Biografía | |
---|---|
Nacemento | 10 de setembro de 1659 Westminster (Comunidade da Inglaterra) |
Morte | 21 de novembro de 1695 (36 anos) Westminster (Reino de Inglaterra) |
Lugar de sepultura | Abadía de Westminster |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Reino de Inglaterra |
Educación | Westminster School |
Actividade | |
Ocupación | compositor , teórico da música , musicólogo , organista , autor |
Período de actividade | 1679 - |
Xénero artístico | Ópera, himno e Oda |
Movemento | Música barroca |
Profesores | Pelham Humfrey, John Blow, Henry Cooke (pt) e Matthew Locke |
Lingua | Lingua inglesa |
Instrumento | Órgano e Clavicémbalo |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Frances Purcell |
Fillos | Edward Purcell (en) |
Irmáns | Daniel Purcell (pt) |
Páxina web | henrypurcell.org.uk |
|
Henry Purcell (pronunciado /ˈpɜ:səl/ ou /pársel/), nado en Londres cara ao 10 de setembro de 1659 e finado na mesma cidade o 21 de novembro de 1695, foi un compositor inglés do Barroco. Considerado un dos mellores compositores ingleses de todos os tempos, incorporou á súa música elementos estilísticos franceses e italianos, xerando un estilo inglés propio de música barroca.
Henry Purcell naceu en Londres, no condado de St. Ann's Lane, Westminster. O seu pai, tamén chamado Henry Purcell, foi cabaleiro da Capela Real e cantou na coroación do rei Carlos II de Inglaterra. Foi o maior de tres irmáns, dos cales o menor, Daniel Purcell (falecido en 1717), foi tamén un prolífico compositor. Tras a morte do seu pai, en 1664, Henry Purcell quedou baixo a custodia do seu tío Thomas Purcell (finado en 1682). O seu tío Thomas era así mesmo cabaleiro da Capela Real e xestionou a admisión de Henry como membro do coro. Henry estudou primeiro con Henry Cooke, mestre dos nenos, e logo con Pelham Humfrey, sucesor de Cooke.
Dise que Purcell comezou a compor cando tiña só nove anos, pero a primeira obra que pode ser identificada con certeza como da súa autoría é Ode for the Kings Birthday ("Oda para o aniversario do rei"), escrita en 1670. Despois da morte de Humfrey, Purcell continuou os seus estudos con John Blow, entanto que asistía á escola de Westminster. En 1676 foi nomeado axudante organista da abadía de Westminster.
En 1679 escribiu varias cancións para Choice Ayres, Songs and Dialogues ("Aires, cancións e diálogos elixidos"), de John Playford, e tamén un himno de nome actualmente descoñecido para a Capela Real. Grazas a unha carta escrita por Thomas Purcell, sabemos que o himno foi escrito para a excepcional voz do reverendo John Gostling, daquela en Canterbury, pero posteriormente cabaleiro da Capela do Rei. Purcell escribiu moitos himnos en diferentes momentos para esta extraordinaria voz, un baixo profundo, que se sabe que tiña unha tesitura de polo menos dúas oitavas completas, desde re2 ata re4. Coñécense datos dalgúns destes himnos; poida que o exemplo máis salientable sexa They that go down to the sea in ships ("Os que se afunden no mar en barcos"), composto en agradecemento por un providencial salvamento dun naufraxio sufrido polo rei no estreito de Solent. Gostling, que acompañaba o rei nesa ocasión, reuniu varios versos dos salmos en forma de himno e pediulle a Purcell que compuxese a música. A obra resulta aínda hoxe dunha interpretación moi difícil, incluíndo unha pasaxe que atravesa toda a tesitura da voz de Gostling.
En 1680, John Blow, organista da abadía de Westminster desde 1669, renunciou ao seu cargo en favor de Henry Purcell, quen nesa data tiña 22 anos.
En 1682 Purcell casou con Frances Purcell e ao ano seguinte foi nomeado organista da Capela Real e construtor dos órganos reais. Purcell, daquela, dedicouse enteiramente á composición de música sacra, e durante seis anos restrinxiu a súa conexión co teatro. Con todo, durante a primeira parte daquel ano, probablemente antes de asumir o cargo, produciu dous importantes traballos para as táboas: a música para Theodosius, de Nathaniel Lee, e para Virtuous Wife ("A esposa virtuosa"), de Thomas D'Urfey.
En 1689, Purcell compuxo a ópera Dido and Aeneas ("Dido e Eneas"), que constitúe un importante fito na historia da música dramática inglesa coa famosa aria Dido's Lament ("O lamento de Dido"), e máis tarde algunhas outras semióperas, como The Fairy Queen ("A raíña das fadas"). Dido and Eneas foi escrita segundo un libreto de Nahum Tate, quen o desenvolveu por petición do profesor de baile Josiah Priest.
Purcell morreu o 21 de novembro de 1695 á idade de 36 anos, no cume da súa fama. Pouco despois, a súa esposa compilou varias das súas obras, que se publicaron en dous famosos volumes: Orpheus Britannicus I (1698) e II (1702).
Foi enterrado na abadía de Westminster, debaixo do órgano que tanto tempo tocou. O seu epitafio di: "Aquí xace o honorable Henry Purcell, quen deixou esta vida e foi a ese único lugar bendito onde a súa harmonía pode ser superada".
A súa obra recibiu a influencia dos estilos inglés, a través do seu pai e do seu tío; francés, xa que os seus mestres estudaran alí; e italiano, pola grande exposición que tivo a esta escola debido ao grande pulo da música italiana que se produciu desde 1680.
O catálogo de Henry Purcell componse de 860 obras, que se adoita clasificar en catro grupos:
A Galipedia ten un portal sobre: Música clásica |