Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2016.) |
O realismo é unha corrente que abrangue moitas artes, entre as que destacan a pintura, a fotografía, o cine, a literatura e a filosofía.
Como corrente literaria e pictórica europea deuse entre 1850 e 1900. Caracterízase pola observación rigorosa da realidade, o obxectivismo, a temática extraída da vida e intereses da clase social burguesa e a veracidade absoluta na descrición e creación de personaxes. Por outra parte, o realismo é tamén unha constante estética que tivo diversas formulacións ó longo da historia. Deste xeito, pode falarse xa de realismo na novela picaresca ou en Miguel de Cervantes, ou distintas versións ó longo da historia da literatura. Poderían encadrarse aquí algunhas tendencias como o realismo socialista ou o realismo sucio estadounidense, xurdidas durante o século XX.
A estética do Realismo, fascinada polos avances da ciencia, tenta facer da literatura un documento que sirva de testemuño da sociedade da época, da mesma maneira que a fotografía, recentemente nacida. Así, describe todo o cotián e típico e prefire os personaxes vulgares e correntes, de quen toma boa nota a través de cadernos de observación, ós personaxes extravagantes ou insólitos típicos do anterior Romanticismo. Esta estética propugna á súa vez unha ética, unha moral fundamentada na moderación e síntese de calquera contradición, a obxectividade e o materialismo.
En canto ós procedementos literarios do Realismo, son característicos o abuso da descrición detallada e prolixa, o uso do parágrafo longo e complexo provisto de abundante subordinación, a reprodución case magnetofónica da fala popular tal cal se pronunciaba e sen corrección ningunha que pretenda idealizala e o uso dun estilo pouco caracterizado, unha linguaxe "invisible" que exprese obxectivamente sen chamar a atención sobre o escritor.
Ó igual có Romanticismo, o Realismo tivo dúas correntes, unha conservadora, que gababa os vellos costumes populares (José María de Pereda, Juan Valera), e outra progresista, caracterizada pola denuncia social (Benito Pérez Galdós, Leopoldo Alas "Clarín").
A orixe do realismo literario europeo hai que procurala na literatura española medieval e na novela picaresca española e, en concreto, na versión que configurou sobre esa tradición o novelista Miguel de Cervantes. O desmitificador modelo cervantino influíu poderosamente na literatura europea posterior, pero o descrédito polo que pasou o xénero narrativo durante o século XVIII aprazou o seu influxo europeo, salvo o caso de Inglaterra, ata ben entrado o século XIX.
A novela realista europea vén a ser a épica da clase media ou burguesa que conseguiu —ó longo de sucesivas revolucións que lle foron conferindo cada vez maior poder (1789, 1820, 1830 e 1848)—, instalarse como clase dominante en tódolos aspectos da vida, incluído o cultural e o estético. Os ideais burgueses (materialismo, utilitarismo, busca do éxito económico e social) irán aparecendo na novela pouco e pouco, e na súa fase final tamén irán aparecendo algúns dos seus problemas interiores (o papel da muller instruída e así a todo desocupada; o éxodo do campo á cidade e a mutación de valores subsecuente, por exemplo). Por outra parte, cando se vaian reiterando e esgotando os temas relativos á burguesía, a descrición realista irá penetrando noutros ámbitos e deixará a mera descrición exterior das condutas para pasar á descrición exterior das mesmas, volvéndose novela psicolóxica e creando procedementos narrativos introspectivos como o monólogo interior, e artellando movementos en certa maneira opostos como, por un lado, o Espiritualismo, que influíu a última etapa de narradores realistas como Benito Pérez Galdós, Fiódor Dostoievski e Lev Tolstói, e por outro o Naturalismo, que esaxeraba os contidos sociais, documentais e científicos do Realismo e que se aproximaba á descrición das clases humildes, marxinadas e desfavorecidas..
