Lago Tanganica | |
---|---|
O lago Tanganica desde o espazo, xuño de 1985 | |
País | Burundi R.D. do Congo Tanzania Zambia |
Rexión | Gran Val do Rift |
Superficie | 32 900 km² |
Capacidade | 18 900 000 hm³ |
Lonxitude | 673 km |
Ancho | 72 km |
Conca fluvial | Río Congo |
Cota | 773 msnm |
Profundidade | 1.470 m |
Prof. media | 570 m |
Tipo | Lago val tipo rift |
Afluentes | Ríos Malagarasi (475 km), Ruzizi (117 km), Kalambo (50 km), Ifume, Lufubu e Lunangwa |
Desaugues | Río Lukuga (350 km) (Lukuga → Luabala → Congo) |
Cidades | Kigoma (TAN), Kalemie (COD) e Bujumbura (BDI) |
O lago Tanganica (do seu nome en suahili: Tanganyika) é un dos Grandes Lagos Africanos localizado na zona centro-oriental do continente africano. É o segundo maior lago de África, despois do lago Vitoria, e forma parte de Burundi, República Democrática do Congo, Tanzania e Zambia.
Atópase no brazo occidental do Gran Val do Rift, a unha altitude de 773 m e esténdese por 673 km nunha dirección aproximadamente norte-sur (é o lago máis longo do mundo), cunha largura media de 50 km e ten unha profundidade máxima de 1470 metros (entre os 3° 20' e os 8° 48' S e os 29° 5' e os 31° 15' E). Estímase que este lago é o segundo máis antigo e o segundo máis profundo do mundo, despois do lago Baikal na Siberia. Cobre unha área de 32 900 km² e ten unha liña de costa de 1 828 km e unha profundidade media de 570 m; o seu volume estímase en cerca de 19 000 km³.
Existen catro áreas protexidas nas súas marxes: a Reserva da Natureza de Rusizi, no Burundi (un sitio Ramsar), o Parque Nacional de Gombe Stream (onde se encontran os chimpancés de Jane Goodall), o Parque Nacional das Montañas Mahale, na Tanzania e o Parque Nacional de Nsumbu, na Zambia.
Ademais de ser un excelente medio de comunicación entre os países e poboacións ribeirías, o lago Tanganica é rico en peixes, sendo unha importante fonte de proteínas para os pobos da rexión. Estímase que cerca de 45 mil persoas traballan directamente nas pescarías, operando en case 800 centros de pesca; no entanto, pénsase que máis dun millón de persoas dependen desta actividade.
O lago foi descuberto polos europeos en 1858, cando os exploradores Richard Francis Burton e John Speke o acadaron mentres buscaban a fonte do río Nilo. Speke continuou as súas investigacións cara ó norte e realmente encontrou unha das súas fontes, o lago Vitoria.
"Tanganika" era o nome do lago que Henry Morton Stanley atopou cando estaba en Ujiji en 1876; escribiu que a xente do lugar non estaba segura do seu significado e el mesmo conxecturou que significaba algo como "o gran lago que se estende como unha chaira". Tamén atopou outros nomes para o lago dado por etnias diferentes, como Kimana, Iemba e Msaga.
O lago Tanganica está situado dentro do Rift Albertino, a rama occidental do Rift Africano Oriental, e está confinado polas paredes montañosas do val. É o lago de rift máis grande de África e o segundo lago do mundo por volume. É o lago máis profundo de África e ten o maior volume de auga doce, representando o 16 % da auga doce dispoñible no mundo. Esténdese 676 km en dirección xeral norte-sur e ten unha largura media de 50 km. O lago cobre unha superficie de 32 900 km2, cun litoral de 1828 km, unha profundidade media de 570 m e unha profundidade máxima de 1471 m (na cunca norte). Ten un volume aproximado de 18 900 km3.
A área de captación do lago é de 231 000 km2. Dous ríos principais desembocan no lago, así como outros ríos e regatos máis pequenos (cunhas lonxitudes limitadas polas escarpadas montañas arredor do lago). O principal fluxo de saída é o río Lukuga, que desemboca na cunca do río Congo. As precipitacións e a evaporación teñen un papel maior que os ríos. Polo menos o 90 % da afluencia de auga provén da choiva que cae sobre a superficie do lago e polo menos o 90 % da perda de auga é por evaporación directa.
