante a Contrarreforma, do cal Filipe II de Castela sería o expoñente por excelencia, do escurantismo da igrexa católica na súa oposición contra os descubrimentos de Nicolao Copérnico, de Galileo Galilei e de moitos outros científicos. Esta política escurantista e represiva da coroa española explica que as teorías de Copérnico, publicades entre 1507 e 1532, só puideron divulgarse abertamente en España dous séculos máis tarde, en 1774, coa publicación de Estado de la Astronomía en Europa, de Jordi Joan i Santacília.

Hoxe, o termo emprégase tamén para describir a actitude dos evanxélicos estadounidenses na súa loita, implacábel, contra a teoría da evolución, dos adeptos da teoría do deseño intelixente e do creacionismo, así como de certos movementos conservadores do islamismo que queren defender a súa autenticidade contra a influencia do modernismo occidental, que consideran como contrario á moral.

Notas

  1. Merriam-Webster Online, "Obscurantism".
  2. Webster’s New Universal Unabridged Dictionary. (1996)
  3. Enzo Barillà: Paul Feyerabend e il Manifesto Anti-Astrologico del 1975 (en italiano)
  4. Frédéric Lenoir (22 maio 1997). L'Express, ed. "Enquête sur l'astrologie".  (en francés)
  5. Véxase Historia da ciencia#Da imago mundis á astronomía. Copérnico. Galileo.
  6. Syed, I. (2002): "Obscurantism". In: Intellectual Achievements of Muslims. New Delhi: Star Publications.
  7. Myths and Truths in Science and Religion: A historical perspective. Debate en vídeo de Ronald Numbers, dispoñíbel na páxina Arquivado 14 de maio de 2011 en Wayback Machine. Universidade de Cambridge (Howard Building, Downing College). Publicado por The Faraday Institute for Science and Religion. (en inglés). Consultada o 11 de maio de 2011.
  8. Véxase Alberto Trebeschi, citado na bibliografía
  9. Véxase Ciencia medieval, sección Idade das Tebras?.
  10. Véxanse os artigos Galileo e Historia da ciencia#Da imago mundis á astronomía. Copérnico. Galileo.
  11. Galileo Galilei (1632): Dialogo sopra due massimi sistemi del mondo, tolemaico e copernicano (Diálogo sobre os dous máximos sistemas do mundo, o tolemaico e o copernicano).
  12. Véxase sixième partie du Discours de la méthode
  13. Alberto Soave Excelsior
  14. Véxase Deseño intelixente, Creacionismo e artigos conexos.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Estling, Ralph (2004): Obscurantism, tyranny, and the fallacy of either black or white. . In "Skeptical Inquirer". Arquivado do orixinal o 11 de decembro de 2007. (en inglés)
  • Fuso, Silvano (2009) I nemici della scienza. Integralismi filosofici, religiosi e ambientalisti. Edizioni Dedalo. ISBN 88-220-6807-6
  • Israel, Giorgio (2008): Chi sono i nemici della scienza? Riflessioni su un disastro educativo e culturale e documenti di malascienza. Lindau. ISBN 978-88-7180-723-2
  • Mencken, H. L. (2002): H. L. Mencken on Religion. Prometheus Books. ISBN 978-1-57392-982-0
  • Sagan, Carl (1997): El mundo y sus demonios: La ciencia como un candil en la oscuridad. Ballantine Books. ISBN 0-345-40946-9. (Unha reflexión contra a pseudociencia, unha defensa da ciencia. Tamén contén elementos de crítica contra o sistema educativo estadounidense).
  • Syed, I. (2002) "Obscurantism". "Obscurantism". En: Intellectual Achievements of Muslims. New Delhi: Star Publications. Extacto consultábel en liña. (en inglés)
  • Trebeschi, Alberto (1975): Lineamenti di Storia del pensiero scientifico. Editori Riuniti.
  • VV.AA. (2008): La République n'a pas besoin de savants.... In "Agalma", nº 15, marzo 2008, Mimesis editore. ISBN 978-88-8483-693-9

Outros artigos

Ligazóns externas