En Francia foron escritores realistas Henrý Beyle, "Stendhal", Honoré de Balzac, Prosper Mérimée ou Gustave Flaubert. No Reino Unido, William Makepeace Thackeray, Charles Dickens e Mary Ann Evans (mellor coñecida polo seu pseudónimo, George Eliot); en Rusia, Iván Turguiéñef, Lev Tolstói e Fiódor Dostoievski. Nos Estados Unidos, Mark Twain, Henry James e Theodore Dreiser. En Italia, o movemento denominouse verismo e ten ó seu máis caracterizado representante en Giovanni Verga. En canto á literatura escrita en alemán poden considerarse realistas o suízo Gottfried Keller e os alemáns Albert Bitzius (que utilizaba o pseudónimo Jeremías Gotthelf), Hans Theodor Storm e Wilhelm Raabe, inda que esta estética inda continuou renovándose durante o século XX a través da obra literaria de Thomas Mann.
O termo realismo é mal interpretado con facilidade na súa aplicación á filosofía. Non significa nin defensa dun mundo natural, nin oposición ó idealismo (o oposto deste sería, en todo caso, o empirismo), nin sequera está ligado de forma directa ou explícita coa verdade. As teses fundamentais de todo realismo son:
A razón pola que o termo realismo se aplica a correntes filosóficas moi diferentes entre si é a natureza do obxecto. Pode ser material, pero tamén un obxecto espiritual, unha creación matemática, unha idea, unha teoría científica etc.
Analogamente, as posturas non realistas defenden que o obxecto só existe na nosa mente, ou ben que nin sequera ten sentido falar de que dito obxecto exista. Como posturas non realistas nalgún sentido dado encontramos os idealismos, o instrumentalismo, o nominalismo etc.
O uso máis antigo do termo é en contraposición ó nominalismo e ó conceptualismo e referido ó problema dos universais. O realismo sostén que os universais son realidades independentes das cousas. O conceptualismo é un realismo moderado no cal os universais son realidades na mente e, inda que carecen de existencia independente, teñen o seu fundamento nas cousas existentes. O nominalismo afirma que os universais non existen en absoluto, son flatus vocis, palabras que utilizamos para describir grupos de obxectos.
Segundo estas categorías, a teoría das Ideas de Platón denominouse realismo platónico xa que asumía a existencia de universais. Pero non hai que perder de vista que se trata dunha denominación aplicada en séculos posteriores a Platón e que se trata dunha simplificación das súas ideas. Algo similar pódese dicir de Aristóteles, ó que se denominou realista moderado, inda que isto en realidade é máis adecuado para o aristotelismo tomista medieval.
A partir do Renacemento e, principalmente, da idade moderna, o realismo entrou en crise na filosofía ante o pulo dos idealismos. O realismo metafísico defendía que o ser (as cousas) ten existencia independente da conciencia. O realismo gnoseolóxico (que se ocupa do modo de coñecer as cousas) afirmaba que, en contraposición ó idealismo transcendental de Kant, nos é posible coñecer as cousas sen que a nosa conciencia impoña as súas categorías.
Na idade contemporánea o realismo recuperou prestixio entre os filósofos. O principal responsable quizabes sexa o neorrealismo que naceu a finais do século XIX nos países anglosaxóns.
O realismo inxenuo identifícase co naturalismo filosófico no sentido de que o punto de partida é a existencia da natureza. É a posición intuitiva, do "sentido común".
O realismo crítico afirma que existe a cousa en si, pero que o obxecto inmediato de coñecemento non é necesariamente esta, senón un conxunto de calidades pertencentes á cousa.
Para o realismo absoluto non hai diferenza, nin pode haber, entre o obxecto de coñecemento e a cousa en si. O realismo materialista do materialismo dialéctico é un tipo de realismo absoluto que foi desenvolvido polos seguidores de Karl Marx, fundamentalmente Lenin. Engade as teses de que o noso coñecemento non é invariable, e sempre hai que razoar dialecticamente.
