Jacques Rivette (), nado en Ruán (Sena Marítimo) o 1 de marzo de 1928 e finado en París o 29 de xaneiro de 2016 foi un director, guionista e crítico cinematográfico francés, membro do grupo da Nouvelle Vague.
Jacques Rivette comezou a interesarse polos cineclubs inspirado polo libro de Jean Cocteau sobre a realización de La Belle et la Bête. En 1949 dirixiu a súa primeira curtametraxe, Aux Quatre Coins. Ese mesmo ano marchou a París para facerse director; o día da súa chegada coñeceu a Jean Gruault, que o invitou a ver con el Les dames du Bois de Boulogne. Éric Rohmer, a quen Rivette admiraba, falou na proxección.
Rivette matriculouse na Sorbona, pero comezou a acudir á Cinémathèque française, de Henri Langlois en lugar de asistir ás clases. Alí coñeceu a Claude Chabrol, Jean-Luc Godard e François Truffaut.
En 1950 comezou a escribir críticas cinematográficas para Gazette du Cinéma, pequeno xornal que fundara con Rohmer e Godard. Ese ano rodou a súa segunda curtametraxe, Le Quadrille, producida e protagonizada por Godard. En 1951, Rivette e os seus amigos foron contratados por André Bazin para escribir en Cahiers du Cinéma.
Mentres escribía críticas Rivette continuou a súa carreira como cineasta, traballando como axudante de director para Jacques Becker e Jean Renoir. En 1957 o director Roberto Rossellin anunciou que quería producir unha serie de filmes sobre a vida en Francia. Rivette e Gruault escribiron Paris nous appartient, que supuxo o seu debut. Porén, a pesar de ser o primeiro do grupo en dirixir un filme, Chabrol, Truffaut, Godard e Rohmer estrearon antes os seus filmes.
Trala morte de Bazin en 1958, Rohmer pasou a ser editor xefe de Cahiers du cinéma. Rohmer, o máis conservador do grupo tivo problemas cos seus compañeiros e deixouno en 1963, deixando a Rivette como sucesor. Baixo o seu liderado, Cahiers pasou de ser unha revista apolítica a ser unha revista marxista que examinaba a relación entre a política e a cultura moderna. Rivette permitiu a autores como Michel Delahaye e Jean-Louis Comolli que publicasen artigos máis sobre política e filosofía que sobre cinema. Finalmente abandonou a revista en 1965.
Pouco despois conseguiu dirixir La Religieuse, baseado na novela de Denis Diderot, que tras ser aprobado dúas veces pola censura, foi prohibida polo novo ministro de Información, Yvon Bourges. En resposta á prohibición, o produtor iniciou unha campaña pública en defensa do filme. O "Manifesto dos 1789" foi asinado por persoeiros coma Jacques Prévert, Raymond Queneau e Marguerite Duras. Godard escribiu un longo editorial criticando ao ministro de Cultura André Malraux e finalmente o presidente Charles de Gaulle ordenou ao novo ministro Georges Gorce que levantase a prohibición.
Rivette continuou dirixindo nas décadas seguintes. A finais da década de 1970 tiña dificultades para conseguir financiamento, polo que pasou a realizar filmes máis experimentais. En 1988 tivo un grande éxito crítico con La Bande des quatre. A este seguiuno La Belle Noiseuse, o filme máis aclamado da súa carreira. No século XXI dirixiu filmes como Va savoir (2001), Ne touchez pas la hache (2007) e 36 vues du pic Saint-Loup (2009).
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Jacques Rivette |