Galicia | |||
---|---|---|---|
| |||
Asociación | Federación Galega de Fútbol | ||
Confederación | {{{Confederación}}} | ||
Código FIFA | |||
Alcume | A Irmandiña | ||
Clasificación FIFA | {{{Ranking}}} | ||
Clasificación ConIFA | {{{Ranking ConIFA}}} | ||
Seleccionador | Diego Martínez Penas | ||
Máis encontros | |||
Máximo goleador | |||
Estrea internacional Galicia 4 - 1 Centro Coia, Vigo; 19 de novembro de 1922 | |||
Maior vitoria Galicia 8 - 2 Escuadra británica Coia, Vigo; 21 de xaneiro de 1923 | |||
Maior derrota Galicia 1 - 3 Asturias Coia, Vigo; 25 de febreiro de 1923 |
A selección de fútbol de Galicia é o equipo de fútbol formado por xogadores galegos, que representa á Federación Galega de Fútbol, independentemente de que participen ou non con outras seleccións nacionais recoñecidas pola FIFA. Dado que este organismo non é membro da FIFA nin do COI, a selección absoluta galega non pode participar en torneos oficiais e só disputa partidos amigábeis a nivel internacional. Porén, en categorías inferiores participa nas competicións que organiza a Federación Española de Fútbol, e dende 1999 a selección de Galicia de afeccionados disputa a Copa das Rexións da UEFA.
O equipo é coñecido familiarmente como «A Irmandiña», rememorando a historia da Galicia medieval, na cal se constituíron Irmandades para a defensa do pobo fronte os abusos dos señores.
A confección da primeira selección galega prodúcese para a disputa do Campionato Interrexional da tempada 1922/23, un campionato de carácter obrigatorio no que participan as seleccións das federacións afiliadas á Real Federación Española de Fútbol, as cales podían seleccionar calquera futbolista dos seus clubs federados independentemente do lugar onde nacera, e co que se pretendía confeccionar un combinado estatal en condicións que representase a España nos Xogos Olímpicos de 1924.
Os seleccionadores desta primeira etapa son Manuel de Castro e Pepe Bar. O debut oficial prodúcese o 19 de novembro de 1922 fronte á selección do Centro (ás veces tamén chamada Castela, xa que a Federación Centro abranguía as provincias castelás de Ávila, Cidade Real, Cuenca, Guadalaxara, Madrid, Segovia e Toledo) nos cuartos de final do Campionato Interrexional, gañando o equipo galego por 4-1. O partido foi disputado no campo vigués de Coia. O equipo titular da estrea estaba formado por Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Balbino Clemente, Pepe Hermida, Moncho, Ramón González, Chiarroni, Polo, e Pedro Pinilla. Chiarroni marcou o 1-0. Empatou a selección Centro cun gol de Monjardín (xogador que curiosamente nacera na Coruña). Polo adiantou de novo á selección galega. Pinilla de penalti marcou o 3-1 e Ramón fixo o cuarto tanto galego.
O primeiro partido fronte a un rival internacional tivo lugar o 7 de xaneiro de 1923. Galicia enfrontouse a unha selección lisboeta, da que formaban parte moitos xogadores da selección portuguesa, vencendo por 3-1. Por Galicia xogaron: Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Jacobo Torres, Balbino, Reigosa, Ramón González, Chiarroni, Polo e Pinilla. A selección gañou 3-1, con dous goles de Polo e un de Reigosa.
O 14 de xaneiro de 1923 a selección galega enfrontouse en Sevilla ao equipo de Andalucía no encontro de semifinais do Campionato Interrexional. O once galego compoñíano os mesmos xogadores que gañaran á selección lisboeta a semana anterior: Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Torres, Balbino, Reigosa, Ramón González, Chiarroni, Polo e Pinilla. Aos tres minutos, Ramón conseguiu o primeiro gol dos galegos. Empatou Andalucía de penalti pouco antes do descanso. Polo logrou o desempate e Ramón e, por cabo, Chiarroni ampliaron a vantaxe galega.
Unha semana despois, o 21 de xaneiro, a selección galega contendeu en Coia contra unha selección da escuadra inglesa. No equipo de Galicia xogaban Isidro, Otero, Juanito Clemente, Queralt, Torres, Balbino, Salvador, Ramón González, Chiarroni, Polo e Pinilla. Pinilla abriu o taboleiro, Ramón marcou o segundo tanto e Pinilla repetiu fortuna co terceiro gol. Os ingleses conseguiron minguar a vantaxe antes do descanso. Os xogadores foron ao vestiario cun 4-2 favorábel aos galegos. Na segunda parte a selección galega lograría catro tantos máis. O taboleiro rexistrou finalmente un 8-2 a favor da selección de Galicia.