O principal río que desemboca no lago é o río Ruzizi, formado hai uns 10 000 anos, que entra ao norte do lago desde o Kivu. O río Malagarasi, que é o segundo río máis grande de Tanzania, entra no lado leste do lago Tanganica. O Malagarasi é máis antigo que o lago Tanganica e, antes de que se formase, probablemente era unha cabeceira do río Lualaba, principal corrente do río Congo.
O lago ten unha historia complexa de patróns de fluxo cambiantes, debido á súa elevada altitude, gran profundidade, ritmo lento de recarga e situación montañosa nunha zona volcánica turbulenta que sufriu cambios climáticos. No pasado apenas tiña saída ao mar e por ese motivo foi descrito como "practicamente endorreico". A conexión do lago co mar depende dun alto nivel de auga que permite que a auga desborde do lago a través do río Lukuga cara ao Congo. Cando non se desborda, a saída do lago ao río Lukuga normalmente está bloqueada por barras de area e masas de maleza e, no seu lugar, este río depende dos seus propios afluentes, especialmente o río Niemba, para manter o caudal.
Debido á situación tropical do lago, ten unha alta taxa de evaporación. Así, depende dunha entrada elevada a través do Ruzizi fóra do lago Kivu para manter o lago o suficientemente alto como para desbordar. Esta saída aparentemente non ten máis de 12 000 anos de antigüidade, e resultou dos fluxos de lava que bloqueaban e desviaban a saída anterior da cunca do Kivu cara ao lago Eduardo e despois ao sistema do Nilo, e por outra banda desviaban cara ao lago Tanganica. Os sinais das costas antigas indican que ás veces o Tanganica puido ser ata 300 m máis baixo que o nivel actual da súa superficie, sen saída ao mar. Mesmo a súa saída actual é intermitente, polo que é posible que non estivese operativa cando foi visitada polos exploradores occidentais por primeira vez en 1858.
O lago tamén pode ter ás veces entradas e saídas diferentes; propúxose que existiron nalgún momento da historia do lago fluxos interiores desde o máis alto lago Rukwa, o acceso ao lago Malawi e unha ruta de saída ao Nilo.
O lago Tanganica é un lago antigo. As súas tres concas, que en períodos con niveis de auga moito máis baixos eran lagos separados, son de diferentes idades. O central comezou a formarse hai 9-12 millóns de anos , o norte hai 7-8 millóns e o sur 2-4 millóns.
Entre as illas do lago Tanganica, as máis importantes son Kavala, Mamba-Kayenda, Milima e Kibishie na República Democrática do Congo e Mutondwe e Kumbula en Zambia.
O lago é coñecido pola excepcional claridade das súas augas, o que permite a visibilidade até 25 metros de profundidade. A auga do lago Tanganica é de gran riqueza minela, e os seus parámetros son moi específicos. A auga do lago é alcalina, cun pH de 9,5 na superficie e de 8,6 a -1300 metros. A condutividade segue un patrón similar, movéndose entre arredor de 670 μS/cm na superficie e os 690 μS/cm nas áreas máis fondas.
As temperaturas superficiais adoitan roldar os 24 °C na parte sur a principios de agosto ata os 28-29 °C a finais da tempada de choivas en marzo-abril. A máis de 400 m de profundidade a temperatura é moi estable, de 23.1-23.4 °C. A auga foi quéntandose dende o século XIX e isto viuse acelerado por mor do quecemento global dende a década de 1950.
O TAC é 12-19, de escaso valor en termos de proporcións de sales. Así, os principais sales (os valores son en miligramos por litro) son:
Debido á súa enorme profundidade e localización tropical, as augas do lago non sofren a viraxe estacional propia dos lagos das rexións frías e, como consecuencia, as súas augas profundas considéranse "auga fósil" e son anóxicas (sen osíxeno). Por iso, máis alá dos douscentros metros de profundidade a vida é imposible para a meirande parte dos organismos, principalmente por mor da ausencia de osíxeno e a presenza de sulfuro de hidróxeno.
Os ventos predominantes durante o verán austral, que son ventos do sueste, causan a subida á superficie destas augas anóxicas, polo que os peixes e outros organismos non teñen outra opción que fuxir ou morrer.
