Especiación peripátrica

Comparación entre os distintos tipos de especiación: alopátrica, peripátrica, parapátrica e simpátrica.

A especiación peripátrica ou peripátrida é un modo de formación de novas especies ou especiación a partir de poboacións periféricas pequenas. Os termos peripátrico e peripatría úsanse en bioxeografía para referirse aos organismos cuxas áreas de distribución son adxacentes pero non se solapan, polo que permanecen illados; por exemplo nunha illa oceánica en comparación co continente. Tales organismos están xeralmente estreitamente relacionados (por exemplo, son especies irmás), e as súas distribucións son o resultado de especiación peripátrica.

A cor vermella indica a área de distribución do oso pardo. A cor azul indica a área do oso polar. A cor púrpura indica áreas onde viven ambos. Este é un exemplo de especiación peripátrica porque os antepasados dos osos polares se moveron a un novo nicho ecolóxico na periferia do hábitat orixinal do oso pardo.

Na especiación peripátrica fórmanse novas especies en poboacións periféricas illadas pequenas; é similar á especiación alopátrica en que as poboacións están illadas e o intercambio de xenes entre elas está impedido. Porén, na especiación peripátrica unha das poboacións é moito máis pequena que a outra, cousa que non ocorre na alopátrica típica. Unha posible consecuencia da especiación peripátrica é que unha especie ancestral moi estendida xeograficamente faise parafilética, converténdose nunha paraespecie. O concepto de paraespecie é, por tanto, unha consecuencia lóxica do concepto evolutivo de especie, polo cal unha especie dá lugar a unha especie filla. A evolución do oso polar a partir do oso pardo é un exemplo ben documentado de especie viva que deu lugr a outra especie viva por medio da evolución dunha poboación localizada nas marxes da súa área de distribución ancestral.

A especiación peripátrica foi proposta orixinalmente por Ernst Mayr, e está relacionada co efecto fundador, porque pequenas poboacións vivas poden sufrir pescozos de botella selectivos. A deriva xenética suponse que xoga un importante papel na especiación peripátrica.

Notas

  1. Edwards CJ, Suchard MA, Lemey P, et al. (August 2011). "Ancient Hybridization and an Irish Origin for the Modern Polar Bear Matriline". Current Biology 21: 1251–1258. PMID 21737280. doi:10.1016/j.cub.2011.05.058. 
  2. Provine WB (1 July 2004). "Ernst Mayr: Genetics and speciation". Genetics 167 (3): 1041–6. PMC 1470966. PMID 15280221. 
  3. Templeton AR (1 April 1980). "The theory of speciation via the founder principle". Genetics 94 (4): 1011–38. PMC 1214177. PMID 6777243.