O 28 de xaneiro a selección de Pontevedra enfrontouse á selección galega en Bouzas. Adiantouse o equipo de Galicia cun gol de Luís Correa. E no segundo tempo anotaron gol Polo, Chiarroni e outra vez Correa. A selección da ‘boa vila’ logrou o tanto de honra por medio de Besada e o partido rematou cun 4-1 no taboleiro. Ao domingo seguinte disputouse en Pontevedra o partido de volta. Gañou a selección galega 1-3. O partido foi xogado en Pasarón. Pasarín, de penalti, e Chiarroni, en dúas ocasións, foron os goleadores do combinado galego. O gol da selección lerense foi anotado por Castillo.
A selección aínda xogou un partido de adestramento máis antes da final do Campionato Interrexional. Foi o 18 de febreiro no campo de Coia fronte dun combinado ferrolán-coruñés. Venceu a selección galega 7-1. Tres goles foron obra de Ramón González, dous de Polo e outros dous de Chiarroni.
Por cabo, o 25 de febreiro de 1923 o equipo de Galicia xogou contra a selección asturiana a final do Campionato Interrexional. No once galego estaban Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Torres, Hermida, Reigosa, Balbino, Chiarroni, Polo e Pinilla. Ramón González non puido xogar a final por lesión. Polo rompeu o marcador cun tanto, pero os asturianos protagonizaron unha remontada que pechou o marcador cun 1-3 e a primeira derrota da selección de Galicia, que rematou subcampioa do torneo. A causa do resultado os seleccionadores presentaron a súa dimisión, mais a Federación Galega de Fútbol pediulles que a retirasen. Despois da derrota, houbo críticas ao feito de que a selección galega fose confeccionada soamente con xogadores do Fortuna de Vigo e do Vigo Sporting e non se contase cos xogadores dos outros equipos galegos. Porén, a boa imaxe amosada no torneo serviu de pulo para que ese mesmo ano os dous clubs vigueses decidisen fundirse nun só e crear o Real Club Celta de Vigo.
En maio dese mesmo ano, a selección galega enfrontouse outra vez coa selección de Lisboa, desta volta na capital lusa o 27 de maio. Na selección de Galicia xogaban Isidro, Juanito, Pasarín, Viñas, Balbino, Machín, Reigosa, Ramón, Manolo Posada, Polo e Pinilla. Marcou de penalti Pinilla, pero os lisboetas déronlle a volta ao marcador cos goles de João Francisco e de Jaime Gonçalves.
En novembro de 1923 comezou o campionato Campionato Interrexional da tempada 1923/24, enfrontándose o día 25 dese mesmo mes a selección de Galicia contra a selección do Centro no campo de Ciudad Lineal, en Madrid, no partido de cuartos de final. Gañou a selección do Centro por 1-0. O equipo galego estivo formado por: Isidro, Clemente, Hermida, Queralt, Balbino, Viñas, Reigosa, Gerardo, Chicha, Polo e Pinilla.
O Campionato Interrexional foi suprimido na asemblea da Real Federación Española de Fútbol celebrada o verán de 1924, pechándose así esta primeira etapa.
Os seguintes partidos xorden de iniciativas particulares e non da propia federación. En 1929, co gallo da Coroación da Virxe das Dores na Coruña, o comité promotor dos festexos concertou un partido benéfico entre as seleccións de Galicia e do Centro en Riazor. O equipo galego aliñou con Isidro, Manolín, Pasarín, Hermida, Rivera, Basterrechea, Reigosa, Hilario, Rogelio, Polo e Pérez. Os futbolistas Hilario, Pérez, Manolín e Basterrechea aínda que xogaban en clubs galegos non naceran en Galicia, pero iso non foi impedimento para que participasen igualmente no conxunto galaico. A selección do Centro tamén aliñou xogadores non nados no seu ámbito territorial pero que militaban nos clubs desa federación, coma Prats, Esparza, Peña, Rubio, Marín, Vázquez ou o galego Cosme. O partido rematou cun empate 0-0.
