Cahiers du cinéma | |
---|---|
Tipo | información sobre cinema |
Fundación | 1951 |
Director | Stéphane Delorme |
Fundador | André Bazin Jacques Doniol-Valcroze Joseph-Marie Lo Duca Léonide Keigel |
Editorial | Phaidon Press |
Lingua | francés |
Ámbito | Francia |
Periodicidade | mensual |
Prezo | 5,90€ |
ISSN | 0008-011X |
Na rede | |
http://www.cahiersducinema.com | |
Cahiers du cinéma (en galego Cadernos sobre cinema) é unha revista francesa sobre cinema fundada en 1951 por André Bazin, Jacques Doniol-Valcroze e Joseph-Marie Lo Duca. Desenvolveuse a partir da revista Revue du Cinéma incluíndo membros de dous cineclubs parisienses, Objectif 49 (Robert Bresson, Jean Cocteau e Alexandre Astruc, entre outros) e Ciné-Club du Quartier Latin. Inicialmente o editor foi Éric Rohmer e entre os colaboradores estaban Jacques Rivette, Jean-Luc Godard, Claude Chabrol e François Truffaut.
Cahiers reinventou os principios básicos da crítica e da teoría cinematográfica. Un artigo de 1954 de Truffaut arremetendo contra La qualité française ("a calidade francesa") foi considerado o manifesto por 'la politique des Auteurs' ('a política dos autores') e resultou na nova avaliación do cinema de Hollywood e de directores como Alfred Hitchcock, Howard Hawks, Robert Aldrich, Nicholas Ray e Fritz Lang. Os escritores de Cahiers du Cinéma tamén admiraban a obra de Jean Renoir, Roberto Rossellini, Kenji Mizoguchi, Max Ophüls e Jean Cocteau, centrando as súas críticas na posta en escena dos filmes. Ademais, os autores eran comparados e contrastados, establecendo un auténtico diálogo cinematográfico. A revista tamén foi fundamental na creación da Nouvelle Vague, na que destacaron os filmes dirixidos por colaboradores de Cahiers como Godard e Truffaut.
En 1963 Jacques Rivette susbtituíu a Rohmer como editor, cambiando as preocupacións políticas e sociais e prestando máis atención as cinematografías non estadounidenses. Cara 1970 o estilo cambiou do modernismo a radicalismo e o materialismo dialéctico. A mediados da década de 1970 a revista seguía unha liña editorial maoísta, pero a crítica ao filme Tiburón supuxo o regreso a perspectivas máis comerciais, rehabilitando tamén algúns dos antigos favoritos Cahiers e descubrindo autores como Manoel de Oliveira, Raoul Ruiz, Hou Hsiao-Hsien, Youssef Chahine e Maurice Pialat.
En 1998 Editions de l'Etoile, editora de Cahiers foi adquirida polo grupo Le Monde. Para evitar a tradicional perda de cartos a revista intentou un cambio de imaxe en 1999 para gañar novos lectores, tratando todas as artes visuais. Esta nova versión con artigos sobre telerrealidade ou videoxogos trouxo confusión e malas críticas dos lectores tradicionais.
Le Monde tomo control total en 2003, con Jean-Michel Frodon como director. En 2009 Richard Schlagman, de Phaidon Press, grupo especializado en libros sobre artes visuais, comprou Cahiers.