O neotomismo defende un realismo non naturalista. Existe a cousa en si independentemente de nós, pero esta existencia non se reduce ós obxectos naturais, tamén existen os obxectos espirituais.
O existencialismo analiza a existencia do home no mundo, polo que o realismo forma parte da súa mesma base.
O realismo liberal (Antonio Muñoz Ballesta) analiza as sociedades do século XXI baseadas nos principios realistas do político e na ciencia social e económica da Escola austríaca de economía.
Na actualidade, a controversia do realismo - antirrealismo desenvólvese fundamentalmente en filosofía da ciencia. Nesta disciplina filosófica, un trazo particular do realismo é que non se ocupa tanto da natureza ou a existencia do obxecto como do tipo de relación que hai entre o coñecemento e o obxecto.
Pero non é só a cuestión de se a ciencia estuda ou non a realidade. Hai varias concepcións do realismo, non excluíntes mutuamente, segundo fagan fincapé nun ou outro aspecto:
Outras variantes do realismo en filosofía da ciencia están relacionadas coa verdade. O realismo semántico defende que as teorías científicas son verdadeiras ou falsas segundo a súa correspondencia coa realidade. Segundo o realismo progresivo o avance da ciencia nos permite un mellor coñecemento da realidade.
Karl Popper e Mario Bunge son defensores estritos do realismo da ciencia. Os realistas en sentido forte defenden que as teorías e conceptos científicos nos proporcionan coñecemento sobre a realidade porque hai algún tipo de relación de correspondencia entre as teorías científicas e a natureza. Mario Bunge analiza os problemas de diversas epistemoloxías, dende o racionalismo crítico popperiano ata o empirismo, o neopositivismo, o subxectivismo ou o relativismo. Considerase un realista crítico que ve a ciencia como falible (o coñecemento do mundo é provisional e incerto), pero inda así afirma que a realidade existe e é obxectiva.
Larry Laudan e Ronald N. Giere presentan unha postura intermedia entre o realismo e o subxectivismo estritos. Giere afirma que referencia á realidade debe valorarse caso por caso porque o grao de realismo varía entre as ciencias ou, cando menos, nalgunhas delas resulta máis sinxelo encontrar a súa correspondencia coa realidade. Así, a astronomía e a bioloxía posúen un grao de realidade moi elevado, mentres que a mecánica cuántica utiliza construcións teóricas moi abstractas.
O realismo crítico de Rom Harré e Roy Bhaskar destaca que o empirismo e o realismo conducen a dous tipos diferentes de investigación científica. A liña empirista busca novas concordancias coa teoría, mentres que a liña realista intenta coñecer mellor as causas e os efectos. Isto implica que o realismo é máis coherente cós coñecementos científicos actuais.
Arthur Fine promove a actitude ontolóxica natural como postura entre o realismo científico e os antirrealismos. A diferenza do realismo e do antirrealismo, a actitude ontolóxica natural non interpreta a verdade. Considera a esta un concepto básico e como tal o seu uso e a súa lóxica están xa categorizados, polo menos parcialmente. Non é necesario dar conta do, nin tampouco sería posible.
Como movementos non realistas na ciencia encontramos o instrumentalismo, o pragmatismo, diversos tipos de fenomenoloxía ou fenomenismo e o idealismo epistemolóxico.
Na música, Alexander Dargomizhsky trazou un terceiro camiño na música rusa, no da melodía motivada polo significado. Inspirou a moitos músicos posteriores, na maior parte ós músicos da escola romántica, de feito Modest Mussorgsky, considerado o pai do realismo musical, denomina a Dargomizhsky como verdadeiro artífice deste movemento.
En fotografía existiron diferentes movementos coñecidos como realismos fotográficos que emprestaron maior atención á documentación fotográfica da realidade en defecto dos valores estéticos da fotografía.