Karl Domanig | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 3 de abril de 1851 Sterzing |
Morte | 9 de decembro de 1913 (62 anos) Eppan / Appiano. Condado do Tirol Imperio Austrohúngaro. |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Austríaca |
Relixión | Igrexa católica |
Educación | Universidade de Innsbruck. Universidade Gregoriana. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática, museoloxía e literatura. |
Ocupación | escritor , numismático |
Lingua | Lingua alemá |
Familia | |
Cónxuxe | Irmgard Müller (1884). |
Fillos | Marie Domanig, Erwin Domanig (en) |
Karl Anton Domanig (coñecido como Karl Domanig, tamén escrito Carl Domanig), nado en Sterzing (de.) / Vipiteno (it.) o 3 de abril de 1851 e finado en Eppan / Appiano o 9 de decembro de 1913, foi un numismático e escritor italo-austríaco, coñecido como o poeta da patria tirolesa.
Karl Domanig naceu o 3 de abril de 1851 na vila tirolesa de Sternzing, hoxe italiana e daquela pertencente ao Condado Principesco do Tirol, no Imperio Austríaco. Proviña dunha familia tirolesa orixinaria de Carintia, e era fillo do patriota tirolés Anton Obrist e sobriño do poeta Hans Obrist.
Domanig cursou a súa educación secundaria en Brixen e en Merano, e posteriormente fixo estudos superiores de Dereito, Lingua Alemá e Historia da Arte na Universidade de Innsbruck e na Universidade Gregoriana de Roma, ata o seu doutoramento en 1876.
Logo de diversas viaxes por Europa para enriquecer os seus coñecementos artísticos, en 1881 estableceuse en Viena, onde se ocupou da educación dos fillos de diversos membros da familia imperial austríaca en materia de literatura e arte, ata 1901.
En 1884 ingresou como conservador axudante da Colección Imperial de Moedas e Medallas. En 1887 foi ascendido a conservador titular e en 1900 foi nomeado como primeiro director da institución, reconvertida daquela en Gabinete Numismático de Viena, logo de separarse do Gabinete de Antigüidades e instalarse no edificio do Kunsthistorisches Museum.
En paralelo á súa vida profesional, Karl Domanig foi un prolífico autor literario, tanto de poesía como de obra dramática e, en menor medida, de novela, e tamén publicou algún ensaio sobre temática literaria e humanística. Como autor teatral cómpre salientar a súa triloxía Der Tyroler Freiheitskampf ("A loita tirolesa pola liberdade"), publicada entre 1885 e 1897, unha exaltación patriótica e popular e católica do Tirol común a varios dos seus traballos, que tamén se aprecia na súa obra poética, onde destacan Der Abt von Fiecht ("O abade de Fiecht"), de 1887, e a épica Um Pulver und Blei ("Sobre a pólvora e o chumbo"), de 1909. A novela Die Fremden ("Os estraños") é un dos escasos exemplos neste xénero.
Domanig formou parte da Comisión Central para o Descubrimento e a Conservación de Monumentos Artísticos e Históricos de Austria. Ademais, entre outras sociedades eruditas, foi membro da Sociedade Numismática Austríaca, da Sociedade Suíza de Numismática, da Sociedade Real de Numismática de Bélxica e Sociedade de Autores Xermano-Austríaca.
Karl Domanig casou en Viena en 1884 con Irmgard Müller (1861-1925). Unha das súas fillas, María Domanig, foi tamén escritora.
Entre as diversas honras recibidas por Karl Domanig en recoñecemento aos seus servizos cómpre salientar os seus nomeamentos como cabaleiro da Orde Imperial de Francisco Xosée como cidadán honorario da cidade de Sterzing (1911).
Na súa memoria, a Sociedade Austríaca para a Promoción da Arte da Medalla e a Pequena Escultura emitiu en 1914 unha medalla conmemorativa co seu busto, deseñada por Richard Placht, coa lenda KEIN RUHM WÄHRT LÄNGER, ALS DER RUHM DER TREUE ("Ningunha fama dura máis cá da fidelidade").
Pola súa banda, o concello de Sterzing colocou unha placa no edificio onde Domanig naceu, na que constan as datas do seu nacemento e da súa morte.
Esta é unha escolma dos traballos monográficos e das obras de creación literaria publicados por Karl Domanig ao longo da súa carreira: