Vostok 6 | |
---|---|
Cápsula de retorno da Vostok 6 | |
Tipo | Tripulada |
Data de lanzamento | 16 de xuño de 1963, 9:29 GMT |
Foguete portador | Vostok 8K72K |
Sitio de lanzamento | Cosmódromo de Baikonur |
Duración da misión | 2,95 días |
Obxectivo da misión | Voo en formación coa Vostok 5, primeira muller no espazo. |
Regreso | 19 de xuño de 1963 |
NSSDC ID | 1963-023A |
Masa | 4713,0 kg |
Vostok 6 foi o nome da sexta misión tripulada da Historia e na que voou a primeira muller no espazo, Valentina Tereshkova. Foi lanzada pola Unión Soviética o 16 de xuño de 1963 mediante un foguete Vostok 8K72K desde o cosmódromo de Baikonur. Foi tamén o último voo dunha nave Vostok.
A misión de Vostok 6 foi realizar a sexta misión orbital tripulada da Historia, coa primeira muller en viaxar ao espazo, e o segundo voo en formación xunto coa Vostok 5. A Vostok 5 foi lanzada en primeiro lugar, e a 6 dous días máis tarde para atoparse en órbita e achegarse a tan só uns quilómetros unha da outra. Os obxectivos da misión foron estudar a capacidade do corpo humano para traballar en microgravedade e as diferentes respostas dos corpos masculino e feminino á falta de gravidade, facer experimentos científicos e mellorar os sistemas das naves espaciais. No momento da inserción orbital da Vostok 6 as naves estaban a menos de 5 km de distancia. Os dous cosmonautas, Bykovskiy na Vostok 5 e Tereshkova na 6, chegaron a contactar por radio, pero dado que as naves Vostok non tiñan capacidade de manobra, empezaron a alonxarse sen posibilidade de reunirse de novo. A nave regresou á Terra o 19 de xuño de 1963 ás 8:20 GMT, na rexión de Karaganda. Ningunha outra muller soviética viaxaría ao espazo nos 19 anos seguintes, ata o voo de Svetlana Savitskaya.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Vostok 6 |