Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana,S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia. Foi un dos principais artífices da editorial Galaxia e director xunto a Ramón Piñeiro da revista Grial nos seus primeiros cen números. Ensaísta e narrador, é autor dunha extensa obra centrada sobre todo na cultura e na literatura galega. Fernández del Riego pertence á xeración de intelectuais xurdidos arredor do Grupo Nós.
A cultura non se pode politizar seitariamente, perténcelle ao país, que se interpreta a través dela.
”
Traxectoria
Primeiros anos e formación
Foi o primoxénito dos once fillos de Vicente Fernández Díaz (1880-1945), agrarista e rico comerciante natural de Cedofeita, Ribadeo, e Amada del Riego Fernández (1891-1981), descendente dun escribán, que casaron o 11 de marzo de 1912. Vicente fora voluntario na Guerra de Cuba, fixera fortuna na Habana e con ese capital tornara a Galicia. Os avós maternos, Xesús e Dominica, eran propietarios de terras e casaríos na comarca e rexentaban un negocio de tecidos no baixo da casa en que vivían.
Iniciou a súa actividade literaria con colaboracións na revista Vallibria e xa en Compostela publicou artigos en El Pueblo Gallego, A Nosa Terra e Heraldo de Galicia. A súa participación política iniciouse en 1931 coa publicación dun manifesto galeguista en Vilanova de Lourenzá que asinaba xunto co estudante de medicina Carlos Rodríguez Alonso. En Compostela entrou no Seminario de Estudos Galegos, e incorporouse ao Partido Galeguista logo da súa fundación. En 1932 foi elixido secretario xeral da agrupación Ultreya. Cando se constituíu a Federación de Mocedades Galeguistas foi o seu primeiro secretario xeral, e formou parte do Consello galego de Galeusca (1934).
A guerra civil
Coa Guerra civil española chegou a súa inhabilitación na docencia perdendo o seu posto como profesor de Dereito na USC: no BOE do 8 de novembro de 1937 apareceu o seu cesamento; nese mesmo número eran sancionados Antonia Ferrín Moreiras como axudante da Facultade de Ciencias e Antonio Baltar Domínguez como axudante temporal da Facultade de Medicina.
Fernández del Riego recibiu unha sanción por parte do Tribunal de Orde Pública que fixo que estivera agochado un tempo e, finalmente, decidiu incorporarse ao exército cando foi chamado, para salvar a súa vida. Participou nas batallas do Ebro, Teruel e Estremadura. O Tribunal de Responsabilidades Políticas abriulle expediente, satisfeito o cargo económico, foi pechado en decembro de 1940 coa sanción de tres anos e un día de inhabilitación especial para o desempeño de cargos públicos de mando, confianza e directivos.
A guerra civil foi anos despois material literario da súa novela O cego de Pumardedón (1992), onde a xeración que fixo a guerra aparece representada simbolicamente polo protagonista, un home que queda cego tras o estoupido dunha granada: esa cegueira é unha metáfora da imposibilidade de dar unha visión integral e obxectiva do sucedido.
En 1947 foi detido, encarcerado e xulgado en consello de guerra, sendo finalmente exculpado.
Foi xunto con Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto un dos principais impulsores da Editorial Galaxia (1950), empresa que liderou o proceso de restauración cultural na posguerra. En 1963, xurdiu desta editorial a revista Grial, que Del Riego codirixiu e para a que escribiu de forma asidua recesións literarias e artigos.
O seu traballo no ámbito cultural e a súa extensa obra convérteno nun dos principais intelectuais galeguistas do século XX e comezos do XXI. Entre os seus libros destacan ensaios sobre a cultura e a literatura galegas como Historia de la literatura gallega (1951), Galicia no espello (1954), Diccionario de escritores en lingua galega (1990), A xeración Galaxia (1996) e estranxeiras, como Letras do noso tempo (1974). Deste último libro Carlos Durán dirá que "a abondosa parte (case a mitade do libro) adicada á literatura en inglés e francés é do millor que se pode atopar hoxe en calquera língua culta e podería mesmo servir pra un curso de introdución a esas literaturas", unha obra esta onde Fernández del Riego fai unha severa crítica da "novela de protesta, que naceu nos Estados Unidos e veu desembocar na 'novela verdade' que en Truman Capote, por exemplo, dexenera en reportaxe xornalístico (tal é a manía polo dato e a documentación), chegando por ahí a un calexón sen saída na novela norteamericana" en referencia a In Cold Blood de Truman Capote, aparecida en 1966.
Cultivou tamén a narrativa (O cego de Pumardedón, 1992) e a literatura de viaxes (As peregrinacións xacobeas, 1984). Editou antoloxías poéticas e libros de vocabulario, escribiu gran número de artigos poéticos e biografías. Tamén é autor dun libro de memorias, O río do tempo (1991). No 2003 recompilou a súa correspondencia con Álvaro Cunqueiro e a editou en Galaxia co título Cartas ao meu amigo. Epistolario Mindoniense, e publicou tamén en Galaxia as súas memorias baixo o título de Camiño andado.
