O evanxeo segundo San Mateo | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | Il Vangelo secondo Matteo |
Director | Pier Paolo Pasolini |
Produtor | Alfredo Bini |
Guión | Pier Paolo Pasolini |
Baseado en | Evanxeo de Mateu |
Intérpretes | Enrique Irazoqui |
Música | Luis Enríquez Bacalov Carlo Rustichelli (sen acreditar) |
Fotografía | Tonino Delli Colli |
Montaxe | Nino Baragli |
Estudio | Arco Film Lux Compagnie Cinématographique de France |
Distribuidora | Titanus Distribuzione |
Estrea | 4 de setembro de 1964 |
Duración | 137 minutos |
Orixe | Italia Francia |
Na rede | |
O evanxeo segundo San Mateo (italiano: Il Vangelo secondo Matteo) é un filme biográfico italiano de 1964 dirixido por Pier Paolo Pasolini. É unha adaptación cinematográfica da historia de Xesús de Nazaret, dende o nacemento ata a resurrección. En 2015, o xornal L'Osservatore Romano, do Vaticano declarouno o mellor filme realizado sobre Cristo.
Os diálogos están tomados directamente do Evanxeo de Mateu, xa que Pasolini sentía que "as imaxes nunca poderían acadar as alturas poéticas do texto". Explicou ademais que escollera o Evanxeo de Mateu sobre os outros porque decidira que "Xoán era demasiado místico, Marcos demasiado vulgar e Lucas demasiado sentimental".
Foi emitido na TVG o 23 de decembro de 2017.
Xesús de Nazaret viaxa por Palestina durante o imperio Romano cos seus discípulos, curando os cegos, resucitando os mortos, exorcizando demos e anunciando a chegada do Reino de Deus e a salvación de Israel. Proclama que é o fillo de Deus e polo tanto o mesías profetizado, o que o leva a enfrontamentos directos cos líderes do templo xudeu. É detido, entregado aos romanos e acusado de sedición contra o estado romano, cargo do que é declarado inocente polo gobernador de Palestina. Con todo, é crucificado por orde dos líderes do templo, mais tres días despois resucita de entre os mortos.
Pasolini empregou algunhas técnicas do neorrealismo italiano na realización do filme. A maioría dos actores non eran profesionais. Enrique Irazoqui (Xesús) era un estudante de economía español de 19 anos e activista comunista, mentres que o resto do elenco eran naturais de Barile, Matera e Massafra, onde se rodou o filme. Pasolini visitara Terra Santa, pero atopou as localizacións inadecuadas e "comercializadas". A propia nai de Pasolini, Susanna, interpretou a nai de Xesús de vella. O elenco inclúe intelectuais como os escritores Enzo Siciliano e Alfonso Gatto, os poetas Natalia Ginzburg e Rodolfo Wilcock e o filósofo Giorgio Agamben. Ademais das fontes bíblicas orixinais, Pasolini empregou referencias a "2000 anos de pintura e escultura cristiás" ao longo do filme. O aspecto das personaxes á tamén ecléctica e en ocasións anacrónicas, lembrando representacións artísticas de diferentes épocas: o vestiario dos soldados romanos e dos fariseos por exemplo están influídos pola arte renacentista, mentres que Xesús parece máis ligado á arte bizantina ademais ds obra do artista expresionista Georges Rouault). O director describiu máis tarde o filme como "a vida de Cristo máis 2000 anos de narración sobre a vida de Cristo".
Pasolini indicou que a súa experiencia na rodaxe foi moi diferente das anteriores. Expresou que mentres que o estilo de rodaxe de Accattone foi "reverencial", cando ese estilo se aplicou ás fontes bíblicas "volveuse retórico. (...) E entón cando estaba a filmar a escena do bautizo preto de Viterbo abandonei todas as miñas ideas técnicas previas. Comecei a empregar o zoom, usei movementos novos de cámara, novos planos que non eran reverenciais, senón case documentais unha severidade case clásica con momentos case "godardianos", por exemplo nos dos xuízos de Cristo, filmados como cinema verite. (...) A clave é que (...) eu, un non crente, estaba contando a historia a través dos ollos dun crente. A mestura a nivel narrativa produciu a mestura estilística".
Na 25.ª edición do Festival Internacional de Cinema de Venecia, O evanxeo segundo San Mateo competiu polo León de Ouro e gañou o premio OCIC e o premio especial do xurado. Na estrea, reuniuse unha multitude para apupar a Pasolini, mais aclamárono cando o filme rematou. O filme gañou tamén o gran premio da Oficina Cinematográfica Católica Internacional. Foi candidato ao premio das Nacións Unidas na 21.ª edición dos premios da BAFTA.
O evanxeo segundo San Mateo estreouse nos Estados Unidos en 1966 e foi candidato a tres premios Oscar: mellor dirección artística (Luigi Scaccianoce), mellor vestiario (Danilo Donati) e mellor banda sonora.
for the best Film embodying one or more of the principles of the United Nations Charter in 1968