O 8 de xuño de 1930 celebrouse un partido no campo de Chamartín entre a selección de Galicia e a selección do Centro. O partido convocouse para recadar fondos para as familias damnificadas polo naufraxio de catro pesqueiros de Bouzas. A iniciativa partiu de Ramón Fernández Mato. Ademais, o Concello de Vigo custeou unha artística copa de prata chamada Copa Vigo, deseñada por Federico Ribas, que sería outorgada á selección gañadora. A aliñación galega foi Isidro, Jiménez, Pasarín, Paredes, Vega, Fariña, Reigosa, Losada, Chacho, Hilario e Polo. Formaron coa selección galega Jiménez e Hilario aínda que non eran nados en Galicia, e coa selección Centro xogadores como Ordóñez, San Miguel, Triana, Morera e Cosme aínda que non naceran nas provincias castelás que abranguía a súa federación. Comezou o partido marcando dous goles Losada e un gol Fariña, acabando o primeiro período con tres goles de vantaxe a favor dos galaicos. No descanso Lilo subtituíu a Isidro na portaría. Na reanudación, os do Centro conseguen marcar por medio de Ordóñez e cando xa se achegaba o final do partido Hilario anota o cuarto gol galego, finalizando así o encontro cun 1-4 a favor da selección galega. Unha semana antes, Galicia derrotara o Sporting Clube de Portugal en Balaídos por 4-2. No equipo galego xogaran Isidro, Cabezo (que foi substituído aos cinco minutos por Jiménez), Hermida, Paredes, Vega, Fariña, Reigosa, Losada, Polo, Hilario e Rubio. Tres goles foron marcados por Losada e o outro por Polo. Os goles lisboetas foron de Correia e Rogério.
Durante estes anos, houbo tamén outros partidos de homenaxe onde tomaron parte combinados de xogadores galegos, coma o disputado o 11 de agosto de 1929 en Riazor para homenaxear a Luis Otero, onde xogou o Deportivo da Coruña con Samitier (do F.C. Barcelona) e Cosme (do Real Madrid) fronte a unha selección galega formada por xogadores do Celta de Vigo, Racing de Ferrol e o defensa Calvo do Racing Club de Madrid, empatando 0-0, ou o disputado o 7 de setembro de 1930 en homenaxe a Ramón Polo, onde un combinado galego derrotou en Balaídos o Athletic Club (campión de Liga e Copa ese ano) por 5-4. Outros partidos con combinados galegos foron un partido en homenaxe a Isidro no que xogaron o Deportivo da Coruña e unha selección galega en Riazor o 23 de agosto de 1931 no que gañou o club herculino 3-1, un encontro en homenaxe a Manuel Rivera xogado no Inferniño o 22 de agosto de 1932 entre o Racing de Ferrol e unha selección galega con vitoria para o equipo departamental 3-2 ou un partido entre a selección de Lisboa e un combinado de futbolistas do Celta e o Deportivo que se xogou na capital lusitana o 29 de xuño de 1930 con vitoria para os lisboetas por 4-2.
En 1936, o Comité Rexional Pro-Olimpíada Popular seleccionou un combinado galego para participar na Olimpíada Popular de Barcelona, resposta internacional aos Xogos de Berlín. O 12 de xullo, seis días antes do golpe de Estado, xogou o combinado galego un encontro de adestramento en Balaídos. Segundo afirman certas fontes, moitos destes xogadores galegos ficarían na Cidade Condal, a maioría loitaría no bando republicano, e segundo algúns testemuños habería xogadores galegos deste equipo que disputarían encontros xunto a outros soldados durante a guerra civil española e a segunda guerra mundial.
En maio de 1939, ao remate da guerra civil, anunciouse un partido en Balaídos entre o Futebol Clube do Porto e “a selección galega”, que rematou 5-1 a favor dos portuenses. A pesar de se anunciar con ese título, non foi un partido oficial da selección, xa que non foi organizado pola Federación Galega de Fútbol, razón pola cal o Racing de Ferrol se negou a ceder os seus xogadores. Despois deste encontro tamén se publicou na prensa que se estaban a facer xestións para que unha selección galega, que desta volta si sería confeccionada pola FGF, xogase no Porto contra o club dos dragões, pero isto non se chegou a producir.
Durante este período foron disputados algúns partidos onde participaron combinados de xogadores galegos, coma o xogado en 1943 entre o Deportivo da Coruña e un equipo de galegos con Ricardo Zamora na meta. En 1961 unha selección galega enfrontouse en Pasarón a outra do norte de Portugal, formando parte do equipo galego xogadores como Domínguez, Lamelo, Matito ou Jaime Blanco. O resultado foi de empate 1-1, sendo Villita o autor do gol galego.