No lago encóntranse polo menos 250 especies de cíclidos, 98 % dos cales son endémicos, o que supón unha importante fonte biolóxica para o estudo da especiación na evolución. Os cíclidos dos Grandes Lagos Africanos, incluído o Tanganica, representan a maior diversidade de radiación adaptativa nos vertebrados. A maioría dos cíclidos do Tanganica viven ao longo da costa ata unha profundidade de 100 m, mais algunhas especies de augas profundas baixan regularmente ata os 200 m. Atopáronse especies de Trematocara excepcionalmente a máis de 300 m, a máis profundidade que calquera outro cíclido do mundo. Algúns dos cíclidos de augas profundas como o Bathybates, o Gnathochromis, o Hemibates e oXenochromis, foron capturados en lugares virtualmente baleiros de osíxenos, mais descoñécese como poden sobrevivir.
Habitan tamén unhas 80 especies doutros grupos de peixes, 60 % endémicas, a maioría dos cales vive na zona béntica (no fondo); no entanto, a maior parte da biomasa de peixes vive na zona peláxica (augas abertas) e está dominada por seis especies, dúas de sardiñas do Tanganica (Limnothrissa miodon e Stolothrissa tanganicae) e catro do predador Lates, que está relacionada (mais non é a especie) coa perca do Nilo que devastou a ictiofauna indíxena do lago Vitoria. As catro especies de Lates, todas endémicas do Tanganica foron vítimas da sobrepesca e os individuos grandes agora son estraños. Entre os peixes máis estraños do lago están os parasitos facultativos de niñada endémicos "peixe gato cuco", incluídos polo menos Synodontis grandiops e S. multipunctatus.
O elevado endemismo encóntrase tamén nos numerosos invertebrados do lago que son coñecidos pola súa converxencia con especies acuáticas, especialmente moluscos, caranguexos, copépodes etc. Coñécense un total de 83 especies de caracois acuáticos (65 endémicas) e 11 especies de bivalvos (8 endémicas). Os crustáceos tamén son enormemente diversos no lago, con máis de 200 especies, a metade endémicas. Non se coñece ben a diversidade doutros grupos de invertebrados no lago Tanganica, mais hai descritas polo menos 20 especies de sambesugas (12 endémicas), 9 esponxas (7 endémicas), 6 briozoos (2 endémicos), 11 platihelmintos (7 endémicos), 20 nematodos (7 endémicos), 28 anélidos (17 endémicos) e a pequena medusa hidrozoa Limnocnida tanganyicae.
O lago Tanganica e as zonas húmidas asociadas albergan crocodilos do Nilo (incluído o famoso Gustave), tartarugas como Pelusios rhodesianus, Pelusios sinuatus e Pelusios subniger (esta última non no propio lago senón nas lagoas adxacentes). Unha subespecie ameazada da cobra Naja annulata e que se alimenta principalmente de peixes, só se atopa no lago Tanganica, onde prefire as costas rochosas.
O lago Tanganica é un importante lugar de pesca que proporciona, segundo a fonte, entre o 25–40 % ou o 60 % da proteína animal da dieta dos pobos da rexión.
A pesca comercial no lago comezou a mediados da década de 1950 e tivo un crecemento rápido até finais dos anos 70, cando parece ter atinxido o rendemento máximo sustentábel; en 2016 a captura total acadou preto das 200 000 toneladas, mais téñense verificado grandes flutuacións interanuais (o que é normal en peixes peláxicos). Existen dous proxectos internacionais para a xestión das pescarías do lago Tanganica, un organizado pola FAO e outro pola IUCN e o Banco Mundial, para a xestión da biodiversidade.
Os primeiros occidentais coñecidos que viron o lago foron os exploradores británicos Richard Burton e John Speke, en 1858. Localizárono mentres buscaban a fonte do río Nilo. Speke continuou e atopou a fonte real, o lago Vitoria. Máis tarde David Livingstone pasou polo lago. Anotou o nome "Liemba" pola súa parte sur, unha palabra probablemente da lingua fipa, e en 1927 foi escollido como novo nome para o barco conquistado da primeira guerra mundial Graf von Götzen que aínda está a serivr no lago.
En Ujiji, na ribeira do lago, tivo lugar o encontro entre o xornalista Henry Morton Stanley e o explorador David Livingstone, en que o primeiro saudou o segundo coa frase Dr. Livingstone, I presume ("Doutor Livingstone, supoño").
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lago Tanganica |