Stefan Zweig (/ʃ'tɛfan tsvaɪk/), nado en Viena o 28 de novembro de 1881 e finado en Petrópolis (Brasil) o 22 de febreiro de 1942, foi un escritor, biógrafo e activista social austríaco.
Foi moi popular nas décadas de 1920 e 1930, e as súas obras foron das primeiras en protestar contra a intervención de Alemaña na segunda guerra mundial. Escribiu principalmente novelas, relatos e biografías, e cultivou tamén o teatro, o xornalismo e o ensaio. Das biografías, son particularmente coñecidas as de María Estuardo e a de Fouché, unha peza metade biografía e metade novela histórica.
Stefan Zweig foi fillo dunha familia xudía acomodada: o seu pai, Moritz Zweig, foi un adiñeirado fabricante téxtil, e a súa nai, Ida Brettauer Zweig, era filla dunha familia de banqueiros italianos. Estudou na Universidade de Viena, doutorándose en Filosofía. Tamén realizou cursos sobre a historia da literatura, que lle permitiron contactar coa vangarda cultural vienesa da época.
Neste ambiente publicou cara a 1901 os seus primeiros poemas, unha colección titulada Silberne Saiten ("Cordas de prata"), con influencia de autores como Hugo von Hofmannsthal ou Rainer Maria Rilke. En 1904 publicou a súa primeira novela.
Zweig desenvolveu un estilo literario moi particular, cunha coidadosa construción psicolóxica e unha gran técnica narrativa. Amais das súas propias creacións, traduciu autores como Paul Verlaine, Charles Baudelaire ou Émile Verhaeren.
En 1910 visitou a India e en 1912 Norteamérica. En 1913 estableceuse en Salzburgo, onde viviu case vinte anos. Durante a primeira guerra mundial serviu no exército austríaco como empregado da Oficina de Guerra ao ser declarado non apto para o combate. Nesa época escribiu Jeremias, obra de carácter antibelicista, con influencias das ideas de autores como Romain Rolland, e que publicou en Suíza logo de se exiliar a Zürich. Alí traballou como correspondente para a prensa libre vienesa e para periódicos húngaros. Grazas ás súas amizades, entre as que estaban Eugen Relgis, Hermann Hesse e Pierre-Jean Jouve, puido publicar as súas visións apartidistas sobre a turbulenta realidade europea do momento. Alí coñeceu tamén a Thomas Mann e Max Reinhardt.
Despois do armisticio de 1918 volveu a Salzburgo, onde en 1920 casou con Friderike Maria Burger von Winternitz, unha admiradora da súa obra a quen coñecera oito anos antes. Divorciáronse en 1938. Ela publicou un libro sobre o seu marido logo da morte deste. Tempo despois publicou tamén un libro de fotos do seu home.
En 1928 viaxou á Unión Soviética. Dous anos despois visitou a Albert Einstein no seu exilio en Princeton. Zweig tivo tamén como amigos a personalidades como Maxim Gorki, Rainer Maria Rilke, Auguste Rodin ou Arturo Toscanini. En 1934 publicou a súa tripla biografía Die Heilung durch den Geist. Mesmer, Mary Baker-Eddy, Freud, á vez un ensaio sobre as orixes da Ciencia Cristiá (relixión espiritualista fundada por Mary Baker Eddy) e a psicanálise.
Tralo auxe da influencia nacional socialista en Austria, Zweig trasladouse un tempo a Londres. Ao tempo, comezaron as súas dificultades para publicar en Alemaña, a pesar do cal logrou escribir o libreto para a ópera de Richard Strauss Die schweigsame Frau, estreada en Dresde en 1935. Os nazis definiron a Zweig como «non ario», e aínda que foi defendido por Strauss, Hitler rexeitou ir á estrea, e logo de tres representacións a obra foi prohibida. Os seus libros foron prohibidos en Alemaña en 1936 polo réxime.