Nesta época apareceu a selección galega xuvenil, que comezou a participar no campionato estatal organizado pola Real Federación Española de Fútbol e acadou o subcampionato en 1966. Durante esta etapa tamén aparece a selección galega de afeccionados, xunto a outras seleccións territoriais de afeccionados de España, co propósito de promover o fútbol non profesional e con vistas á creación dunha selección española que tomaría parte na Copa da UEFA Amateur.
O primeiro partido da selección absoluta galega despois da ditadura estivo a piques de celebrarse o 24 de xullo de 1980 en Compostela, pero colleu os xogadores de vacacións. O partido ía ser contra Euskadi.
En 1982, antes do Mundial de España, houbo unha tentativa para organizar un partido contra Camerún.
A finais dos 90, o movemento bravú recuperou a Selección Galega para o debate impulsado por Siareiros Galegos dende 1996, co agrupamento de peñas do Celta, do Deportivo e mais da S.D. Compostela. En 1997, Xurxo Souto catalizou a creación do primeiro número da revista Bravú, de periodicidade irregular e que se vendía acompañado polo álbum musical Selección Xa!, dedicada á recuperación da selección galega.
A idea reencarnouse deportivamente na Estrada, nun partido entre seareiros e profesionais do xornalismo e da cultura en Galicia, que comezou coa Marcha do Antigo Reino de Galicia. Os seareiros gañaron 7-2. No equipo de intelectuais xogaban Afonso Eiré na meta, Antón Reixa, Xosé Cid Cabido e Xosé Manuel Pereiro na defensa; Moncho Viña, Manuel Rivas, Rómulo Sanjurjo, Xurxo Souto ou Paco Lodeiro na media e cara a adiante.
A selección galega absoluta foi recuperada finalmente no ano 2005. En agosto iniciáronse as xestións cunha xuntanza entre Julio Meana, presidente da Federación Galega de Fútbol, e Santi Domínguez, Director Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia co goberno bipartito e en setembro anunciouse un encontro para o 28 ou 29 de decembro en Santiago de Compostela. Finalmente, o estadio Multiúsos de San Lázaro bautizou a selección galega de fútbol na súa posta de longo fronte á selección do Uruguai o sábado 29 de decembro de 2005. O colexiado ourensán Bernardino González Vázquez dirixiu o encontro. O resultado foi 3-2 a prol de Galicia.
Os seleccionadores do primeiro combinado nacional foron Fernando Vázquez e Arsenio Iglesias. O once inicial estivo composto por: Diego López, na portería; Otero e Cabrejo, nos laterais; Rubén e Capi, centrais; Cabanas e Borja, pivotes; Julio Álvarez, Pablo Álvarez e Nano, centrocampistas, e Losada como home máis adiantado.
O técnico galego Fernando Vázquez, antes de comezar o partido, quitoulle importancia ao posible resultado, defendendo que o combinado galego se converteu nun "símbolo de identidade", algo que na súa opinión, lle facía falta a Galicia.
O estadio de Riazor acolleu o 28 de decembro de 2006 o segundo partido da época contemporánea da selección de Galicia. Enfronte estivo a selección de Ecuador, e o resultado final foi de empate a un (1-1), con goles do ecuatoriano Calle e de Jonathan Pereira para os galegos. O once inicial foi o formado por López, Barragán, Rubén, Noguerol, Fuentes, Viqueira, Borja, Julio Álvarez, Nano, Trashorras e Couñago.
O 27 de decembro de 2007, no estadio vigués de Balaídos, a selección galega enfrontouse a Camerún, no que era o terceiro partido da época contemporánea. O partido comezou cunha hora e corenta e cinco minutos de atraso, debido a liortas internas na selección do Camerún, e rematou con empate (1-1), os dous goles metidos de penalti, adiantándose primeiro Galicia, por medio de Julio Álvarez no minuto 70, e empatando para Camerún Song, no minuto 87. Pese ao atraso da selección do Camerún, os seareiros rozaron o cheo no estadio, chegando aos 28.000 afeccionados.
De novo o 27 de decembro, en 2008, no estadio de Riazor, a selección galega enfrontouse á de Irán con resultado favorable á Irmandiña por 3 a 2. O primeiro gol anotouno o galego Nacho Novo no minuto 22. A selección iraniana empatou no minuto 31 do primeiro tempo por mediación de Borhani. Xa na segunda parte Nacho Novo por segunda vez puxo por diante a Galicia, no minuto 58 de partido. Pouco despois, no 65 e de penalti, Roberto Losada ampliaba o marcador batendo o porteiro e poñendo o 3-1 no marcador. O iraniano Khalatbari recortou o marcador poñendo o definitivo 3 a 2.
