Inmarsat é o nome dunha compañía británica de telecomunicacións orixinada na organización intergubernamental do mesmo nome e que pasou a denominarse International Mobile Satellite Organization. A privatización de Inmarsat tivo lugar en abril de 1999 e foi a primeira organización de satélites en ser privatizada. Comercializa os satélites de comunicacións en órbita xeoestacionaria do mesmo nome.
Os tres satélites Marisat foron os primeiros usados pola organización cando aínda era pública para ofertar servizos a buques nos océanos Atlántico, Pacífico e Índico. Usaban o bus HS-356 de Hughes Aircraft Company e todos foron lanzados en 1976 usando foguetes Delta 2914. Usaban a banda L, a banda C e a UHF para as súas comunicacións. Cada satélite tiña unha masa de 650 kg, forma cilíndrica e estabilización mediante xiro. A enerxía era proporcionada por 7000 células solares que recubrían a súa superficie, dando ata 330 W de potencia.
Os dous satélites MARECS (Maritime European Communications satellite) operativos, A e B2 (o B perdeuse durante o lanzamento) foron os seguintes satélites de Inmarsat. Usaban o busc ECS, tiñan unha masa de 1060 kg e estabilizábanse nos tres eixos. Os dous paneis solares proporcionaban 955 W de potencia, alimentando dúas baterías de níquel-cadmio para os períodos de eclipse. Usaban transpondedores nas bandas C e L para as comunicacións. Foron lanzados en 1981 e 1984 mediante foguetes Ariane 1 e Ariane 3.
Representan a segunda xeración de satélites Inmarsat. Lanzados entre 1990 e 1992 mediante foguetes Delta e Ariane, usaban o bus Eurostar 1000 e estabilizábanse nos tres eixos. Teñen unha masa de 1310 kg.
Os Inmarsat da serie 3 foron fabricados por Lockheed Martin usando o bus AS 4000, coa carga útil construída por Matra Marconi Space. Levan a bordo transpondedores en banda L e C e foron lanzados entre 1996 e 1998.
Os Inmarsat 4 foron a cuarta xeración de satélites Inmarsat, construídos baixo o bus Eurostar 3000GM por Astrium. Teñen dez veces a capacidade da xeración anterior en canto a comunicacións e proporcionan servizos móbiles e de alta velocidade. Usan exclusivamente a banda L e foron lanzados entre 2005 e 2008.
Inmarsat-4A F4, tamén chamado Alphasat, foi un satélite conxunto entre a ESA e Inmarsat usando o bus Alphabus para validalo comercialmente. O satélite usa un novo procesador de sinais e ten un reflector para a antena de 12 m de diámetro. Ten unha masa de 6649 kg, os paneis proporcionanlle 12 kW de potencia e ten unha vida esperada de 15 anos. Usa transpondedores exclusivamente en banda L e foi lanzado o 25 de xullo de 2013 mediante un foguete Ariane 5.
Cada satélite Inmarsat-t leva a bordo 89 transpondedores en banda Ka. Usan o bus BSS 702HP de Boeing e teñen unha masa duns 6000 kg. Os paneis solares proporcionanlles ata 15 kW de potencia e usan un sistema de propulsión iónica para as súas manobras.
Inmarsat-S-EAN é produto da alianza entre Inmarsat e HellasSat. Construído por Thales Alenia Space sobre o bus Spacebus 4000C4, ten unha masa de 5780 kg, un tempo esperado de vida de 15 anos e leva a bordo transpondedores en banda S, banda Ku e banda Ka. Foi lanzado o 28 de xuño de 2017 mediante un Ariane 5.
O Inmarsat-5 F5, construído por Thales Alenia Space sobre o bus Spacebus 4000B2, ten unha masa de 4008 kg, 16 anos de esperanza de vida e 72 transpondedores en banda Ka. Os seus paneis solares proporciónanlle 6,8 kW de potencia e foi lanzado o 26 de novembro de 2019 mediante un Ariane 5.
Inmarsat-6 F1 e F2 pertencen á sexta xeración de satélites Inmarsat e están pensados para aumentar os servizos sobre banda L e banda Ka. Foron construídos por Airbus Defence and Space usando o bus Eurostar-3000EOR. Teñen unha masa de 5470 kg, unha antena de 9 m de apertura para banda L, nove antenas multifeixe para banda Ka e dous paneis solares. O Inmarsat-6 F1 foi lanzado o 22 de decembro de 2021 mediante un foguete H-2A e o F2 foi lanzado o 18 de febreiro de 2023 mediante un Falcon 9.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Inmarsat |