Giordano Bruno, coñecido tamén por Nolano ou Bruno de Nola, nado en Nola (provincia de Nápoles) en 1548 e asasinado en Roma o 17 de febreiro de 1600, foi un filósofo italiano.
Giordano Bruno ingresou no convento dominico de Nápoles en 1566 onde se doutorou en teoloxía. Dominico como Tomé de Aquino, era fillo de Xoán Bruno, un militar italiano e Flaulisa Savolino. Sempre contestador, non tarda en atraer contra si mesmo opinións contrarias e persecucións. En 1576 abandona o hábito ao ser acusado de herexía por dubidar da Santísima Trindade.
Defensor do humanismo, corrente filosófica do Renacemento (cuxo principal representante é Erasmo), Bruno defendía o infinito cósmico e unha nova visión do home. Aínda que a filosofía da súa época estivese baseada nos clásicos antigos, de entre os cales principalmente Aristóteles, Bruno teorizou vehementemente contra eles. A súa forma e contido son moi semellantes aos de Platón, escribindo na forma de diálogos e coa mesma visión.
Nómade por natureza e modo de vida, Bruno baseou a súa filosofía apoiado nas súas intuicións e vivencias fóra do común. Non era un científico, nin valoraba a matemática, mais era un visionario, considerado místico por moitos.
Un dos puntos claves da súa teoría é a cosmoloxía, segundo a cal o universo sería infinito, poboado por milleiros de sistemas solares, e interligado con outros planetas contendo vida intelixente. Para esta perspectiva bebeu na fonte de Nicolau da Cusa, Copérnico e tamén de Giovanni della Porta.
Deus sería a forza creadora perfecta que forma o mundo e que sería inmanente a el. Bruno acepta os poderes humanos extraordinarios de Deus, mais enfrontouse abertamente á Igrexa católica ridiculizando os milagres de Cristo e outros tantos dogmas católicos, tales como a virxindade de María.
O nobre veneciano chamado Giovanni Mocenigo, atopou a Bruno en Frankfurt en 1590 e convidouno a Venecia, baixo o pretexto de ensinar a mnemotécnica, a arte de desenvolver a memoria, en que Bruno era perito. Como Mocenigo quería usar as artes da memoria con fins comerciais, segundo algúns ou para prexudicar os seus concorrentes e inimigos conforme outros, pechou a Bruno nun cuarto e chamou os axentes da Inquisición para que o levasen preso, acusándoo de herexía. Bruno foi preso no San Castello no día 26 de maio de 1592.
Por estas opinións quentes e perigosas para a época, Giordano Bruno foi condenado pola inquisición, pasando os seus últimos oito anos sufrindo torturas e malos tratos de todos os tipos. No último interrogatorio non se retracta, mostra forza e coraxe. Por non abxurar, é condenado á morte na fogueira, mais antes de morrer afronta aínda máis unha vez aos seus inquisidores. Dise que cuspiu no crucifixo dos que o mataron. No entanto algúns consideran que non o fixo, e que este relato é para tentar denegrir máis a súa imaxe.
Ao ser anunciada a sentenza, de que sería executado piamente, sen profusión de sangue (que en verdade significaba a morte na fogueira) dixo: "Teme máis a Forza en pronunciar a sentenza do que eu en escoitala" Significando que a Forza - a Igrexa Católica sabería do crime contra a humanidade que estaría cometendo creando un mártir do pensamento. Anos despois, ante unha situación análoga, Galileo Galilei apenas susurrou "e pur si muove (aínda con todo iso, móvese...)" ao negar o heliocentrismo: Galileo, xa vello, tivo en conta o caso de Bruno e preservouse para poder continuar as súas investigacións.