O partido contra a selección de Irán converteuse no último encontro oficial disputado pola Selección Galega, ao suspenderse a axuda por parte da Xunta de Galicia unha vez o Partido Popular gañou as eleccións de 2009 e colocou a José Ramón Lete como Director Xeral para o Deporte, quen rematou abruptamente coas experiencias da selección galega e ao tempo co equipo ciclista Xacobeo Galicia.
Dende ese momento a asociación de afeccionados Siareir@s Galeg@s comezou a organizar encontros anuais entre unha selección galega mixta (formada por futbolistas pertencentes aos clubs da Segunda División B, da Terceira División e das ligas femininas) e outras seleccións do exterior, co obxecto de reivindicar a recuperación oficial da selección e a total liberdade para defender as cores de Galicia en competicións internacionais. Os partidos leváronse a cabo sen axuda federativa nin institucional, e segundo os organizadores, enfrontáronse a moitas trabas xa que os equipos de Primeira e Segunda División non cederon os seus xogadores e mesmo os árbitros tiveron moitos problemas para poder dirixir os encontros. Organizaron cinco partidos entre 2009 e 2013, deixando de organizalo en 2014.
Ese mesmo ano, a Federación Galega de Fútbol, despois dunha conversa que mantiveron Fernando Vázquez e Johan Cruyff, tentou organizar dous encontros amigables fronte a Cataluña, pero finalmente non se chegaron a concretar. En decembro de 2015, Siareir@s Galeg@s organizou un novo encontro reivindicativo. Nesas mesmas datas, Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol, anunciou en declaracións á Televisión de Galicia que no ano 2016 sería disputado un encontro da selección galega oficial. Previamente Lucas Pérez e Iago Aspas manifestaran publicamente o seu apoio á volta da selección galega e o seu desexo de formar parte dela.
En abril de 2016, o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, anunciou oficialmente a celebración dun encontro da selección galega absoluta fronte á selección de Venezuela o día 20 de maio no estadio de Riazor. Foron designados seleccionadores Míchel Salgado e Fran. O partido foi disputado na data prevista, rematando cun empate 1-1. O gol galego foi anotado por Iago Aspas no minuto 36. O equipo venezolano conseguiu empatar grazas a un gol de Josef Martínez no minuto 92, co partido a piques de finalizar.
Logo doutros oito anos sen actividade, o 31 de maio de 2024 o combinado galego xogará un amigable contra a selección de fútbol de Panamá.
O primeiro uniforme da selección empregado en 1922 e 1923 consistía nunha camisola branca coa cruz de Santiago no peito e pantalón azul. A selección que xogou en 1930 contra a do Centro e o Sporting C.P. utilizou unha camisola branca cun escudo co dragón verde sobre fondo dourado atribuído aos reis suevos. A recuperación da selección absoluta en 2005 trouxo un deseño completamente novo cunha camisola branca con franxas azuis inclinadas 45º graos inspiradas na da bandeira de Galicia. En 2016 volveu a camisola branca como primeiro equipamento. A selección galega de afeccionados e outras categorías inferiores teñen empregado outro uniforme composto de camisola branca coa franxa diagonal da bandeira galega, pantalón azul e medias brancas.
Selección absoluta 2005-08
|
Selección de afeccionados e outras
|
A selección galega absoluta ten os seguintes dous uniformes:
Titular
|
Alternativo
|
Os seleccionadores anunciaron o 6 de maio de 2016 a listaxe de convocados para o partido fronte á selección de Venezuela aínda que logo se produciron modificacións e a convocatoria final foi a seguinte:
Partidos disputados e goles actualizados a 21 de maio de 2016.
