Les Luthiers é un grupo cómico-musical arxentino moi popular tamén noutros países de lingua castelá. O grupo foi fundado en 1967 por Gerardo Masana, nunha época de grande intensidade da música coral nas universidades arxentinas. A súa principal característica son os instrumentos deseñados para o grupo, de onde lle vén o nome luthiers, que empregan nos seus concertos para producir música e textos de humor refinado. Dende 1977 e ata a súa morte en 2007 traballaron con Roberto Fontanarrosa, coñecido escritor arxentino.
En 2011 recibiron o premio Grammy Latino especial á Excelencia Musical e en 2017 foilles concedido o Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades.
Les Luthiers comezaron escribindo pezas humorísticas en estilo barroco, imitando xéneros vocais como as cantatas, os madrigais e as serenatas. Máis adiante diversificaron os xéneros, ampliándoos dende os lieder e a ópera ao pop, a música mariachi e mesmo o rap. As súas actuacións adoitan estar mesturadas con fragmentos de humor, frecuentemente relacionadas con situacións absurdas da vida do músico ficticio Johann Sebastian Mastropiero.
Les Luthiers recoñeceron a influencia de Gerard Hoffnung e Peter Schikele na súa obra. O "Profesor" Schikele inventou en 1965 a personaxe ficticia de P.D.Q. Bach, fillo de Johann Sebastian Bach e tamén inventou moitos instrumentos inusuales baseados noutros reais. Hoffnung publicou debuxos con instrumentos imaxinarios para orquestra. Malcolm Arnold probablemente fose a primeira persoa en escribir unha parodia usando estes instrumentos estraños cando compuxo A Grand, Grand Overture, peza para orquestra e aspiradoras dedicada ao presidente Herbert Hoover.
Les Luthiers son coñecidos por empregar instrumentos inventados creados a partir de materiais cotiáns. O primeiro instrumento, o bass-pipe a vara (especie de trombón), foi creado por Gerardo Masana unindo tubos de cartón atopados na lixo con outros obxectos. Corenta anos despois, o instrumento aínda se emprega nas actuacións.
O inventor e construtor de instrumentos Carlos Iraldi (1920–1995), "luthier Les Luthiers", foi o responsable de inventar algúns dos instrumentos máis sofisticados. Trala súa morte tomou o seu lugar Hugo Domínguez.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Les Luthiers |