Remo (deporte)

Remo

Coñécese como remo o conxunto de disciplinas deportivas que consisten na propulsión dunha embarcación por medio da forza muscular dun ou varios remeiros, que poden empregar un ou dous remos, sempre usados como pancas, cun punto de fixación á embarcación. O remo distínguese do piragüismo en que neste último o deportista vai colocado de fronte ó movemento porque non fai panca co remo para avanzar, mentres que nas disciplinas de remo o deportista vai sempre sentado de costas ó sentido do movemento.

Nunha embarcación de remo, tódolos elementos están fixados ó corpo da embarcación, incluídos os propios remos (unidos por unha articulación), menos o banco no que se senta o remeiro. Este banco pode ser fixo ou móbil, de tal xeito que hai dúas categorías principais dentro do deporte do remo: o remo de banco fixo, e o remo de banco móbil. A diferenza principal entre unha e outra categoría é que no remo de banco fixo, o esforzo se realiza nos brazos e nas costas, mentres que no remo de banco móbil, este deslízase sobre unhas rodas pequenas de xeito que o esforzo se realiza nos brazos, nas costas e tamén nas pernas. Os remo de banco móbil practícase sobre augas tranquilas.

Hai certas modalidades de remo que son olímpicas, en categoría masculina dende 1900, e en categoría feminina dende 1976. Distínguese pois o remo olímpico, con 14 modalidades (todas elas de banco móbil); do remo non olímpico, con máis modalidades, incluídas tódalas de banco fixo.

En Galicia ten moita tradición a disputa de competicións en banco fixo, principalmente en traiñeiras e bateis. Os clubs de remo máis salientables participan cada ano na Liga Galega de Traiñeiras, dende a cal pódese ascender á máxima categoría cantábrica, a Liga ACT.

A nivel internacional, existen probas tan senlleiras como a Regata Oxford-Cambridge (The Boat Race), que se leva disputando dende 1829 en augas do Támese entre estudantes das universidades de Oxford e Cambridge.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para remo.
  2. "remo". TERGAL. Arquivado dende o orixinal o 24/10/2018. Consultado o 24/10/2018. 
  3. "remeiro". TERGAL. Arquivado dende o orixinal o 24/10/2018. Consultado o 24/10/2018. 
  4. "traiñeira". TERGAL. Arquivado dende o orixinal o 24/10/2018. Consultado o 24/10/2018. 
  5. "batel". TERGAL. Arquivado dende o orixinal o 24/10/2018. Consultado o 24/10/2018. 

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas