A sistemática é unha área da bioloxía encargada de clasificar ás especies a partir da súa historia evolutiva (filoxenia). Ocúpase da diversidade biolóxica nun plano descritivo e nun interpretativo. A unidade fundamental da que parte toda a clasificación é a especie, aquela agrupación de seres na que todos os seus membros son quen de aparearse entre si e producir descendencia viable e fértil. Para a designación das especies utilízase a nomenclatura binomial de Linneo, consta de dúas palabras escritas en minúsculas e cursiva, a primeira delas corresponde sempre ó xénero e comeza con maiúscula e a segunda escrita na súa totalidade en minúscula corresponde á especie. Os nomes de xéneros e especies sempre van nunha tipografía diferente que o resto do texto, normalmente en itálicas para texto tipografiado e subliñados no caso dun texto escrito a man. Os biólogos e paleontólogos adoitan incluír detrás do nome completo da especie o nome da persoa que a describiu, así como o ano de publicación.
Nos anos cincuenta o entomólogo alemán Willi Hennig (fundador da cladística), suxeriu un sistema de agrupación baseado na historia evolutiva dos seres vivos (filoxénese), no que tras estudar todas as características dun grupo e excluír aquelas que non marcan o seu desenvolvemento, define unha nova agrupación, chamada clado, é necesario advertir que os trazos máis obvios e acusados non necesariamente marcan o desenvolvemento evolutivo dunha liñaxe. Esta agrupación en clados presta máis atención ós puntos en que os diversos clados se bifurcan ou separan entre si, que á agrupación por características morfolóxicas, que nalgúns casos, poderían ser secundarias e desvirtuar a lóxica no tempo do esquema arbóreo.
Isto pasa cos osos panda xigantes, taxonómicamente clasificáronse dentro dos Úrsidos (osos) ó considerar determinadas características morfolóxicas, con todo considerando a súa historia evolutiva (cladisticamente) atópanse dentro do clado ó que corresponden os mapaches, o cal obriga a revisar a súa asignación taxonómica.
Dende que a vida xurdiu nas súas formas máis sinxelas, hai aproximadamente 3.500 millóns de anos, os seres vivos fóronse diferenciando xeración tras xeración nun proceso de evolución continua. Estímase que están descritas ó redor de 2 millóns de especies viventes de animais e inférese que deben existir varios millóns máis. Se pensamos no número de especies que xorden e as extintas dende que apareceu a vida, o número total ascende extraordinariamente.
A sistemática é unha área da bioloxía que se desenvolveu primeiro dentro do campo da historia natural, abranguendo a parte descritiva e sistemática da xeoloxía. O seu método centrouse inicialmente na observación sistemática. A rápida acumulación de datos descritivos conduciu a mediados do século XVIII á revolución linneana, co estabelecemento de convenios precisos de nomenclatura e clasificación dos seres vivos, válidos con independencia da nacionalidade, a lingua ou os obxectivos precisos do investigador. Así que o sistema máis utilizado con algunhas modificacións é o "Linneano", creado polo botánico sueco Carl von Linné (1707-1778) no século XVIII.
Así como outras ciencias que se ocupan de sistemas complexos e determinados por unha historia concreta, a sistemática beneficiouse do desenvolvemento da estatística descritiva, dende finais do século XIX e moi especialmente da estatística multivariante, a mediados do XX.
A diversidade de características que desprega a natureza vivente, as semellanzas e diferenzas, son o resultado da evolución e dúas causas xerais:
Para o estudo da clasificación dos organismos xurdiu unha ciencia chamada taxonomía (da raíz grega taxis que significa ordenación). A organización que estabelece a taxonomía ten unha estrutura arbórea na que as pólas divídense á súa vez noutras e estas subdivídense noutras menores. A cada unha das pólas, xa sexan grandes ou pequenas, dende o seu nacemento até o final, incluíndo todas as súas ramificacións, denomínaselles taxón.
A taxonomía ten por obxecto agrupar ós seres vivos que presenten semellanzas entre si e que amosan diferenzas con outros seres, estas unidades clasifícanse principalmente en sete categorías xerárquicas que son, por orde decrecente dos seus niveis:
Dominio - Reino - Filo ou División (Tipo) - Clase - Orde - Familia - Xénero - Especie
Estes sete niveis ás veces non son suficientes para clasificar dun xeito claro a todos os seres vivos e é necesario nalgunhas pólas crear subdivisións intermedias, como suspendedor, suborde e super familias.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sistemática |