En 1995 doou á cidade de Vigo a súa colección de libros, que constitúe a Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego da Casa Galega da Cultura. Foi director da Biblioteca da Fundación Penzol, no mesmo edificio.
Tralo seu pasamento, acaecido en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi incinerado e as súas cinzas depositadas no cemiterio de San Pedro da Ramallosa, Nigrán.
En 2023 Galaxia editou a vida en banda deseñada, Francisco Fernandez Del Riego, o home que valía por mil , con guión de Antón Mascato e debuxos de Pepe Carreiro. E a Revista Grial no nº 237 (xaneiro, febreiro, marzo, 2023) dedicoulle un especial "Francisco Fernández del Riego: testemuño e compromiso", con artigos de Malores Villanueva, Patricia Arias Cachero, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Xosé Manuel Dasilva e Marián Vidal Fraile.
Día das Letras Galegas e Fernández del Riego
Considérase o promotor da idea porque o 20 de marzo1963, Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo propuxeron a celebración do Día das Letras Galegas coincidindo co centenario da publicación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. O 28 de abril do mesmo ano, en xunta ordinaria, a Academia resolveu, por unanimidade, aprobar esta proposta e declarar Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano.
En maio de 2021 a corporación municipal de Lourenzá pediu que o Día das Letras Galegas 2022 se dedicase a Francisco Fernández del Riego.
Obra en galego
Ensaio
Cos ollos do noso esprito(Ensaios breves) (1949). Buenos Aires: Alborada. 178 páxs. Federación de Sociedades Gallegas de Buenos Aires.
Teorías interpretativas da saudade (1953). Vigo: Galaxia.
O río do tempo. Unha historia vivida (1990). Sada: Ediciós do Castro. Serie Documentos. 332 páxs. ISBN 978-84-7492-488-6. Memorias. Reeditado en Galaxia en 2023, 474 páxs. ISBN 978-84-1176-001-0.
Álvaro Cunqueiro e o seu mundo: vivencias e fabulacións (1991). Vigo: Ir Indo. 215 páxs. ISBN 84-7680-042-8.
Presencia de Vigo na industria do libro e nas publicacións periódicas (1991). Sada: Ediciós do Castro. 40 páxs. Con fotografías e ilustracións.
Blanco Amor. Emigrante e autodidacta: a súa vida literaria (1992). Vigo: Ir Indo. ISBN 978-84-7680-098-0.
Con Pondal en Bergantiños (2001). Sada: Ediciós do Castro. ISBN 978-84-8485-006-9. N.º 1 da colección «Biblioteca Fernández del Riego» (2022). Vigo: Galaxia. ISBN 978-84-9151-947-8.
Del Riego xornalista (2023). Sermos Galiza. Conta coas entrevistas de Francisco Fernández Del Riego a Celestino F. de la Vega, Plácido Castro, Franco Grande, Sebastián Martínez-Risco, Cesáreo Saco, Carvalho Calero, Ánxel Fole ou Xohana Torres, entre outras.
Carta enviada a Risco en 1960 avisándoo de que a censura aprobara Leria.
Notas
↑Os irmáns chamáronse: Antonio (1914), Amada (1915), Domingo (1916), Rosa (1917), Fernando (1919), Ana María (1921), Joaquín (1924), Vicente (1927), Jesús (1929) e María del Rosario (1930). Blas 2013, p. 17.
↑Conferencia pronunciada por don Francisco Fernández del Riego. Club de Dirigentes de Empresa - Cámara o Oficial de Comercio, Industria y Navegación. A Coruña.
↑Fernández del Riego (1990). O río do tempo. p. 12. De que familia procedo? Dunha familia cuios apelidos eran Fernández Díaz, e Del Riego Fernández. O meu pai proviña da aldea de Cedofeita, preto de Ribadeo, situada a catro ou cinco leguas de Lourenzá.
↑Blas 2013, p. 17: Nací en Vilanova de Lourenzá en 1913. Por línea materna soy asturiano, descendiente de un escribano, pariente del general Riego, que fue desterrado y se quedó allí. Procedo de una familia de comerciantes acomodados. Mi padre era de Ribadeo. Fue voluntario a la guerra de Cuba, se quedó en La Habana, dedicado a negocios, y al fin regresó para casarse con mi madre. Soy el mayor de once hermanos. Faro de Vigo, 6 de marzo de 1990.
↑Villanueva, Malores (xaneiro, febreiro, marzo, 2023). "Furar nas tebras da clandestinidade. Francisco Fernández del Riego". GrialLXI (237): 75–81. ISSN0017-4181.