A Unión de Utrecht foi un acordo asinado o 23 de xaneiro de 1579 por algunhas das Provincias Unidas e que consistiu, basicamente, nunha alianza militar contra o dominio do rei de España. No acordo rexeitan a intromisión dos estranxeiros nos seus asuntos e supón, de facto, a creación da República das Provincias Unidas dos Países Baixos ou tamén chamada República dos Sete Países Baixos (Frisia, Groninga, Holanda, Zelandia, Utrecht, Overijssel e Güeldres).
Para varios autores, a creación da unión supuxo o xermolo e fundamento legal para a creación da posterior constitución e independencia da República dos Países Baixos.
Durante as guerras de relixión dos séculos XVI e XVII, prodúcese a rebelión dos territorios flamengos da monarquía hispánica en 1566 e que continuará de xeito,case que, ininterrompida até que mediante a Paz de Wesfalia e o Tratado de Munster (1648) recoñeceuse oficialmente a independencia do territorio, poñendo fin á chamada "guerra dos Oitenta Anos" ou guerra de Flandres.
Aínda que a revolta inicial foi rapidamente sufocada polo Duque de Alba, Luís de Requesens e don Xoán de Austria, os intentos de pactos e de manter a tolerancia relixiosa e o recoñecemento da soberanía de Filipe II sobre o conxunto do territorio non fructificaron. Coa maior parte do territorio en mans dos rebeldes, os calvinistas dos estados do norte comezaron a perseguir os católicos e a encarcerar aos partidarios reais, e esas circunstancias foron aproveitadas por Alexandre Farnesio, daquela gobernador dos Países Baixos, para propiciar a chamada Unión de Arras (5 de xaneiro de 1579), na que as provincias do sur: Hainaut, Douai e Artois, recoñecen a autoridade do rei.
Como resposta á Unión de Arrás, créase a Unión de Utrecht, asinada polos representantes das Sete Provincias Unidas: Holanda, Zelandia, Utrecht, Güeldres, Groninga, Overijssel (daquela Drenthe formaba parte de Overijssel) e Frisia. Tamén se engadirán as cidades protestantes de Flandres (os chamados "catro membros de Flandres" ou condado de Flandres -Bruxas, Franconado de Bruxas, Ieper e Gante-) e cidades de Brabante como Antuerpen, Breda e Lier.
A iniciativa do acordo partiu de Guillerme I de Orange e nel rexeitaban a intromisión estranxeira nos seus asuntos e comprometéronse a formar unha república confederal na que primarían os estados sobre o goberno central e no que se comprometían a actuar de xeito unitario cara ao exterior baixo o mando de Guillerme de Orange e proclamaron a liberdade relixiosa.
O 15 de marzo de 1581, Filipe II declarou fóra da lei a Guillerme de Orange e ofreceu unha recompensa pola súa cabeza. A pertir dese momento, Guillerme rexeitou publicamente da obediencia ao rei e conseguiu que os Estados Xerais reunidos na Haia fixeran o mesmo o 26 de xullo de 1581, mediante a Acta da Haia, destituíndo ao seu soberano até ese momento e proclamando oficialmente a independencia, aínda que non será recoñecida oficialmente até a Paz de Westfalia de 1648.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Unión de Utrecht |