Harry Potter e a Orde do Fénix | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | Harry Potter and the Order of the Phoenix |
Director | David Yates |
Produtor | David Heyman David Barron |
Guión | Michael Goldenberg |
Baseado en | Harry Potter e a Orde do Fénix de J. K. Rowling |
Intérpretes | Daniel Radcliffe Rupert Grint Emma Watson Ralph Fiennes Michael Gambon Imelda Staunton Gary Oldman Helena Bonham Carter |
Música | Nicholas Hooper John Williams |
Fotografía | Sławomir Idziak |
Montaxe | Mark Day |
Estudio | Heyday Films |
Distribuidora | Warner Bros. |
Estrea | 11 de xullo de 2007 (Estados Unidos) 12 de xullo de 2007 (Reino Unido) |
Duración | 138 minutos |
Orixe | Reino Unido Estados Unidos |
Xénero | Fantasía Drama |
Orzamento | $150 000 000 |
Recadación | $939 900 000 |
Filme anterior | Harry Potter e o Cáliz de fogo |
Filme seguinte | Harry Potter e o misterio do príncipe |
Na rede | |
http://www.harrypotter.com | |
Harry Potter e a Orde do Fénix (en inglés: Harry Potter and the Order of the Phoenix) é un filme de fantasía e drama dirixido por David Yates e baseado na novela homónima escrita por J. K. Rowling. É o quinto filme da serie de filmes de Harry Potter. Foi escrito por Michael Goldenberg e producido por David Heyman e David Barron. A historia céntrase no quinto ano de Harry Potter na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería, durante o que o Ministerio de Maxia rexeita a idea do regreso de Lord Voldemort. A película está protagonizada por Daniel Radcliffe como Harry Potter, con Rupert Grint e Emma Watson como os mellores amigos de Harry, Ron Weasley e Hermione Granger. O resto do elenco inclúe a Ralph Fiennes, Michael Gambon, Imelda Staunton, Gary Oldman e Helena Bonham Carter.
O filme tivo a súa estrea nos Estados Unidos o 11 de xullo de 2007 e no Reino Unido e o 12 de xullo de 2007. Foi a primeira película de Harry Potter en proxectarse en cines IMAX 3D, aínda que tamén se estreou en salas convencionais e con IMAX. A recadación nas salas internacionais ascende a 938,2 millóns de dólares estadounidenses.
O quinto ano de Harry comeza sufrindo un ataque de Dementores en Little Whinging. Máis tarde, descobre que o Ministerio de Maxia nega o regreso de Lord Voldemort; asemade Harry comeza a sufrir continuos pesadelos. Pola súa banda, o Ministerio sitúa a Dolores Umbridge como nova profesora de Defensa contra a Maxia Negra para controlar a Albus Dumbledore. Así comeza unha loita que enfronta a un grupo de estudantes da escola (o Exército de Dumbledore) e a Orde do Fénix contra o Ministerio de Maxia e os Devoradores da Morte.
A gravación do filme realizouse entre febreiro e novembro de 2006 en Inglaterra e Escocia para as escenas exteriores e nos Leavesden Film Studios en Watford para as tomas interiores. A posprodución da película continuou durante varios meses para engadir os efectos visuais.
Harry Potter e a Orde do Fénix | ||||
---|---|---|---|---|
Banda sonora de Nicholas Hooper | ||||
10 de xullo de 2007 | ||||
Estudio de gravación | Abbey Road Studios | |||
Duración | 52:22 | |||
Xénero | Banda sonora | |||
Selo discográfico | Warner/Sunset | |||
Cronoloxía | ||||
|
A banda sonora de Harry Potter e a Orde do Fénix lanzouse ao mercado o 10 de xullo de 2007. Desta volta, Nicholas Hooper foi o encargado de compoñer as pezas musicais, despois de que John Williams o fixera nas tres primeiras entregas da saga e Patrick Doyle na cuarta.
As pezas "Another Story", "The Hall of Prophecies", "The Room of Requirement" e "A Journey to Hogwarts" conteñen partes de "Hedwig's Theme", escrita por John Williams. Ademais, Alexandre Desplat empregou "The Kiss" máis adiante na súa peza "A New Beginning" para a banda sonora de Harry Potter e as reliquias da morte (2ª parte).