Corso | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Mario Corso | ||
Nacemento | 25 de agosto de 1941 | ||
Lugar de nacemento | Verona | ||
Falecemento | 20 de xuño de 2020 | ||
Lugar de falecemento | Milán | ||
Altura | 1,75 m. | ||
Posición | extremo esquerdo | ||
Carreira xuvenil | |||
Azzurra Verona | |||
Audace San Michele | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1958–1973 | Inter de Milán | 413 | (75) |
1973–1975 | Genoa | 26 | (3) |
Total | 439 | (78) | |
Selección nacional | |||
1961–1971 | Italia | 23 | (4) |
Adestrador | |||
1978–1982 | Napoli Primavera | ||
1982–1983 | Lecce | ||
1983–1984 | Catanzaro | ||
1984–1985 | Inter de Milán Primavera | ||
1985–1986 | Inter de Milán | ||
1987–1989 | Mantova | ||
1955–1957 | Barletta | ||
1992 | Verona | ||
1992–1993 | Verona | ||
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. | |||
Mario Corso, nado en San Michele Extra, Verona, o 25 de agosto de 1941 e finado en Milán o 20 de xuño de 2020, foi un futbolista e adestrador italiano, que xogaba como centrocampista.
Considerado como un dos xogadores italianos máis inventivos e imaxinativos da historia, o seu nome está vencellado ao Inter do Milán, no que xogou de 1958 a 1973, antes de fichar polo Genoa, onde rematou a súa carreira en 1975. Disputou 502 partidos coa camiseta nerazzurra, coa que marcou 94 goles e gañou catro campionatos da Serie A, dúas Copas de Europa e dúas Copas Intercontinentais. Tamén foi adestrador de varios equipos, entre eles o propio Inter, ao que dirixiu na tempada 1985/86.
Foi 23 veces internacional coa selección italiana, coa que marcou 4 goles. Candidato tres veces ao Balón de Ouro, quedou na sétima posto na edición de 1964.
Naceu en San Michele Extra, un suburbio de Verona. Comezou a xogar no Azzurra Verona, un club do distrito de San Giovanni in Valle, en Verona, e despois pasou polo Audace San Michele antes de ser descuberto polo Inter, no que ingresou o 20 de xuño de 1958, xunto con Mario Da Pozzo e Claudio Guglielmoni. O prezo total da operación foi de nove millóns de liras e o seu primeiro salario foi de 70 000 liras ao mes. Debutou cos nerazzurri o 29 de xuño de 1958, con 16 anos e 10 meses de idade, nun partido da Copa de Italia ante o Monza, no que entrou como substituto de Claudio Guglielmoni, vencendo por 3-1. O 13 de xullo marcou o seu primeiro gol, na vitoria por 3-0 ante o Como, tamén na Copa de Italia, converténdose no goleador máis novo da historia do Inter. O 23 de novembro do mesmo ano debutou na Serie A, nunha goleada por 5-1 sobre a Sampdoria. Marcou o seu primeiro gol na Serie A, con 17 anos e 97 días, o 30 de novembro de 1958, nun empate 2-2 ante o Bologna.
Nos seguintes anos foi un dos piares e símbolos do Grande Inter, dirixido por Helenio Herrera, xunto a xogadores como Sandro Mazzola, Giacinto Facchetti ou o galego Luis Suárez. Con todo, a súa relación co técnico Helenio Herrera non era boa e este pedía cada ano a venda do xogador, chocando coa negativa do presidente Angelo Moratti. Xogou no Inter ata 1971, gañando catro títulos de liga (1963, 1965, 1966 e 1971), dúas Copas de Europa (1964 e 1965) e dúas Copas Intercontinentais, e exercendo como capitán nos últimos anos. O 26 de setembro de 1964 marcou o único gol do partido de desempate da Copa Intercontinental contra o Independiente no Santiago Bernabéu, dándolle ao club milanés a vitoria e o seu primeiro título de campión do mundo.
En 1973, tralo regreso de Herrera ao banco interista, foi finalmente traspasado, sendo o seu destino o Genoa. A súa primeira tempada no club lígur rematou co descenso á Serie B. A comezos do ano seguinte sufriu unha grave lesión, fracturando unha tibia, Non chegou a recuperarse totalmente, fracturándose de novo durante un adestramento e poñendo fin á súa carreira.
Foi 23 veces internacional coa selección italiana entre 1961 e 1971, marcando 4 goles. Coa camiseta azzurra, porén, non puido igualar os resultados obtidos nos seus clubs. Debutou internacionalmente en 1961, nun partido amigable perdido ante Inglaterra por 2-3. O 15 de outubro do mesmo ano marcou os seus primeiros goles ante Israel, nun partido correspondente á clasificación para o Mundial.
Trala chegada ao banco da selección da terna Giovanni Ferrari - Helenio Herrera - Paolo Mazza, foi excluído desta e non foi convocado para o Mundial de 1962 en Chile, indo no seu lugar Gianni Rivera, con 18 anos. O Mundial rematou sen gloria para a selección italiana, eliminada na primeira fase e rodeada da polémica, motivada en gran parte pola exclusión de Corso.
Tampouco foi convocado para o Mundial de 1966, por un conflito persoal co adestrador Edmondo Fabbri, e tamén co segundo adestrador, Ferruccio Valcareggi, máis tarde sucesor de Fabbri, que tamén o excluíu da Eurocopa de 1968, gañada por Italia. O 9 de outubro de 1971 xogou o seu último partido coa selección nacional, nun Italia-Suecia (3-0).
En 1967 a FIFA incluíuno nunha selección do Resto do Mundo, nun amigable contra España en homenaxe ao porteiro Ricardo Zamora. Compartiu once titular con xogadores como Gianni Rivera, Mário Coluna ou Eusébio e logrou a vitoria por 3-0.
Despois de retirarse dos terreos de xogo, obtivo o título de adestrador, sendo o seu primeiro equipo o filial do Napoli, co que conseguiu o título do Campionato Primavera 1. Máis tarde dirixiu outros dous equipos do Sur: o Lecce e o Catanzaro. Co equipo do Salento conseguiu a permanencia no campionato da Serie B 1982/83, mentres que no equipo calabrés foi destituído tras só 10 partidos xornadas.
De volta ao Inter, adestrou o equipo xuvenil, ata que en novembro de 1985 o presidente Ernesto Pellegrini confioulle o primeiro equipo para substituír a Ilario Castagner. Debutou o 24 de novembro, cun empate 1-1 ante a Juventus de Trapattoni. O 6 de abril de 1986 gañou o derbi contra o Milan por 1-0, no que foi o primeiro derbi de Silvio Berlusconi ao mando dos milaneses. O Inter acabou o campionato na sexta posición, por diante do Milan, clasificándose para a Copa da UEFA. Non continuou no banco do Inter na seguinte tempada, ocupando o seu lugar Trapattoni.
Na tempada 1987/88 dirixiu o Mantova, ao que levou a gañar o campionato da Serie C2 ese ano a un sexto posto ao ano seguinte na C1. Posteriormente pasou polos bancos do Barletta e o Verona, antes de regresar ao Inter como observador.
Casou con Enrica. Faleceu o 20 de xuño de 2020 aos 78 anos, tras unha breve hospitalización.