Sven Kramer, nado en Heerenveen (Frisia) o 23 de abril de 1986, é un patinador de velocidade neerlandés, que foi campión olímpico de 5000 metros en Vancouver 2010 e mais en Sochi 2014.
Sven é fillo do patinador de velocidade Yep Kramer, fixo a súa estrea na alta competición no Campionato Mundial Xuvenil de 2004, onde quedou segundo tras do canadense Justin Warsylewicz. En decembro dese ano con 18 anos gañou o Campionato Neerlandés KNSB o que lle permitiu cualificarse para o Campionato Europeo de Patinaxe de Velocidade, logrando alí a medalla de prata. O 19 de novembro de 2005 en Salt Lake City estableceu unha nova marca mundial nos 5000 metros con 6:08.78 e entrou na lista dos dez mellores de todos os tempos, o Adelskalender. No Campionato do Mundo de Patinaxe de Velocidade dese ano logrou a medalla de prata e para rematar o ano foi o campión do Campionato Xuvenil e asinou contrato co equipo neerlandés TVM.
O 11 de febreiro de 2006, gañou a medalla de prata nos 5000 m. nos Xogos Olímpicos de Inverno de 2006 en Turín. Kramer tamén participou en persecución por equipos, onde os neerlandeses eran os favoritos pero na semifinal, Kramer tropezou e caeu levando con el a Carl Verheijen, finalmente os Países Baixos serían bronce, levando Kramer a súa segunda medalla nos Xogos. Tamén participou en 1500 m quedando o 15º e en 10.000 m onde foi sétimo. No Campionato Europeo de 2006 en Hamar, Kramer foi cuarto e no Mundial en Calgary, estableceu un novo récord do mundo en 10000 m con 12:51.60.
Na temporada 2006–2007, Kramer gañou as primeiras dúas carreiras de 5000 m da copa do mundo, a segunda en 6:09.78, próxima ao seu récord do mundo, en decembro de 2006 foi de novo campión nacional. O 14 de xaneiro de 2007, Kramer converteuse no campión europeo en Collalbo (Italia), cunha forte competención do gañador de 2006, Enrico Fabris, que gañara as dúas carreiras curtas, mentres Kramer facía o propio coas dúas de longa distancia, pero a súa puntuación foi menor que a de Fabris (148.800 fronte a 149.389), ademais os tempos en 5 e 10 km. foron novos récords mundiais en patinaxe exterior, superando a Fabris e a Jochem Uytdehaage no Adelskalender. O 11 de febreiro Kramer converteuse no campión mundial por vez primeira, conseguindo unha nova marca mundial en 10 km. con 12:49.88.
Nos Campionatos do Mundo de 2007 en Salt Lake City, Kramer participou en 5.000, 10.000 metros e persecución por equipos, gañando os tres e conseguindo récords do mundo en 10.000 e persecución. Kramer converteuse no patinador de velocidade do ano, xunto con Ireen Wüst., e situouse primeiro no Adelskalendar o 17 de novembro de 2007.
Na primeira competición da temporada 2007/2008 Kramer caeu derrotado diante Fabris en 5.000 m., quen ademais estableceu unha nova marca mundial 6.07,40 pero unha semana máis tarde Kramer recuperada o récord con 6.03,32. Por segunda vez Kramer gañou o Campionato Europeo e o 10 de febreiro, tamén por segunda vez converteuse no campión mundial en Berlín. Durante a Copa do Mundo en Hamar Kramer recibiu o premio Oscar Mathisen polos seus catro récords mundiais realizados en 2007. Kramer participou en 1500, 5000, 10000 m., e persecución por equipos. En 1500 metros foi segundo tras do canadense Denny Morrison e gañou as outras tres probas, facéndose así con tres ouros, como o ano anterior. Kramer foi patinador de velocidade do ano por segunda vez, xunto con Paulien van Deutekom en categoría feminina.
Kramer gañou o ouro nos campionatos europeo e mundial de 2009, e por terceira vez foi elixido patinador de velocidade do ano, ademais recibiu o premio Ard Schenk.
No campionato europeo celebrado en Hamar en xaneiro de 2010 Kramer levou o ouro por cuarta volta
Nos Xogos Olímpicos de 2010, Kramer era o favorito para gañar tres ouros, como fora o seu compatriota Ard Schenk nos de 1972. Na carreira de 5000 m. logrou a medalla de ouro cun novo récord olímpico de 6:14.60, superando a marca de Jochem Uytdehaage por 0.06 segundos.
Na final de 10.000 m. Kramer rematou primeiro, cun tempo de 12:54.50, pero foi descualificado por cometer un erro, como resultado o gañador foi Lee Seung-hoon cun novo récord olímpico, 12:58.55. No Campionato Mundial de 2010 gañou o seu cuarto título consecutivo. e por cuarta vez Kramer foi patinador de velocidade do ano, acompañado en categoría feminina por Ireen Wüst. Pola súa carreira deportiva recibiu o 3 de marzo de 2010 o título de cabaleiro da Orde do León Neerlandés.
Kramer retirouse da alta competición durante a temporada 2010/2011 debido a unha neuropatía periférica nunha perna, volvendo á competición a primeiros de 2012, conseguindo o seu quinto campionato europeo e mundial, gañando tamén ámbolos dous campionatos en 2013. Nos Xogos Olímpicos de 2014 en Sochi logrou a medalla de ouro en 5.000 m. cun récord olímpico de 6:10.76. Kramer tamén gañou a prata nos 10.000 m.
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Sven Kramer |