Nome | Data de nacemento | Club | P.D. | G. | Debut |
---|---|---|---|---|---|
Porteiros | |||||
1- Sergio Álvarez | 3 de agosto de 1986 (37 anos) | Celta de Vigo | 1 | 0 | 20-05-2016 |
13- Mariño | 9 de maio de 1990 (34 anos) | Levante UD | 1 | 0 | 20-05-2016 |
Defensas | |||||
22- Hugo Mallo | 22 de xuño de 1991 (32 anos) | Celta de Vigo | 1 | 0 | 20-05-2016 |
19- Jonny | 3 de marzo de 1994 (30 anos) | Celta de Vigo | 1 | 0 | 20-05-2016 |
4- Álex Bergantiños | 7 de xuño de 1985 (38 anos) | Deportivo da Coruña | 2 | 0 | 27-12-2008 |
3- Angeliño | 4 de xaneiro de 1997 (27 anos) | Manchester City FC | 1 | 0 | 20-05-2016 |
15- Diego Alende | 25 de agosto de 1997 (26 anos) | Celta de Vigo | 1 | 0 | 20-05-2016 |
Centrocampistas | |||||
6- Fran Rico | 3 de agosto de 1987 (36 anos) | Granada CF | 1 | 0 | 20-05-2016 |
10- Juan Domínguez | 8 de xaneiro de 1990 (34 anos) | Deportivo da Coruña | 1 | 0 | 20-05-2016 |
5- Mosquera | 21 de abril de 1988 (36 anos) | Deportivo da Coruña | 1 | 0 | 20-05-2016 |
18- Pape Cheikh | 8 de agosto de 1997 (26 anos) | Celta de Vigo | 1 | 0 | 20-05-2016 |
Dianteiros | |||||
8- Denis Suárez | 6 de xaneiro de 1994 (30 anos) | Villarreal CF | 1 | 0 | 20-05-2016 |
Iago Falque | 4 de abril de 1990 (34 anos) | AS Roma | 0 | 0 | 20-05-2016 |
9- Iago Aspas | 1 de agosto de 1987 (36 anos) | Celta de Vigo | 1 | 1 | 20-05-2016 |
23- Jota Peleteiro | 6 de xuño de 1991 (32 anos) | SD Eibar | 1 | 0 | 20-05-2016 |
7- Lucas Pérez | 10 de setembro de 1988 (35 anos) | Deportivo da Coruña | 1 | 0 | 20-05-2016 |
Joselu | 27 de marzo de 1990 (34 anos) | Stoke City FC | 1 | 0 | 20-05-2016 |
Data | Campo | Competición | Rival | Resultado | Goleadores |
---|---|---|---|---|---|
19-11-1922 | Coia (Vigo) | Campionato interrexional (cuartos de final) |
Centro | 4 - 1 | Chiarroni Polo Pinilla Ramón González |
07-01-1923 | Coia (Vigo) | amigable | Lisboa | 3 - 1 | Polo Reigosa |
14-01-1923 | Reina Victoria (Sevilla) | Campionato interrexional (semifinais) |
Andalucía | 1 - 4 | Ramón González Polo Chiarroni |
21-01-1923 | Coia (Vigo) | amigable | Escuadra británica | 8 - 2 | Pinilla Ramón González |
28-01-1923 | Bouzas (Vigo) | amigable | Pontevedra | 4 - 1 | Correa Polo Chiarroni |
04-02-1923 | Pasarón (Pontevedra) | amigable | Pontevedra | 1 - 3 | Pasarín Chiarroni |
18-02-1923 | Coia (Vigo) | amigable | A Coruña-Ferrol | 7 - 1 | Ramón González Polo Chiarroni |
25-02-1923 | Coia (Vigo) | Campionato interrexional (final) |
Asturias | 1 - 3 | Polo |
27-05-1923 | Campo Grande (Lisboa) | amigable | Lisboa | 2 - 1 | Pinilla |
25-11-1923 | Ciudad Lineal (Madrid) | Campionato interrexional (cuartos de final) |
Centro | 1 - 0 | |
28-07-1929 | Riazor (A Coruña) | amigable (Festas das Dores) | Centro | 0 - 0 | |
01-06-1930 | Balaídos (Vigo) | amigable | Sporting de Lisboa | 4 - 2 | Losada Polo |
08-06-1930 | Chamartín (Madrid) | amigable (a beneficio das familias do naufraxio de Bouzas) | Centro | 1 - 4 | Losada Fariña Hilario |
25-12-2005 | San Lázaro (Santiago de Compostela) | amigable | Uruguai | 3 - 2 | Nano 9' Deus 48' 79' |
28-12-2006 | Riazor (A Coruña) | amigable | Ecuador | 1 - 1 | Jonathan Pereira 68' |
27-12-2007 | Balaídos (Vigo) | amigable | Camerún | 1 - 1 | Julio Álvarez 70' |
27-12-2008 | Riazor (A Coruña) | amigable | Irán | 3 - 2 | Nacho Novo 22' 58' Roberto Losada 65' |
20-05-2016 | Riazor (A Coruña) | amigable | Venezuela | 1 - 1 | Iago Aspas 36' |