A relixión xudía non foi parte da súa educación. Con todo, a súa novela Der begrabene Leuchter (1937) narra a historia dun xudeu que fixo do obxectivo da súa vida preservar a menorá. Amais, os seus ensaios políticos foron publicados pola casa Neue Freie Presse, cuxo editor literario era o líder sionista Theodor Herzl, mais Zweig nunca se sentiu atraído por ese movemento.
En 1934 iniciou viaxes por Suramérica. En 1939 casou con Charlotte Elisabeth Altmann. Tralo inicio da segunda guerra mundial trasladouse a París, e ao pouco viaxou a Inglaterra, onde obtivo a cidadanía. Viviu en Bath e Londres antes de viaxar aos Estados Unidos, a República Dominicana, Arxentina e Paraguai a dar unha serie de conferencias. Na Arxentina recibiu especial atención do periodista Bernardo Verbitsky, quen escribiu o ensaio Significación de Stefan Zweig (1942).
Despois da publicación de Die Schachnovelle mudouse ao Brasil. O 22 de abril de 1940 instalouse en Petrópolis, na conurbación de Río de Xaneiro. Alí escribiu Brasilien. Ein Land der Zukunft (1941), obra na que examina a historia, economía e cultura do país, incluíndo unha cita de Américo Vespucio.
En febreiro de 1942, logo da caída de Singapur, suicidouse canda a súa esposa, desesperados ante o futuro de Europa e a súa cultura pensando que o nazismo se estendería a todo o planeta. A súa autobiografía Die Welt von Gestern, publicada de forma póstuma en 1944, é un panexírico da cultura europea, que consideraba para sempre perdida.
Zweig escribiu novelas, historias curtas, ensaios (políticos e literarios, destacando o estudo sobre Dostoievski, ao que admiraba profundamente), dramas e varias biografías, das cales a máis coñecida é a de María Estuardo, publicada en alemán como Maria Stuart e en inglés como (The) Queen of Scots or Mary, Queen of Scotland and the Isles. Outra das súas biografías, a da raíña María Antonieta, foi adaptada ao cinema en Hollywood, protagonizada pola actriz da Metro-Goldwyn-Mayer Norma Shearer.
Traballou durante máis de vinte anos na obra Sternstunden der Menschheit (1927), que retrata os catorce acontecementos da historia mundial máis importantes desde o seu punto de vista. Se ben foi un dos máis coñecidos e reputados escritores entre 1930 e 1940, desde a súa morte e a pesar da importancia da súa obra, foi gradualmente esquecido.
Existen importantes coleccións de Zweig na Biblioteca Británica e na Universidade Estatal de Nova York en Fredonia. A primeira foi unha doazón dos seus apoderados realizada en maio de 1986, que inclúe pezas como o catálogo das obras de Wolfgang Amadeus Mozart autografado polo compositor (Verzeichnis).
Durante un tempo, no apoxeo do sentimento antixermánico, as súas obras foron publicadas nos países anglosaxóns baixo o pseudónimo de "Stephen Branch" (tradución literal do seu apelido).
En 2016 a directora alemá Maria Schrader filmou Stefan Zweig: Farewell to Europe.
.Stefan Zweig, Wife End Lives In Brazil; Austrian-Born Author Left a Note Saying He Lacked the Strength to Go on – Author and Wife Die in Compact: Zweig and Wife Commit Suicide
.Died. Stefan Zweig, 60, Austrian-born novelist, biographer, essayist (Amok, Adepts in Self-Portraiture, Marie Antoinette), and his wife, Elizabeth; by poison; in Petropolis, Brazil. Born into a wealthy Jewish family in Vienna, Zweig turned from casual globe-trotting to literature after World War I, wrote prolifically, smoothly, successfully in many forms. His books banned by the Nazis, he fled to Britain in 1938 with the arrival of German troops, became a British subject in 1940, moved to the U.S. the same year, to Brazil the next. He was never outspoken against Naziism, believed artists and writers should be independent of politics. Friends in Brazil said he left a suicide note explaining that he was old, a man without a country, too weary to begin a new life. His last book: Brazil: Land of the Future.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Stefan Zweig |