O castelán de España é o conxunto de variedades da lingua castelá falada na Península Ibérica. Adóitanse distinguir dúas grandes áreas dialectais: as variedades setentrionais e as meridionais. Algúns autores tamén falan de dialectos para facer referencia ao castelán falado nas zonas de lingua catalá e lingua galega. Nas áreas urbanas de España os dialectos adoitan ser máis homoxéneos; ademais, a alfabetización da poboación, o desenvolvemento e a expansión dos medios de comunicación, especialmente os falados (televisión e radio), e a profusión da literatura dende mediados do século XX fixeron que cada vez sexa máis frecuente o uso dun español peninsular homoxéneo fronte aos dialectos rexionais, que tenden a desaparecer, sobre todo os do norte. Tódolos dialectos do castelán en España son mutuamente intelixibles entre eles, malia que en ocasións poida xurdir certa dificultade de comprensión entre falantes dunha a outra rexión.
Unha das diferenzas máis salientables que hai en España é o uso das tres formas de pronunciación existentes no castelán segundo a rexión, que son o ceceo, o seseo ou, a máis común, a distinción. As variedades do seseo e o ceceo son frecuentes entre as comunidades da zona sur. É común dividir o castelán de España en dous grandes bloques dialectais:
Non existe unha característica común a tódalas variedades de castelán de España, de feito a diversidade interna é practicamente tan grande como a que existe entre o castelán de España e o castelán de América. Os medios de comunicación falados usan para as comunicacións formais unha forma estándar baseada nos rexistros do castelán de Madrid, mentres que o castelán de América comparte máis trazos co castelán meridional có setentrional, sobre todo na fonética. Non debe confundirse o castelán estándar comunmente escoitado na maior parte dos medios de comunicación de eido peninsular co castelán de España, que abrangue variedades dialectais que poden ser bastante diferentes entre elas.